Carballeira Cabana, Paula

Carballeira Cabana, Paula
Maniños. Fene, 1972
Carballeira Cabana, Paula

Paula Carballeira Cabana naceu o 7 de setembro de 1972 en Maniños (Fene), onde vivíu até os dezasete anos. Xa de nena foi descubrindo no seu interior  - segundo palabras da autora- "unha certa inclinación a fabular outros mundos, preferentemente na literatura e no teatro". Despois marchou a Santiago de Compostela (1989) para estudar a carreira de Filoloxía Hispánica. Unha vez acadada a licenciatura, realizou o Curso de Aptitude Pedagóxica (1995) e seguidamente (1998), o Curso de Especialización en Arte Dramática. Teoría e práctica da interpretación. En Compostela continuou a escribir e a "disfrazarse", introducíndose na pel de personaxes que lle ofrecían "outras vidas; outras palabras". Integrada na compañía de teatro Berrobambán, a nosa autora tense convertido hoxe, nunha significada actriz galega -destacada na súa faceta de "contacontista"- , ademais de escritora, especializada en literatura infantil e xuvenil. Ten actuado en numerosos festivais de narración oral -tanto nacionais como internacionais- e publicado, case, unha trintena de libros. Participou en diversos programas da TVG e ten colaborado como locutora na Radio Galega.

Como autora de literatura infantil publicou  A percura (Edicións do Cumio, 1990); Robin e a boa xente ( Edebé-Rodeira. 1993); Troulas, andainas, solpores e unha farsa anónima (Edebé-Rodeira, 1996); Mateo (Kalandraka, 1999); Olo-iepu-iepu (Galaxia,1999); Un porco e unha vaca xa fan zoolóxico (Xerais, 1999); Paco (Kalandraka, 2001); Correo urxente (Edebé-Rodeira, 2002); O ganso pardo (Edelvives, 2002); A era de Lázaro (Galaxia, 2004); Smara (Kalandraka, 2006); Boas noites (Xerais/Xunta de Galicia, 2007), polo que levou o Premio Manuel María de Literatura Dramática InfantilA casa redonda (Baía, 2008); As outras historias (Galaxia, 2011); Casas (Tambre, 2012); O principio (Kalandraka, 2012); A burra Ramona (Baía, 2013) e O refugallo (Xerais, 2013). Ademais, Paula Carballeira é autora dos poemarios: Contatrás (Positivas, 2006) e Contatrás, II-I (Positivas, 2012). Así mesmo, escribíu as seguintes obras de teatro: Alicia & Alicia (Edicións Morgante, 2010); Pressing catch (Positivas 2010); A folla máis alta (Versión dramática do poemario Contatrás, 2012) e O refugallo (Xerais, 2013), obra galardoada, en 2011 co Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil.

A nosa autora ten publicado en obras colectivas. Escribíu, tamén a novela O lobishome de Candeán (Galaxia, 2009). Ademais doutros premios, en 1988 foi galardoada co 2º Premio do Concurso nacional de contos infantís O Facho, por A morte do mar.