Durante o comezo do século XXI, a literatura infantil e xuvenil galega confirmas as tendencias que se foran manifestando durante a década dos noventa: cun aumento notábel de produción, a aparición de novos temas e tamén unha consolidación do recoñecemento internacional que fai do xénero un dos máis destacados da literatura galega. Isto é algo que se deixa notar tamén a nivel editorial, cunha afluencia de obras ilustradas e de gran formato que demostran o bo momento comercial que vive o xénero.
Durante esta época destaca a persistencia de figuras como Xabier Puente Docampo ou Agustín Fernández Paz . Se o primeiro aborda unha serie de temas máis virados á fantasía, en obras como o álbum ilustrado por Xosé Cobas O libro das viaxes imaxinarias (2008), Fernández Paz abordaba temas como o da Guerra Civil en libros como Noite de voraces sombras (2002) ou Corredores de sombra (2006). Da mesma forma, é un momento no que que a obra de Fernández Paz creba as fronteiras do xénero infantil e xuvenil, sendo publicado en coleccións sen marcas de idade (que puidesen espertar o interese das persoas adultas, por tanto) e tendo un recoñecemento internacional sen precedentes con O único que queda é o amor (2007).
Tamén continúa a produción de voces como a de Marilar Aleixandre cunha obra que, de novo, volve ser emblemática polo tratamento da cuestión de xénero: A cabeza de Medusa (2008) na que a borda o tema da violación de dúas mozas. Ao tempo, outros autores como Fina Casalderrey ou Antonio García Teijeiro manteñen a súa produción para o público máis novo, outros como Suso de Toro , Manuel Lourenzo González ou Xosé Miranda intensifican a súa relación cun xénero que tiñan practicado ocasionalmente. É durante este período no que moitos autores que destacaran principalmente na literatura para adultos van facer tamén incursións puntuais na narrativa infantil e xuvenil, como, por exemplo, Xavier Queipo .
Da mesma forma, tamén se produce a consolidación da serie de persoas creadoras que naceran nos anos previos á entrada no réxime do 78. Figuras como An Alfaya , Rosa Aneiros , Marcos Calveiro , Paula Carballeira , Francisco Castro , Antonio Manuel Fraga , Elena Gallego , Teresa González, Santiago Jaureguízar , María Reimóndez ou Xosé A. Neira Cruz consolidan ou abordan os seus particulares universos literarios durante esta época. Trátase dun conxunto de autores con características que van virando cara a unha perspectiva persoal, constituíndo unha parte importante da diversidade temática desta xeración. Desta forma, podemos destacar as referencias da narrativa de Francisco Castro dirixidas preferentemente a problemas sociais como o alzheimer, centro de Chamádeme Simbad (2009), ou á perspectiva da vida e problemas doutras culturas de Marcos Calveiro en obras como Palabras de auga (2012). Tamén destaca a aposta pola fantasía de Elena Gallego co ciclo de novelas Dragal ou o protagonismo tramado nunha ollada feminina que afronta os seus propios retos, característico da obra de María Reimóndez (como en Corredora , 2017). Finalmente, a aposta pola aventura e a pescuda dun autor como Jaureguízar, aparece tamén en obras como na novela de viaxe Plastilina nos pulmóns (2007) ou na serie do detective Tintimán.
Ao mesmo tempo, durante este período aparecen creadoras pertencentes xa a un espectro xeracional distinto, que comparten coas persoas máis novas deste grupo algúns puntos, pero que tamén configuran un momento distinto. Trátase de persoas, non só criadas baixo un sistema educativo que incluía a lingua galega e a promoción da lectura infantil e xuvenil, senón tamén influídas por todo un conxunto de elementos pertencentes ao universo da cultura popular como os videoxogos, a banda deseñada ou a influencia audiovisual. Persoas como María Canosa , Ledicia Costas , Andrea Maceiras ou Iria Misa , caracterizadas en xeral por un acceso temperán á primeira edición, en ocasións aínda na adolescencia. Tamén por unha obra diversa pero con certas liñas concretas ben definidas. Así, María Canosa caracteriza as súas achegas máis relevantes por un vínculo ben marcado co mundo fantástico (A cazadora de estrelas, 2017 ou Muriel, 2017, por exemplo), mentres Andrea Maceiras destaca principalmente nas novelas orientadas a adolescentes ( Nubes de evolución , 2013; Europa Express , 2015). Iria Misa , pola súa parte, parece máis focalizada nas historias de xente nova cunha forte dimensión social, como demostrou na súa obra debut Xa non estou aquí (2016).
Porén, pode que a voz máis relevante destes anos sexa a de Ledicia Costas, autora dunha obra versátil, con multitude de influencias de varios ámbitos culturais e unha actitude de pescuda constante que a leva a experimentar distintos mundos e universos para o público máis novo. Así, podemos destacar dende a novela de instituto O corazón de Xúpiter (2012), a perspectiva do alén mundo dada en obras como Escarlatina, a cociñeira defunta , (2014) ou Esmeraldina, a pequena defunta , (2016) ou o relato J ules Verne e a vida secreta das mulleres planta (2016). Unha miríade de mundos que contaron co respaldo do público infantil e co recoñecemento de premios, algúns deles internacionais.
Ledicia Costas, foto Eugenio Álvarez
É destacábel mencionar que tanto Iria Misa ( Mamá, quero ser Ziggy Stardust , 2018) como a novela xuvenil 22 segundos (2017) de Eva Mejuto supuxeron a chegada á literatura infantil e xuvenil galega dunha temática como a cuestión das persoas transexuais e a súa problemática, unha perspectiva que estivera maiormente inédita neste ámbito.