A Etapa Contemporánea III
A narrativa entre dous séculos
Sexualidade e erotismo na narrativa contemporánea.

É á altura de 1990 cando Xerais lanza as recompilacións de contos Contos eróticos, eles e Contos eróticos, elas. Os dous volumes, moi limitados desde o seu propio concepto de división por xéneros e, particularmente, polas visións da sexualidade ofrecidas en cada caso, a maioría en perspectivas convencionais, onde abundaba a violencia, supoñen un dos primeiros pasos da cultura da normalización para encher outro dos ocos do acervo galego. A necesidade de falar dun tema considerado tabú pola dinámica cultural precedente ten un desenvolvemento complexo durante as seguintes décadas. A creación, en 2002, do premio Narrativas Quentes, por unha editorial situada vocacionalmente nas marxes da corrente principal da edición en galego, supón, á súa vez, unha marca máis da excepcionalidade dunha temática que non acaba de ter un xénero propio asentado e que simplemente contaba con exemplos puntuais ou tratamentos concretos en obras con outros temas principais. Ao mesmo tempo, o feito do premio ser bianual, sen dotación económica e cunha alta taxa de edicións desertas (tres das oito convocadas entre 2002 e 2018) evidencia tamén as dificultades para atopar elementos que enchan ese acervo. A pesar deste éxito modesto, o premio ten o mérito de atraer ao xénero voces que habitualmente non o practicaban, como Francisco Castro (finalista da I Edición en 2002 con Xeografías ). Tamén é de destacar a afluencia de mulleres no certame, con tres gañadoras dos cinco certames que non quedaron desertos: Chelo Suárez (Os Milagres de Cristamar, 2008), Eva Moreda (Organoloxía, 2010) e Emma Pedreira ( Corazón e demais tripas , 2016). O premio ofrece propostas interesantes como Infidelicidades (2001) de Manuel Lourenzo González ou O lobo da xente (2003), de Alberte Momán .

Corazon e demais tripas, Emma Pedreira


En rigor, ademais das colectáneas mencionadas e do premio Narrativas Quentes, o tema da sexualidade foi tratado, nesta período de entreséculos, de forma particularmente intensa por autores como Xosé Cid Cabido (por exemplo, no conxunto de relatos Oralmente pola boca , 1997), Anxo Rei Ballesteros (Non sei cando nos veremos, 2005) ou Bieito Iglesias (entre outras, obras como O mellor francés de Barcelona , 1999; A historia escríbese de noite , 2001; ou A vida apoteósica , 2001). Trátase de achegas que pescudan en distintas perspectivas sobre a sexualidade e que fan un evidente esforzo para fuxir do convencional, aínda que en xeral reproducen os mesmos esquemas imperantes da heterosexualidade, tamén cun tratamento tópico na representación da muller como femme fatale, prostituta ou cunha personalidade vacilante e indecisa.

De afán máis innovador, son as propostas presentadas en libros de relatos como O lobo da xente (2003) de Alberte Momán , ou Dz ou o libro do esperma (2006) e Gran tiburón branco (2012) de Samuel Solleiro , con narracións que xogan na liña de transgresión do convencional, con incursións ocasionais en territorios extremos, sempre cunha mirada predominantemente masculina pero que se auto-cuestiona. Unha aposta que podemos relacionar, pola súa vontade de mudar o punto de vista convencional sobre a sexualidade, cun autor que, como Xulio Pardo de Neyra , ten dedicado ao erotismo o seu proxecto narrativo con obras como O nome do arrecendo (2013) ou Intensa e quente é a túa humidade azul (2014).

O novo século vai ver tamén as súas propias antoloxías orientadas ao erotismo. Plug & Play (2015), lanzada por Urco editora, preséntase como a primeira antoloxía galega de ciencia ficción erótica. Trátase dunha colección ambiciosa, que reúne principalmente nomes consagrados como Manuel Lourenzo González (cun relato rescatado de Infidelicidades), Ramón Caride , Xesús Constenla, Mariña Pérez Rei ou Xerardo Méndez, con outros de autores máis novos ou iniciantes. Na mesma década publícase tamén Abadessa, oí dizer (2017), un libro baseado na autoría feminina, un tanto desigual en canto a calidade narrativa, pero que permite o encontro entre unha representación convencional da sexualidade feminina, moitas veces explotando a relación coa natureza e o sexo como apoteose, con outra que explora os territorios menos transitados e non teme cuestionar algunhas das bases asentadas da cuestión. A colección, publicada en galego reintegrado, reúne autoras ben coñecidas en distintos xéneros como Emma Pedreira , María Lado , Eva Xanim, Raquel Miragaia, Rexina Vega , Susana Sánchez Aríns, Teresa Moure ou Verónica Martínez Delgado.

Abadessa, oí dizer, Através editora

Probabelmente sexan as autoras que se situaron nas marxes do non categorizado, nunha perspectiva queer, mestiza e relacionada co abxecto e co monstruoso as que teñen dado os mellores exemplos dun erotismo contemporáneo, aínda que en boa medida desvinculado dun xénero específico. Obras como Sangue 12 (2014) de Cris Pavón ou Ostrácia (2015) de Teresa Moure , así como algúns dos relatos de Emma Pedreira supoñen unha superación das vellas dinámicas asociadas á sexualidade na literatura, nun momento no que a súa inclusión como parte das tramas narrativas deixou de ser unha excepcionalidade que tivese que ser reparada. Ao mesmo tempo, son obras que xogan con modas da literatura de masas orientadas a representar o romance heterosexual convencional (como a novela sentimental de vampiros ou a  novela sentimental sobre BDSM), para subvertelas e levalas a un territorio revolucionario. Un longo percorrido desde a separación de xéneros e a perspectiva tópica e asociada á violencia contra a muller que primaba nos anos noventa e que, a pesar de todo, aínda continúa viva en certas achegas narrativas.