A Asociación Cultural Francisco Lanza de Ribadeo legalizou os seus estatutos no ano 1971, mais xa levaba algúns anos desenvolvendo actividades. A máis destacada era a Feira do Libro Galego.
Debe o seu nome ao destacado galeguista, xornalista e escritor, Francisco Lanza Álvarez, nado en Ribadeo no ano 1892, membro do Seminario de Estudos Galegos e autor de libros como Ribadeo Antigo e Falan os de Ribadeo.
Aínda que os estatutos non puidesen -pola ditadura- recoller eses obxectivos, a A. C. Francisco Lanza sempre velou pola dignificación e desenvolvemento da cultura galega, da cultura local, así como a defensa da lingua galega, promovendo, tamén, o debate e concienciación política nun momento en que isto non tiña outras canles. Hoxe, cuns estatutos actualizados, os ideais seguen a ser os mesmos.
Por Ribadeo pasaron un bo número de escritores e escritoras galegas, grazas ao traballo xeneroso e intenso das persoas que integraron esta asociación. Tamén se creou, no seu seo, un grupo de teatro que representou todo tipo de obras, desde Os vellos non deben de namorarse a outras traducidas ao galego, como as de Chejov. Mantívose unha emisora de radio, actividades como a romaría da Xira de Santa Cruz, Xornadas Náuticas, Xornadas de Historia Local, paseos, Escola de Verán, concertos musicais, publicación de libros e revistas de contido variado, celebracións anuais como o día de Rosalía ou das Letras Galegas, exposicións como Palabras no Balcón, lecturas públicas...
A A. C. Francisco Lanza segue viva e activa na actualidade. Algunhas das actividades seguen sendo as dos seus primeiros anos; outras van mudando e outras son totalmente novas, mais a perseveranza na defensa do que nos define como galegas e galegos continúa.