Fernández Paz, Agustín

Fernández Paz, Agustín
Vilalba, 1947 - Vigo, 2016
Fernández Paz, Agustín

Agustín Fernández Paz naceu en Vilalba (Lugo) en maio do ano 1947 e morreu en Vigo en xullo de 2016. Perito Industrial Mecánico; Mestre de Ensino Primario; Licenciado en Ciencias da Educación; Diplomado en Lingua Galega. Foi profesor de Lingua e Literatura Galegas no IES Os Rosais 2, de Vigo.
Traballou como profesor de EXB en diferentes Centros escolares. Entre 1988 e 1990 foi membro do Gabinete de Estudios para a Reforma Educativa, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, formando parte do equipo de Lingua que preparou os Deseños Curriculares para as etapas de Primaria e Secundaria. De 1990 a 1995, traballou como Coordinador Docente de Galego. Foi membro da Ponencia de Lingua do Consello da Cultura Galega e asesor do Programa SOL, da Fundación Germán Sánchez Ruipérez.
Desde mediados dos anos setenta estivo ligado aos movementos de renovación pedagóxica. Foi membro fundador dos colectivos Avantar e Nova Escola Galega. Xunto con outros profesores/as, organizou diferentes eventos (Xornadas Municipais de Pedagoxía de Mugardos; Xornadas de Normalización Lingüística de Nova Escola Galega, etc.) e participou na elaboración de numerosos materiais didácticos (os principais, detállanse na bibliografía).
É autor de diversos traballos espallados por xornais e revistas (As Roladas, Cuadernos de Pedagogía, Revista Galega de Educación, CLIJ, Signos, TEXTOS, Revista Galega do Ensino (nesta última, levou durante varios anos a sección "O pracer de ler"), etc.). A maior parte dos mesmos xiran ao redor de temas como a normalización lingüística no ensino, a didáctica da lingua, a promoción da lectura, a literatura infantil e a introducción dos medios de comunicación nas aulas. Sobre estes temas impartiu numerosos cursiños e conferencias, tanto dentro como fóra de Galicia.
Ademais dos premios correspondentes ao seu labor literario (Merlín, Lazarillo, Edebé Juvenil, Rañolas, Raíña Lupa, Protagonista Jove.) hai outros traballos seus que mereceron diferentes galardóns. Entre eles, cabe salientar o 1º premio dentro do "Concurso de Guións de Vídeos Didácticos" do Concello de Fene, cun traballo escrito en colaboración co historiador Bernardo Maiz e titulado Xan de Xenaro: memoria de 32 anos, sobre a vida dun guerrilleiro do "maquis" galego. Polo conxunto dos seus escritos sobre cómics concedéuselle, en 1992, o "Premio Ourense de Banda Deseñada". No ano 2001, os concellos da Terra Chá dedicáronlle o Día das Letras Chairegas.
É un dos actuais directores da Colección "Merlín" de literatura infantil e xuvenil. Codirixiu, así mesmo, diversas series de materiais didácticos: Nobelos de Papel (para o ensino globalizado en galego no Ciclo Inicial), ¡Ámote, mundo! (para a Area de Experiencias) e as series de Lingua Galega, CANLES, LABIA e LINGUA E.S.O.. A un destes libros, CANLES 5, concedéuselle o Premio Nacional "Emilia Pardo Bazán", instituído polo MEC, para libros de texto non sexistas.

Obras
Valados (2009)
¡Upa! (2008)
Rapazas (2003)