Casal Silva, María Uxía

Casal Silva, María Uxía
Santiago de Compostela, 1957
Casal Silva, María Uxía

María Uxía Casal Silva naceu o 13 de maio de 1957 en Santiago de Compostela, cidade na que vivíu até os vinte e sete anos, idade á que se transladou a Ourense para impartir a docencia no ensino público durante dezaoito anos. Estudou no colexio de San Paio, único colexio laico e feminino que, naqueles anos, había na cidade. Alí foi escolarizada, aos tres anos, e alí permaneceu até finalizar o bacharelato. Rematado COU, comeza os seus estudos universitarios na Facultade de Xeografía e Historia, onde obtén a licenciatura (no 1979) na especialidade de Historia da Arte Moderna e Contemporánea. Ese mesmo ano, iniciou estudos universitarios en Filoloxía Románica e, no 1981, cambia a Filoloxía Hispánica, obtendo a súa segunda licenciatura no ano 1984. Combinou a súa formación académica universitaria coa impartición de aulas de francés e literatura nun centro da Terceira Idade, así como de idioma castelán en cursos para extranxeiros da Universidade de Santiago de Compostela (en adiante, USC) durante un par de veráns. En 1984 marcha a Ourense, en cuxa Universidade Laboral, dá aulas de lingua galega. En 1986, aproba as oposicións de ensino secundario, de Lingua Galega e en 1987 comeza a exercer a docencia no Instituto As Lagoas, na cidade das Burgas, onde permaneceu até 2003, data na que se xubilou por problemas crónicos de saúde. Actualmente, reside en Ribeira.

A súa andaina literaria comezou no ano 1994 coa publicación do seu libro Un ano de fábula en catro estacións (Sotelo Blanco), aos que seguiron  As ás de Xenoveva ( Galaxia, 1996); Saturno tamén é deus (Galaxia, 1997); O faro de Arealonga (Xerais, 2001) ou Sede en Ourense (Galaxia, 2005). Así mesmo, a autora participou con senllos relatos en dous libros colectivos, tales como `O pequeno Mario' para Narradoras (Xerais, 2000) e  e `A palabra de Deus' para Longa lingua (Xerais, 2002). Tamén colaborou coa librería 'Cartabón' de Vigo, na obra colectiva, Mini.relatos (1999) con `O nacemento da Humanidade'. Tarde de aventuras, en Contos de ogras, aventuras, baladas e piratas (Xunta de Galicia, 2006) é outro título colectivo no que participou esta nosa autora.

Uxía Casal é posuidora dun blog (http://gradicela.blogspot.com.es/), desde o que escribe con certa periodicidade.