Carballo Carballo, Francisco

Carballo Carballo, Francisco
Celeirón (Asadur, Maceda), 1925 - Salamanca, 2014
Carballo Carballo, Francisco

Francisco Carballo Carballo naceu no lugar de Celeirón, parroquia de Asadur (Maceda-Ourense) o día 8 de marzo de 1925 e finou en Salamanca o 29 de novembro de 2014.  Cuarto fillo de sete irmáns (catro homes e tres mulleres), foi escolarizado aos cinco anos, nunha primeira infancia caracterizada -segundo as súas propias palabras - por tres trazos:  "inocencia, xogo e escola". Mais axiña viñeron dous golpes amargos: o falecemento da súa irmá máis vella, cando o escritor contaba con sete anos e a morte do seu pai, aos once. Porén, continuou os seus estudos e, á idade dos dezaseis anos, optou por un "noviciado de paúles" en Madrid, cidade na que residíu durante catro anos; logo marcharía a Cuenca, por outros catro, para realizar os seus estudos filosófico-teolóxicos. Foi nomeado presbítero aos 24 anos (o 3 de xullo de 1943). Posteriomente, combina a cualidade de profesor que dá aulas de filosofía no seminario coa condición de estudante de Historia na Complutense de Madrid, obtendo a licenciatura en 1954 coa nota de "Sobresaliente". Inmediatamente inicia a súa tese de doutoramento ao tempo de exerceren a dirección do colexio San Narciso de Marín durante catro anos (1954-1958) para. a continuación, marchar para Barakaldo (1958-1965). No ano 1965 é nomeado reitor do Teologado de Paúles en Salamanca. Soplan ventos de renovación teolóxica, ao socaire do Concilio Vaticano II, que Francisco Carballo aproveitará para mudar mentalidades ... Oito anos despois, no 1973, o noso autor decide voltar a Galiza, establecendo en Vigo o seu lugar de residencia, xunto con "cregos obreiros" e en cuxa Escola Universitaria de Maxisterio é profesor (tamén traballa algunhas horas no Instituto Politécnico). Estamos perante unha nova etapa que discorre entre labores varios: profesor e animador cultural (no barrio e na Asociación Cultural de Vigo, que presidíu varios anos; así como na presidencia de Promocións Culturais Galegas, 1977, editora de A Nosa Terra); político (formando parte da ANPG e no BNG) e relixioso (a través da Igrexa galega dos "Coloquios"; de Irimia, etc). Francisco Carballo foi un dos fundadores do semanario A Nosa Terra en 1977 da que foi un firme e perseverante colaborador. Tamén cooperou con revistas como A Trabe de Ouro e Encrucillada. Presentouse como candidato ao senado polo BNPG nas eleccións de 1979. En 1981 foi condenado a seis meses e un día de prisión menor e a 20.000 pesetas de multa por calumnias á policía no libro Historia de Galicia. Nos últimos anos, en consoancia cunha traxectoria vital de defensa de Galiza, do seu idioma  e da necesidade de dotármonos de medios de comunicación propios, volta a facer parte dun grupo promotor no nacemento dun novo meio de comunicación galego, Sermos Galiza. Unha vez xubilado pasou a morar na península do Morrazo. Morreu en Salamanca.

Aínda que os seus comezos como escritor tiveron lugar só en revistas relixiosas (durante os anos 1946 a 1949), logo  poñerá a súa escrita a disposición de toda a sociedade, deixándonos, como escritor, unha obra de enorme significación para a comprensión do século XX na Galiza, desde as perspectivas da historia, o xornalismo e a teoloxía. Entre os seus ensaios máis importantes, destacan os títulos A igrexa galega (A Nosa Terra, 1995); Alexandre Bóveda (A Nosa Terra, 1999); Breve Historia de Galiza (A Nosa Terra, 2000) ou Martín Sarmiento (A Nosa Terra, 2002). Participou, o noso autor, en obras colectivas moi significativas para a historiografía galega; a saber: Historia de Galicia, 1979 (editada pola Frente Cultural da ANPG); na Historia de Galicia, editada no 1992 por A Nosa Terra ou, por último, colaborou na obra titulada Historia Xeral de Galicia, publicada en 1997 (tamén pola editora de A Nosa Terra). Así mesmo, é de salientar a súa participación en títulos de autoría colectiva, como Castelao contra a manipulación (Xistral, 1984); A nosa literatura, (1988); 12 anos na búsqueda da nosa identidade (1990); O mundo desde aquí (IGADI, 1993) e outras. É de salientar o título Conversas con Francisco Carballo, de Santiago Prol e Xan Carballa (A Nosa Terra, 2002), libro no que o intelectual e escritor, "desvela" a súa "interioridade". 

 



 I