A Etapa Contemporánea III
A narrativa entre dous séculos
As loitas sociais na narrativa do século XXI.

Dentro da historia da literatura galega resulta incontestábel o feito de estar asociada, durante a maior parte da súa historia, a unha cultura minorizada que resiste un longo intento de asimilación. Este feito, por si, achega os seus discursos á defensa dun proxecto colectivo, aglutinado ao redor dun elemento central no feito literario como é a lingua, en tanto representación dunha cultura diferenciada. Aínda que é certo que o final da ditadura e o comezo das políticas da normalización nos anos 80 producen unha atenuación notábel desta relación entre a literatura e un eventual proxecto colectivo, permitindo un discurso iconoclasta e irónico que tivera moi pouca práctica previa, o certo é que a literatura galega mantén unha relación especial cos movementos sociais e as súas representacións.

Entre finais dos anos 90 e as primeiras décadas do século XXI, atopamos unha situación que non pode deslindarse da globalización capitalista que segue á caída do bloque soviético. Un contexto no que a proposta de globalizar a resistencia permite encetar discursos que atinxen unha miríade de identidades que sumar nunha defensa descentralizada de elementos como a ecoloxía, a cultura propia ou unha situación social digna. No caso concreto da Galiza, baixo gobernos de dereitas salvo no período 2005-2009, hai que sumar eventos dramáticos como a catástrofe do Prestige, as vagas de incendios forestais ou a creación dunha tensión lingüística artificial que cuestiona os dereitos da lingua propia do país, que se produce con especial intensidade durante o final da primeira década do século. Problemas aos que pode sumarse o esmorecemento dun rural sen alternativas e, a nivel de Estado, a puxanza da violencia machista e das agresións contra as mulleres. A incidencia da crise financeira internacional de 2008 e o regreso da dereita ao poder autonómico e estatal acentúan a represión e as problemáticas sociais durante esa etapa. Todos estes elementos teñen incidencia, dun ou doutro xeito, dentro da narrativa galega deste período.

Dentro das narrativas de temática social e cun trasfondo ideolóxico ten un papel especial, durante esta época, a novela feminista. Vinda dunha longa traxectoria, na que María Xosé Queizán realizou algunhas das achegas máis relevantes, a novela feminista, durante este período, está marcada por unha relativa actualización das súas temáticas e obxectivos, máis viradas agora á problemática contemporánea. A propia María Xosé Queizán continúa un proxecto narrativo no que segue tratando cuestións como a violencia sexual ( Ten o seu punto a fresca rosa , 2000; Meu pai vaite matar; 2011, Son noxento, 2015). As novas autoras tamén comezan a abordar cuestións como a dignificación e empoderamento das mulleres, a creación das súas redes de apoio e solidariedade ou o seu papel na resistencia e na supervivencia ás agresións. Neste sentido podemos citar autoras como María Reimóndez con novelas como O club da calceta (2006), Pirata (2009), ou A dúbida (2016). Tamén é importante o seu ciclo de novelas protagonizadas por Gaia, que comeza con En vías de extinción (2012), e onde a protagonista vai atravesando moitas das cuestións relevantes que implica o feito de ser muller neste momento histórico. Temáticas que tamén serían abordadas por autoras que comezan máis tardiamente no xénero da narrativa, como Eli Ríos en Luns (2017) ou por persoas novas como Antía Yáñez en Senlleiras (2018).

María Xosé Queizán.

Este tipo de narrativa foi moitas veces obxecto de polémica, por considerarse apegada de máis a un programa ideolóxico, descoidando supostamente as cuestións literarias. Acusadas ás veces de empregar personaxes estereotipados, tramas predecíbeis e un exceso de didactismo, é certo que moitas destas propostas, como as de calquera xénero, teñen un desenvolvemento de calidade desigual. Porén, a acusación non deixa de lembrar as polémicas que suscitaba en décadas anteriores a literatura comprometida socialmente, cuxas obras, mesmo as que hoxe están unanimemente canonizadas, tamén eran consideradas faltas de calidade e sometidas a un programa político. Desta forma, as críticas aparecen moitas veces mesturadas cunha posición ideolóxica que reacciona ante o recoñecemento, premios, e éxito de público destas propostas.

Ao lado destas propostas, próximas a unha certa perspectiva de tese, habería que situar as que reconstrúen modelos diferentes de feminidade virando os ollos ao pasado histórico, de entre os que podemos destacar autoras como Begoña Caamaño (Circe ou o pracer do azul, 2009; Morgana en Esmelle, 2012) ou Teresa Moure (Herba moura, 2005, Ostrácia, 2015). A evolución da narrativa de Teresa Moure está caracterizada por unha adpción paulatina dunha perspectiva queer, un punto de vista rotundamente presente en obras como Sangue 12 (2012) de Cris Pavón ou Besta do seu sangue (2018) de Emma Pedreira . A exploración dos espazos de resistencia ás categorizacións sociais, e a reivindicación de elementos socialmente controvertidos como o abxecto ou a sexualidade disidente caracterizan este tipo de achegas.

Porén, máis aló da complexa etiqueta “novela feminista”, podemos falar dunha entrada paulatina da perspectiva de xénero en moitas das narrativas contemporáneas. Mesmo en autoras que, a diferenza das anteriores, non colocan foco directamente na cuestión, abunda a construción de personaxes femininos fortes e a representación das súas problemáticas como parte dun colectivo minorizado socialmente. Da mesma forma, aínda que a construción dunha autoría feminina que poida enunciar as súas propias loitas sociais segue a ser un elemento relevante neste momento histórico, o certo é que temáticas conexas tamén foron tratadas por autores como Miguel Sande , que en Se algún día esta muller morta (2006) aborda un tema como a violencia machista, ou Alberto Lema sobre a cuestión da prostitución e o empoderamento feminino en Unha puta percorre Europa (2008).

A perspectiva de xénero tamén é particularmente relevante en ámbitos como a narrativa infantil e xuvenil, onde participa, xunto con outras moitas, a mesma nómina de autoras que máis claramente abordaron unha proposta feminista na súa literatura para adultos. Nesta ocasión ten un protagonismo especial a construción de modelos alternativos e activos que poidan empregarse como referencia para as crianzas.

Como unha cuestión sempre relacionada con esta, podemos mencionar a reivindicación do colectivo LGBTQ, que vive nesta época un momento de presenza transversal cada vez máis normalizada dentro de determinadas narrativas. Como elemento particular, prodúcense para a narrativa infantil e xuvenil unha serie de obras que visibilizan a realidade da transexualidade como 22 segundos (2017) de Eva Mejuto ou Mamá, quero ser Ziggy Stardust (2018) de Iria Misa .

Dentro das novelas que falan das loitas sociais, cabe falar daquelas que abordan a temática da resistencia organizada ao Estado. Unha obra como A perspectiva desde a porta (2009) de Patricia Janeiro, foi polémica por tratar o tema da loita armada e dos presos independentistas no contexto contemporáneo. Un tema tabú, o do independentismo, con contadas presenzas na narrativa galega, como Xelamonite (2006) de Luís Paradelo, ou A identidade fascinada (2015) de Antonio Piñeiro, nesta ocasión como material para o recordo da Compostela dos anos oitenta e noventa. Máis aló destes exemplo puntuais, a maior parte dos tratamentos que falan dunha resistencia colectiva atópanse na longa tradición distópica que acompaña esta época e da que podemos destacar, pola súa proximidade ao mundo real, unha novela como Orixe (2004) de Séchu Sende .

Nun sentido similar, habería que citar as obras que recobran a memoria do galeguismo histórico ante a ditadura, encadrábeis no sub-xénero da Guerra Civil e das que, en canto á construción dunha memoria do activismo político, podemos citar A morte de A (2003) e Iria (2012) de Anxo Angueira , ou Como en Alxeria (2012) de Xosé Ramón Pena .

Da mesma forma, encadrábeis na loita pola lingua, atopamos a, tamén próxima ao xénero da distopía, O profesor de vegliota, de Manuel Veiga (2008). Nun nivel case de escritura activista, pero tamén cun discurso sobre a cuestión, habería que mencionar a imprescindíbel colección de relatos Made in Galiza (2008) de Séchu Sende.

Made in Galiza, Séchu Sende

Distintas cuestión sociais apareceron tamén na narrativa galega desta época. A memoria da pegada da droga na sociedade galega aparece en novelas como Xeración perdida (2004) de Francisco Castro ou Futuro imperfecto (2010) de Xulia Alonso . Tamén ten un certo papel en Os elefantes de Sokurov (2015) de Antón Riveiro Coello , onde aparece relacionado con outro tema que irá aparecendo pouco a pouco na narrativa galega: a crise de comezos de 2008. Esta cuestión aparece en obras como A candidata (2016) de Miguel Sande e non pode desvincularse das perspectivas sociais que ofrece unha novela como A crueldade de abril (2018) de Diego Ameixeiras . Centrada na cuestión da precariedade laboral no mundo da noite compostelá atopamos tamén unha obra como Manual básico de hostelaría (2017) de Patricia Janeiro.

Unha mención aparte merece a loita ecoloxista, abordada desde distintas perspectivas que podemos atopar en autoras como Marilar Aleixandre (Teoría do caos, 2001), ou no fondo dunha novela tan anti-convencional como A intervención (2010) de Teresa Moure . e da que merece unha mención especial a narrativa producida a partir do trauma colectivo que supuxo unha traxedia como a do Prestige, abordada en obras como Veu visitarme o mar (2004) de Rosa Aneiros ou relato longo O corvo de Chapapote (2003) de Luís Rei Núñez . Un dos autores que máis ten tratado o tema da destrución do medio ambiente, especialmente na súa literatura infantil e xuvenil é Ramón Caride , que tamén dedica aos incendios forestais unha obra orixinal como Terra queimada (2017).