Canosa Blanco, María

Canosa Blanco, María
Cee, 1978
Canosa Blanco, María

María Canosa Blanco naceu o 20 de agosto de 1978 na vila de Cee, onde residíu até que comezou os estudos universitarios, trasladándose á cidade da Coruña, en cuxa universidade acadou o título de Enxeñería de camiños. canais e portos. É posuidora, ademais, do título de especialización en idioma galego, expedido pola Escola oficial de Idiomas desta súa cidade de residencia. Actualmente exerce profesionalmente a enxeñería, ademais de realizar outros traballos relacionados co mundo da comunicación e das letras. Proba do anterior é a súa colaboración como articulista no xornal La Voz de Galicia; a súa participación radiofónica nalgúns programas da Radio Galega e de Radio Voz ou a súa intervención, en calidade de de "experta" no antigo programa televisivo da TVG, Cifras e Letras e, máis recentemente, en Verbas Van -espazo que veu substituír ao anterior-. A súa vinculación coa literatura provén desde idade moi temperá, pois xa desde a infancia comezou a escribir e a presentar os seus traballos a diversos concursos literarios, nalgún dos cales foi galardoada. Así, ocorreu co Premio de contos convocado pola asociación cultural O Facho, no ano 1996, (e que volveu obter en 1992) ou o que veu da man da asociación cultural Xermolos, no certame literario Terra Cha. 

A súa escrita vai destinada, principalmente, a un público infanto-xuvenil e, desde a súa primeira publicación narrativa en 1997 (Bramido Maino. Edicións do Castro) até a actualidade (Parar o Mundo. 2015, Ed. Trifolium), xa sobrepasan a vintena, os libros que viron a luz; entre outros : A pedra de seixo (Sotelo Blanco, 1997); Á espreita na penumbra (Sotelo Blanco, 1999); Leo era un león (Ir Indo, 2002); San Xoán (2006); Leite con cacao (2007); Entre papoulas (Everest Galicia, 2009); Matías, un pito de campionato (Galaxia, 2010); O papaventos de Laura (Deputación de Ourense, 2011. Premio Pura e Dora Vázquez); O Crebanoces (Pablo Zaera Editor, 2011); A tartaruga de Martiño (Everest Galicia, 2011); Acuario (Ed. Embora, 2012); Xiana, a nena pirata (Everst Galicia, 2012); Viaxes de inverno (Everest Galicia, 2013); Acuario 2 (Ed. Embora, 2014); Ana xa chegou! (Everest Galicia, 2014); Druídas (Embora, 2014); Papá que son os sorrisos? (Galebook, 2014); Pasen e miren (Bulubú, 2014); Vagalume de versos (Galaxia, 2014) e Rubicundo (Xerais, 2015).

María Canosa é autora, ademais, da novela Faíscas (Galaxia, 2009); do poemario Ronca o mar (Edicións Fervenza, 2011) e do ensaio Do A ao Z con Neira Vilas (Everest Galicia, 2010), así como diversas colaboracións para obras colectivas.