Xosé Carballude Blanco (máis coñecido como Pepe Carballude), naceu na aldea de Rubín (concello da Estrada) o 15 de agosto de 1956. Na súa casa familiar non abondaban os libros, mais si a narración oral de historias diversas, que influíron grandemente -xa desde a infancia- na súa arela de converterse en escritor de contos semellantes. Realizados os seus primeiros estudos nunha escola rural do concello da Estrada, na adolescencia, transládase a Ourense -interno- para estudar o bacharelato e C.O.U. De aí, marcha a Santiago de Compostela, en cuxa Universidade estuda e obtén a licenciatura en Filoloxía Clásica. A partir de aí, pasou a traballar nun instituto en Badajoz até que aprobou as oposicións á agregaduría de latín e foi destinado a Vilagarcía. Posteriormente, aprobou a cátedra na antedita materia e foi destinado a Carballo. Actualmente é profesor de latín no IES Xosé Neira Vilas de Perillo (Oleiros).
Comezou a escribir ao tempo que se presentaba ao II Concurso da editorial O Barco de Vapor, no que quedou finalista. A partir de aí compaxina a creación literaria, no ámbito da literatura infanto-xuvenil, coa investigación e a tradución. Exemplos deste último labor, son os títulos, Fábulas de Fedro (Xunta de Galicia, 1988. Con Rosa García Vilariño e Xosé María Liñeira.) e Sobre a vellez; Sobre a amizade de Cicerón (Xunta de Galicia. 2005). como autor de narrativa infantil e xuvenil. é autor, entre outros, dos seguintes títulos: O xílgaro pintor (Galaxia, 1987); Os gazafellos ( SM.,1987); Andainas de Pedro Chosco (S. M., 1989); O talismán dos druídas (Galaxia, 1989); Investigación 091 (S. M. , 1989); Os enredos de Olalla (1990); O deus desaparecido (S. M., 1991); A fraga misteriosa (S. M, 1992); A historia do home-can (S. M. - Everest , 1993); S.O.S. (Galaxia, 1994); Romaxe de desventuras (Edebé-Rodeira, 1997); ¡Maldito D.N.I.! (Xerais, 1998); Andrea quere ser maior (Everest Galicia, 1998); Os enredos de Olalla (Everest Galicia, 1999); Mimos e máis mimos (Galaxia, 1999); Paisaxe con fondo gris (Galaxia, 2001); De cómo o Santo dos Croques se fai peregrino (2002); Os Gazafellos (Galaxia. 2006) ; Miña avoa ten 13 anos (Tambre, 2006); Xograres dun tempo novo (Everest Galicia, 2009); Marxinados (Galaxia, 2014).
Pepe Carballude colaborou nalgunhas obras colectivas e foi galardoado en dúas ocasións co Premio Barco de Vapor de Literatura en Galego, en 1990 e 2002, respectivamente por O deus desaparecido e De como o Santo dos Croques se fai peregrino, entre outros premios ou galardóns.