O personaxe que está escribindo foi inventado na primavera do 88. E, en canto chegou ao plano ficcional da realidade, decatouse de que quería ser poeta. Por iso decidiu chamarse “Rosalía” e nacer na Costa da Morte.
O personaxe que está escribindo interpreta o papel de Rosalía Fernández Rial (Carballo-Muxía, 1988), unha actriz que se licenciou en filoloxía pola USC, estudou acordeón no conservatorio de Carballo e… Si. A partir desta primeira escena, a obra podería irse desenvolvendo dun xeito lineal e sinxelo. De non ser porque o dramaturgo que a imaxinou acaba de concederlle ás súas fantasías o poder de crear. O esquizofrénico poder de crear…
Cambio de atrezzo; máscara aberta e rol sen guión. Sobre as táboas, a loucura de existir; voces na cabeza. Berros líricos que me perseguen; gorxa de palabras con vertixe; contratempos dun jazz desordenado. Non podo. Non quero deixar de ser… Poesía!
Péchase a cuarta parede, comeza a función…
O personaxe que inventei está escribindo, sobre Follas de Carballo (colectivo, 2011), a música duns versos En clave de sol (2009). Acto seguido, achégase á marxe extrema do escenario e ameza ao público, soltando: Átonos (2011)! Cunha estacha de fume na man… Entón, entre os soños do vapor máxico, aparece un exército de pintores e pianistas. Os poemas van cambiando de xénero, vólvense teatrais, e protagonizan representacións polas diversas páxinas da xeografía galega (Carballo, Muxía, A Coruña, Compostela, Ribadeo…). Estrofas rodantes, que para a vindeira tempada teñen previsto dous novos espectáculos: Vinte en escena e Un mar de sensacións.
VINDEIRA TEMPADA
Rosalía Fernández Rial deixa de ser un personaxe de teatro convencional e aterra o seu corpo na greta da arte contemporánea. O desequilibrio non lle impide recordar o papel vital dos seus libros pasados: En clave de sol (Lumieira, 2009), Átonos (Lumieira, 2011) ou Follas de Carballo (Colectivo, 2011). Mais si a empurra a situarse na corda frouxa das publicacións presentes: as individuais Vinte en escena (Ed. Positivas, 2012), Un mar de sensacións (Semescom, 2012) e Ningún amante sabe conducir (Ed. Positivas, 2014) e as compartidas Contos de taberna (Embora, 2014) e Catálago (2015). Sen perder de vista o remate da súa Tese doutoral, que a segue vinculando á Universidade de Santiago de Compostela.
Non obstante, desde o abismo non hai arneses gráficos que resistan, de aí que a obra de Rosalía siga caendo en forma de CDs como o de ELO ou BARRO e en videopoemas ou proxectos escénicos como os que se poden ver a través da web oficial da autora: http://rosaliafernandezrial.com/
[Setembro, 2015]