A Etapa Contemporánea III
A narrativa entre dous séculos
Banda deseñada e Novela gráfica

Os inicios. 1975-1989.


Desde que en 1975 saíse Dous viaxes, de Xaquín Marín e Reimundo Patiño , a banda deseñada galega viviu unha evolución complexa, con distintos momentos históricos. Trátase dun camiño marcado pola dificultade para estabelecer un campo baseado nun criterio lingüístico, que fai que en ocasións algunhas das obras relevantes de cada época aparezan noutras linguas ou sexan traducidas tardiamente ao galego.

Durante a primeira etapa do posfranquismo configúrase como un xénero minoritario, con poucos álbums individuais (Ratas, 1978 do propio Xaquín Marín, Esquizoide, 1978 de Antón Patiño) e unha importancia moi marcada de colectivos e fanzines, que suplen o, en principio inexistente, interese editorial pola chamada oitava arte. Unha dimensión colectiva e relacionada coa auto-edición que acompañará a banda deseñada galega durante toda a súa historia até os nosos días.

A estabilidade política e o comezo das políticas de institucionalización fan que comece a apreciarse unha certa utilidade educativa do mundo dos cadriños. Desta forma, orientadas a público infantil e xuvenil comezan a aparecer publicacións periódicas como Bule-Bule (suplemento da revista O ensino), aínda que tamén obras individuais de divulgación histórica como Breve Historia de Galicia (1984) ou Historia da cidade da Coruña (1984), encargadas por distintas empresas e institucións ao colectivo catalán Nono Art. No espírito da divulgación educativa aparece tamén Castelao (1987) de Siro e Suso Cubeiro.

Ao mesmo tempo, vinculados á cultura popular, continúan a abundar os fanzines, e tamén comezan as primeiras publicacións máis ou menos estábeis como as revistas Atlántico Express (1983-1985), Valiundiez (1983-1985), Can sen dono (1983-1990), Tintimán (1984) ou Frente Comixario (1989-1993), publicación vinculada ao colectivo homónimo.

Nesta época comezan tamén as recompilacións de cadriños pensados para a prensa, como o Gaspariño e a serie Dos pés á testa de Xaquín Marín. Como obras individuais podemos destacar as obras Os viaxeiros no tempo (1988) de Fausto Isorna e Norberto Fernández, así como a aparición das colaboracións en castelán de Miguelanxo Prado como Fragmentos de la enciclopedia délfica. (1982-1983), Stratos (1984-1985) ou Crónicas Incongruentes (1985-1986) en distintas publicacións españolas, algunhas delas terán recompilacións publicadas entre os oitenta e os noventa.


Os anos noventa.


Durante a década dos noventa institúense dous encontros que serán fundamentais para o desenvolvemento e dinamización da banda deseñada galega: dun lado a consolidación das Xornadas de Banda Deseñada de Ourense (iniciadas a finais dos anos oitenta) e, desde 1998, o salón Viñetas desde o Atlántico da Coruña. Da mesma forma, continúa o traballo colectivo e de auto-edición vertebrado a través de distintos fanzines, un medio que algúns autores aproveitan tamén para encamiñar a súa obra persoal de xeito individual, como dá fe a actividade de Manuel Cráneo neste sentido.

Parte do sentido colectivo e de auto-edición da banda deseñada galega maniféstase tamén nesta década coa publicación de materiais de intención divulgativa realizados desde colectivos e cun sentido oposto ao da política institucional. É o caso da História da Língua em Banda Desenhada (1992), realizada polo colectivo Pestinho, asociado ao Frente Comixario e publicada pola asociación reintegracionista Meendinho; ou a História da Galiza em Banda Desenhada (1995), realizada polo pintor Leandro para a Associaçom da Língua Artábria. Noutro paradigma completamente diferente, a banda deseñada continúa sendo un dos xéneros preferidos para falar da historia da Galiza, como deixan ver obras como Historia de Galicia: o máxico arrecendo (1993) ou A morte de Ith (1999) de Xosé Luís Veiras.

Como figuras individuais continúa a destacar a traxectoria de Miguelanxo Prado , con obras en galego, moitas veces recompilacións doutros traballos como Páxinas crepusculares (1993) ou versións de historias como Pedro e o lobo (1993). En castelán aparece nesta época Trazo de tiza (1993) que acabaría saíndo tamén en galego moito máis adiante (Trazo de xiz, 2012) en en francés Une lettre trouvée à Lisbonne (1995), publicado despois en portugués como Carta de Lisboa. Tamén Fausto Isorna destaca coa serie orientada ao público xuvenil Un misterio para Simón que, con guións de Aníbal Malvar e Rober G. Méndez, chega a sacar catro volumes entre 1994 e 1999. Interesante por evidenciar a puxanza das creadoras femininas dun lado, e a influencia de formatos como o manga na banda deseñada galega por outro, é relevante citar tamén a miniserie Sheol (1998) de Vanessa Durán.

Durante esta época aparecen tamén algunhas obras individuais en castelán como Remolcamadriña (1997) de Ramón Trigo ou Fábulas benévolas (1999) de Norberto Fernández. Tamén unha figura da talla internacional de Das Pastoras comeza nos noventa as súas colaboracións en castelán con distintas publicacións.


Un novo milenio para a BD galega.

O comezo do novo milenio está marcado por unha certa estabilización dentro da banda deseñada, a aparición de novos proxectos que apoian e dan dimensión a un fenómeno que xa non podía entenderse como algo marxinal. Desta forma, xunto coa continuidade das Xornadas de Banda Deseñada de Ourense e de Viñetas desde o Atlántico, hai que destacar a consolidación de proxectos editoriais moi vinculados coa banda deseñada e coa ilustración como Kalandraka (fundada en 1998) ou a continuidade no apoio por parte doutros como Xerais. Da mesma forma, aparecerán outras casas dedicadas en exclusiva ao medio que conceden unha grande importancia á edición e tradución en lingua galega como Polaqia (2001), Rinoceronte Editora (2005), El Patito Editorial (2007) ou Demo Editorial (2008). Tamén hai que ter en conta a consolidación de centros como a Faculdade de Belas Artes de Pontevedra ou a aparición dun proxecto como O Garaxe Hermético no 2012, especificamente orientado á formación en banda deseñada e dirixido por Kiko da Silva. Da mesma forma, o apoio institucional, aínda que inconstante, estabelece medios para a publicación, rexistro e historia da banda deseñada galega, como a sección dedicada a ela do Consello da Cultura Galega, ou algunhas das edicións do certame GzCrea.

Aínda que a continuidade das revistas continúa sen acadar períodos longos, nesta época edítanse dous medios de referencia como a revista Golfiño (2000-2004), orientada ao público máis novo, e a revista Retranca (2007-2012), tentativa de acadar unha publicación de humor gráfico en galego que chegase ao gran público. Da primeira aparecerán tamén volumes individuais recompilando os seus personaxes máis emblemáticos. A importancia de fanzines e colectivos continúa a ser central. O novo milenio aparece marcado pola creación do colectivo Polaqia (2001-2012) e a publicación da súa revista Barsowia, ademais dunha liña propia de obras. En Polaqia e nas súas publicacións atópanse algunhas das figuras máis relevantes da banda deseñada galega desta época, moitas delas cunha futura dimensión internacional. Nomes como Kike Benlloch, José Domingo, Jano, Emma Ríos, Brais Rodríguez, David Rubín ou Alberto Vázquez atópanse neste contexto.

En canto ao resto do panorama, hai que destacar que, mesmo nun contexto con altibaixos, a publicación de banda deseñada aumenta notabelmente. Dentro desta atopamos novamente temas históricos como a triloxía adicada a Cuba de Fran Jaraba (Cita na Habana, 2000; Campos de Cuba, 2004; Terra libre, 2008), obras como Os lobos de Moeche (2009) de Manuel Cráneo. Tamén outros pensados para un público máis novo como A retirada de Sir John Moore (2002) ou a serie dedicada aos Barbanzóns de Pepe Carreiro.

Porén, ao lado da perspectiva clásica de tratamento histórico hai que destacar proxectos como a colección de catro volumes Castelao (2011-2015) de Iván Suárez e Inacio Vilariño, dedicada á figura do político e artista rianxeiro desde unha perspectiva que vai máis alá do didactismo doutras iniciativas do pasado. Outras liñas que destacan neste sentido son o salto do formato ao ámbito da memoria histórica ou á narración de catástrofes contemporáneas como o desastre do Prestige.

Neste período afiánzase tamén a relación da banda deseñada coa literatura convencional. Dun lado, fai fortuna o polémico concepto “novela gráfica”, tramado como unha dignificación superflua da banda deseñada para vencer os prexuízos do público adulto. Do outro, como un elemento concreto do contexto galego, aparece o seu emprego nas campañas de difusión cultural vinculadas ao Día das Letras Galegas. Desta forma, autores como Jacobo Fernández (Lois Pereiro: Breve encontro, 2011) ou David Rubín (Uxío Novoneyra: a voz herdada, 2010; con guión de Kike Benlloch) van participar desta tendencia. Tamén existen adaptación doutras obras literarias sen intervención da festividade das Letras, como O lobo da xente (2009) de Moxom, sobre obra de Vicente Risco ou Doentes (2009) de Brais Rodríguez, sobre a peza teatral de Roberto Vidal Bolaño.

No ámbito dos cuadriños cómicos continúan en activo figuras como Xaquín Marín, Gogue ou Xosé Lois González O Carrabouxo, que van ser editados en distintos volumes compilatorios. A eles vaise sumar a figura de Luís Davila, que publica sete volumes de O bichero (2014-2017).

A pesar dunha notábel melloría estrutural e social, o panorama da banda deseñada galega desvélase, nesta etapa, como particularmente agridoce. Por un lado temos unha nova xeración, con capacidade para, en ocasións, abordar a súa propia obra persoal alén das precariedades doutros momentos históricos. Creadores como Brais Rodríguez, David Rubín ou Miguel Cuba poden publicar as súas obras individuais en galego, contando con plataformas editoriais e mesmo ocasionais apoios institucionais. Ao mesmo tempo, continúa o camiño de prestixio internacional de figuras como Miguelanxo Prado ou Das Pastoras á que se suman figuras como Emma Ríos ou Alberto Vázquez. Algunhas destas persoas acaban publicando coas casas máis importantes do planeta, colaborando con guionistas da talla de Neil Gaiman ou Jodorowsky, ou con proxectos que dan o salto á animación cinematográfica, como De profundis (2007) de Miguelanxo Prado ou Psiconautas (2017) de Alberto Vázquez. Porén, como en etapas anteriores, o acceso ás súas obras en lingua galega é complexa e moitas veces secundarizada editorialmente. Por outra parte, a escena local continúa sen contar cunha expectativa de apoio e dignificación institucional que permita superar o voluntarismo e o recurso necesario ao traballo colectivo.