Coas novas leis, a represión polo uso do galego en todos os ámbitos sociais —significativamente, no do ensino — alcanza niveis delirantes entre 1979 e 1985, con mestres e alumnos denunciados e represaliados en toda a Galiza. Se en 1979 e 1980 Manuel María participa nas campañas organizadas polas Asociacións Culturais Galegas "Polo dereito irrenunciábel ao uso do noso idioma. Contra o Decreto de Bilingüismo", en 1981 e anos seguintes farano na organizada baixo o lema "En defensa do noso idioma, contra a represión lingüística".
Diante de tan reiteradas e violentas agresións, non exclusivas do campo do ensino, imponse intensificar, se aínda é posíbel, a actividade cultural, xa que, se ben é mínima a parte social que está contra do galego, a maioría social popular non asume dun xeito activo o compromiso co idioma, posibilitando que uns poucos, co amparo dos rectores políticos instalados nas institucións, freen os avances e conquistas que na restauración do uso do galego se tiñan producido.
Nas primeiras eleccións municipais democráticas sae eleito concellal polo BNG. Entre 1979 e 1983 intentará levar adiante, sen froito ningún, os planos de acción municipal que a cidade demanda.
Manuel María recitando nun acto político celebrado en Rianxo na honra de Castelao.
A finais de 1985, Manuel María renuncia á súa militancia na UPG ao decidir esta organización prometer a Constitución, para non ficaren os deputados nacionalistas fóra do ámbito parlamentario.
Mantén, non obstante o seu traballo cultural, con máis intensidade aínda. Cómpre destacar tamén a súa participación activa nos actos e campañas que a sociedade galega organiza como resposta e contestación a actitudes de agresión á convivencia en liberdade e democracia, bens e dereitos irrenunciábeis, como irrenunciábel é tamén a defensa dos intereses de Galiza.
Para pechar esta aproximación ao seu tempo, só recordar a súa presencia nas celebracións do Día da Patria en Santiago, cada 25 de xullo; a Feira e Festa da Música e da Arte, que organiza desde 1979 en Pardiñas, Guitiriz, cada primeiro domingo de agosto, a Asociación Cultural " Xermolos "; as Xornadas do Ensino Galego, que a AS-PG organiza desde 1977; as Xornadas Pedagóxicas Galegas, organizadas polo IGS-P desde 1986; os Encontros Galeuzca de escritores vascos, cataláns e galegos, celebrados desde 1984 alternativamente en calquera das cidades das tres nacións; os Congresos de Escritores Galegos, organizados pola AELG , desde 1981, etc.
Entre aquela primeira conferencia do 20 de marzo de 1949 en Lugo e o último acto de 1995, tamén en Lugo —un recital colectivo co gallo do centenario do nacemento de Luís Pimentel—, temos documentado 712 actos de tipoloxía tan diversa como os temas neles tratados: 224 conferencias e aulas; 89 mesas redondas e presentacións de obras alleas; 58 ofrendas, pregóns e manifestos; 177 recitais e presentacións de obras propias; 32 participacións en homenaxes, encontros e congresos; 36 sinaturas de libros e participacións como xurado de certames literarios; 8 entrevistas en programas culturais de radio e TV; 8 homenaxes recibidos e 80 actos, algúns presenciais, en que a súa obra poética e teatral foi protagonista, ben como lectura poética, ben como representación. As cifras son frías, neutras, pero testemuñais dun incansábel ir e vir polos camiños de Galiza para, aínda que sexa só por dúas horas, analizar, debater, falar dos problemas, esencias e esperanzas que conforman a realidade galega.
Tan xenerosa entrega tivo o 15 de setembro de 1995 un sentido homenaxe organizado pola AS-PG no marco das Xornadas do Ensino. Na tarde noite do 15 de setembro o Teatro Rosalía de Castro, da Coruña, abarrotado de amigas e amigos chegados desde todos os lugares de Galiza para expresaren, con un poema, un lenzo, unha acuarela, unha salutación ou un sorriso o agradecemento por tantos días e tantos traballos a prol da restauración nacional, foi o escenario ideal do máis grande recoñecemento á súa traxectoria vital como divulgador cultural, como escritor e como galego comprometido con destino de Galiza.