Ledicia Costas é unha escritora galega licenciada en Dereito pola Universidade de Vigo. Empezou a escribir desde moi nova, sendo unha autora versátil que transita os máis diversos temas, estilos e xéneros. A súa primeira novela publicada foi Unha estrela no vento (Edicións Xerais 2000), libro que escribiu cando era unha adolescente e que actualmente vai pola 17ª edición.
Mentres cursaba os seus estudos de Dereito gañou diversos premios literarios convocados pola universidade, tanto de relato como de poesía.
Nos últimos anos recibiu importantes recoñecementos, coma o Premio Merlín de literatura infantil, pola súa obra Escarlatina, a cociñeira defunta. Por ese mesmo libro, o Ministerio de Cultura concedeulle o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil no ano 2015. Ademais, Escarlatina entrou a formar parte da prestixiosa Lista de Honra do Ibby no Congreso Internacional celebrado en Auckland, Nova Zelanda, no 2016.
Traducida a varias linguas, Escarlatina, a cociñeira defunta tivo unha gran acollida polo público infantil, vendendo máis de 20.000 exemplares en Galicia desde a súa publicación. Foi cualificada coma unha obra “extraordinara, humorística e rompedora, que destaca pola súa sinxela lectura, humor escalofriante e con grande habilidade para desmitificar o tema da morte”.
Coa novela de aventuras Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta conseguiu o Premio Lazarillo de creación literaria do 2015, o Premio Fervenzas Literarias á mellor obra de literatura xuvenil do ano 2016 e o Premio ao mello libro do ano na categoría Infantil e Xuvenil, na II Gala do Libro Galego.
O seu libro de relatos sobre a II Guerra Mundial Un animal chamado néboa, recibiu por unanimidade o Premio Losada Diéguez de creación literaria 2016. O xurado destacou que o conxunto de relatos que configuran esta obra «conseguen demostrar a condición global da memoria dos traumas da nosa historia recente, grazas a un hábil manexo de innumerables fontes documentais», incidindo no feito de que a autora «ofrécenos unha crónica do mellor e do peor da condición humana».
Coa novela “A balada dos unicornios” gaña o Premio Lazarillo 2017, converténdose na única autora galega en lograr en dúas ocasións este galardón.
Biografía alternativa:
Nacín unha tarde de setembro. De pequena o que máis me gustaba era ler, arrincarlle os cables ás bonecas e visitar cemiterios. Estou convencida de que os libros que devorei sendo unha nena marcaron de xeito irremediable o meu futuro. Por algunha razón que aínda non comprendo, estudei Dereito. Exercín uns anos como avogada, pero desde hai xa tempo dedícome por completo á literatura, cousa que me fai moi feliz. Sigo visitando cemiterios, todos os que podo. Teño centos de fotos en cemiterios de distintos lugares do mundo. Gústanme as historias de meigas, pantasmas e mortos. Son unha lectora apaixonada de autores como Agustín Fernández Paz, Neil Gaiman, Angela Sommer-Bodenburg, Astrid Lindgren ou Philip Pullman. O meu director de cine favorito é Hayao Miyazaki e a miña serie de animación de referencia Dragon Ball, baseada nun manga escrito e ilustrado por Akira Toriyama. Teño devoción polas ilustracións de Ana Juan e Nicoleta Ceccoli. Non sei cantas historias me quedan por escribir. Agardo que varias ducias. A miña intención é seguir dando o mellor de min en cada libro. Porque as mellores historias son as que se escriben coa cabeza pero, sobre todo, co corazón.