Pedreira, Emma

Pedreira Lombardía, Emma
1978
Pedreira, Emma

AUTOPSIBIOGRAFIA

Hai xa tempo que nacín a medias entre outono e inverno. Coido que mentres o meu corpo estaba a nacer na Coruña o corazón medrábame verde nas fragas do Eume, onde me criei coas miñas pantasmas. Hai xa décadas daqueles días de 1978. Despois arrincáronme da aldea do castelo e os fieitos enormes e vin dar ao lugar de hoxe, con todos os espíritos que trouxen arreguñados nas maletas.
A casa vella sempre me deu medo e a nova frío. Pantasmas, medo e frío son os meus recordos e as miñas pertenzas; como cicatrices van sempre comigo á hora de escribir, somos de letras e de tinta. Pegadas tamén teño ás antergas, todas as mulleres que sei que influíron sobre min e as miñas cores de cabelo, pel, ollos os meus dentes cairos, as mans entaladas coas que fago memoria.
Non lembro o momento de me facer íntima da escrita, aínda que sempre fun inimiga desta necesidade de falar. Nalgún tempo fun tamén inimiga dos libros ate que me absorberon as súas adentras incógnitas. Poe foi o primeiro, James Joyce acompañábame antonte polas rúas de Dublín; seica Virginia (Wolf) e mais eu eramos primas de sangue. Xoguei co Principiño nun tardío xardín de infancia.
Escribo porque non hai mellor forma de pintar, e é o poema a fotografía velada que máis revela. Todos os grupos que visitei tiveron nomes tristes e de todos saín como furando a polpa, Verme Verde, Humilladoiro.
O demais está nos libros como un herbario de velenos e un diario das horas contracturadas. Só resta dicir que me gusta o frío, as pedras caladas, o son das pingueiras do inverno, o cheiro da auga quente; gústame facer longas listas do que non me gusta, os morcegos, cantar ás escuras, entenderme, escribir, escribir tanto.

Premios

Premio Johán Carballeira no 1998, por Diario bautismal dunha anarquista morta.
Premio Faustino Rey Romero no 1999, por Corpo.
Premio Eusebio Lorenzo Baleirón no 1999, por Grimorio.
Premio Johán Carballeira no 2000, por Velenarias.
Premio Fermín Bouza Brey no 2001, por Os cadernos d'amor e os velenos.
Accésit no XI Certame de Poesía Rosalía de Castro da Casa de Galiza en Córdoba no 2001, por As posturas do día.
Gañadora do Premio Modesto R. Figueiredo no 2002, por Os doces devorados.
Certame Manuel Murguía de narracións breves no 2002.
Premio de poesía Fiz Vergara Vilariño no 2005, por Casa das orfas.
Gañadora do IX premio de poesía Novacaixagalicia no 2010, por Antítese da ruína.
Gañadora do XIV Certame de poesía Concello de Carral no 2011, con Libro das mentiras.
Gañadora do premio de poesía Gonzalo López Abente no 2015, por S/T.
Gañadora do Premio Narrativas Quentes no 2016, por Corazón e demais tripas.
Gañadora do premio internacional Jovellanos. El mejor poema del mundo no 2017 por "Lista da compra da viúva".[1]
Gañadora do premio de poesía Concello de Vilalba no 2017, por Antídoto.
Gañadora do premio Xerais no 2018 por Besta do seu sangue.