Asociación Cultural de Vigo. Impulsada por un fato de persoas de perfil ideolóxico diverso, mais con predominio do nacionalismo, no ano 1965 fundouse a Asociación Cultural de Vigo, coa vocación de constituír un foro de debate político e do ser galego na cidade, ao tempo que servir de cobertura á clandestinidade fronte á ditadura. Estas liñas orientaron a súa primeira xeira, dende a fundación até os estertores do franquismo, relevándose na presidencia Camilo Nogueira, Méndez Ferrín, Nemesio Barxa ou Bautista Álvarez, entre outros. Ademais de servir de cobertura ao nacionalismo organizado, a “Cultural” realizou unha intensa actividade visualizada na convocatoria de cursos de lingua galega, audicións radiofónicas, recitais e presentacións musicais, representacións teatrais, multitude de conferencias dos vellos referentes nacionalistas e actos multidisciplinares como os festivais celtas celebrados no auditorio de Castrelos.
Nun segundo período, entre 1979 e 1986, a directiva presidida por Francisco Carballo asumiu o repto de achegar a cultura galega á sociedade, co obxectivo claro de identificar á xente coa súa patria. Foi a xeira de meirande proxección: convocouse ao asociacionismo de base vigués para a recuperación do Antroido e organizáronse actividades como o cineclub, as excursións culturais, mostras de arte popular, cursos de lingua, literatura, historia, xeografía, ciclos de conferencias e palestras (Benedetti, Araúxo Iglesias, Costa e Gómes...), a creación dun obradoiro de audiovisuais, cuxas producións percorreron todo o país presenciadas por milleiros de espectadores, e a organización de grandes eventos como o concerto do Canto General con Theodorakis ou a homenaxe multitudinaria “Galiza a José Afonso”, aínda en vida do artista.