Casalderrey, Fina

Casalderrey Fraga, Xosefa
Pilarteiros - Santo André de Xeve (Pontevedra), 1951
Casalderrey, Fina

Xosefa Casalderrey Fraga (máis coñecida como Fina Casalderrey) naceu no mes de agosto de 1951 no lugar de Pilarteiros, parroquia de Santo André de Xeve (Pontevedra). A súa infancia desenvolveuse nun ambiente rural e humilde, arredor das aldeas de Xeve e do lugar do Castelo, en Lérez. Comezou o bacharelato no instituto da Avenida de Montero Ríos e continuou no novo Instituto Feminino (antiga Escola Normal) onde rematou o bacharelato "elemental". Deseguido estudou maxisterio cando a Escola Normal xa fora trasladada á beira do río Lérez. Como docente, deu aulas en diversos centros públicos de ensino do país, até permanecer durante vinte e cinco anos deenvolvendo esta profesión no -daquela- Grupo Escolar Santa Lucía de Moraña e os dez últimos anos, previos á súa xubilación, no IES Illa de Tambo de Marín. Actualmente vive no lugar do Cruceiro, en Lérez. Diplomada en Lingua e Literatura Galegas pola Escola Oficial de Idiomas (Pontevedra), a súa vontade por achegar a escola á realidade, levouna a traballar, xunto co seu alumnado, en diferentes traballos pedagóxicos, así como en investigacións etnográficas, moitos deles premiados, no seu día por diferentes institucións e que, en parte, foron publicados polo Concello de Moraña en 2002 (Terras de Moraña: Unha realidade na historia, na lenda, na lembranza ...), baixo a coordinación de Mariano García. A maiores dos múltiples premios recibidos pola súa obra literaria, a nosa autora recibíu numerosos galardóns polos seus traballos relacionados coa pedagoxía; a etnografía; a gastronomía ... así como polas súas achegas xornalísticas.

A súa inxente obra literaria está centrada no ámbito infanto-xuvenil. Así, desde a novela Mutacións xenéticas (Vía Láctea, A Coruña, 1991) até a última, Icía quere cambiar o mundo (Parlamento de Galicia, 2015), van alá máis dunha cincuentena de libros, entre eles, os seguintes títulos: Dúas bágoas por Máquina (Xerais, 1992); A noite dos coroides (Vía Láctea, 1993); ¡Asústate, Merche! (Xerais, 1994); O misterio dos fillos de Lúa (S.M. Madrid, 1995); ¡Prohibido cassar, papá! (Galaxia, 1996); ¡ Puag, que noxo! (Editores asociados: Galaxia, 1997); Ás de mosca para Anxo (1998); O misterio do cemiterio vello (Ed. S.M, 1999); A máscara de palma (Galaxia, 2000); Un saco de estrelas (Xerais, 2001); Derradeira carta ós Reis Magos (Xerais, 2002); Lúas de nácara (Xerais, 2003); Eu son eu (Xerais, 2004); O meu avó é unha gata (Xerais, 2005); Isha, nacida do corazón (Rodeira, 2006); A lagoa das nenas mudas (Xerais, 2007); O misterio da casa do Pombal (SM, 2008); Fiz, o coleccionista de medos (OQO, 2009); Un saco de estrelas (Xerais, 2010); Un misterio na mochila de Alba (Oxford, 2011); Dúas letras (Galaxía, 2012); Historia da bicicleta dun home lagarto (Xerais, 2014); ...  De materia gastronómica son os ensaios Repostería en Galicia; Festas Gastronómicas de Galicia, ou O libro da empanada (publicados en Xerais, nos anos 1997, 1994 e 1993, respectivamente). Casalderrey é, ademais, autora de tres guións cinematográficos e outras moitas publicacións. En 1995 foi Premio Barco de Vapor e Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil pola obra O misterio dos fillos de Lúa. Dende novembro de 2013 forma parte da RAG (Real Academia Galega) como membro numerario. O seu discurso de ingreso levou por título: Viaxe á semente. Dende os refachos do corazón ata onde habita o imaxinario.



 
 

Obras
Podesvir (1997)
Chamizo (1994)