Máis aló da fantasía entendida nun sentido tradicional dentro da literatura galega, como a que podería ser encadrada dentro da veta neo-cunqueiriana, relacionada coa cultura popular ou con universos míticos complexos, (e que ten desenvolvementos como o de Begoña Caamaño no novo século), o concepto de fantasía vive, neste período, un encontro con paradigmas que tiveran moi pouca relación coa cultura galega. Referímonos a sub-xéneros como novela de inspiración neo-gótica, a fantasía medieval, o steam-punk, ou a que se relaciona co pulp e outras formas de literatura popular.
É certo que algúns destes xéneros xa tiveran os seus debuts puntuais, particularmente na obra de
Xosé Luís Méndez Ferrín
, moi aberto a este tipo de experimentacións e para quen o universo de autores como J.R.R. Tolkien complementa a influencia fantástica de Cunqueiro. Tamén poden atoparse outras achegas, en xeral mesturas en clave experimental de certas temáticas como o vampirimo na obra de Margarita Ledo. Tamén son relevantes autores que mantiveron sempre unha sintonía moi fonda cos gustos e intereses da mocidade, como os primeiros en abordar algúns destes sub-xéneros, en concreto o achegado ao terror, nas súas obras, en xeral orientadas ao público infantil e xuvenil. Novelas como
Aire Negro
(2000),
Tres pasos polo misterio
(2004),
Corredores de sombra
(2006) ou A neve interminable (2015), entre outros títulos de
Agustín Fernández Paz
, ou perspectivas como as que aparecen en
Cando petan na porta pola noite
(1994) ou
O pazo baleiro
(1997) de
Xabier Puente Docampo
, comezan a introducir unha temática que, aínda lonxe dos seus desenvolvementos posteriores, supón unha primeira superación dos antigos modelos. Non resultaría desatinado sumar tamén unha obra como
Saturno tamén é deus
(1997) de
Uxía Casal
, conxunto de relatos cun suspense moi ben tramado. Da mesma forma, hai autores que recollen esta mesma evolución, particularmente presente nalgunhas propostas de Xabier P. Docampo, creando unha fantasía moi vinculada a elementos culturais galegos, xeralmente situados nun territorio rural. Sería o caso de
Xosé Miranda
coa súa
Triloxía pánica
(2002),
Xavier Frías Conde
con A aldea (2011),
María Canosa
en Cando cae a luz (2016), Jorge Emilio Bóveda nunha trama de ton histórico como O monstro de Ille (2017) ou o universo que Isidro Novo deixa no seu libro póstumo O tabú na traslenda (2018).
Porén, podemos dicir que, ao igual que acontece coa ficción científica, o comezo da actividade de Urco editora e de proxectos como Contos estraños supón a creación de plataformas, canles e convites que favorecen a aparición dunha nova fornada de persoas creadoras. Hai que indicar tamén que moitas desas novas voces pertencen a unha xeración que foi criada en relación con ese tipo de cultura, tanto en canto a consumo de literatura, como doutros produtos como o cinema ou os videoxogos. Pertencen a unha xeración que, en xeral, ten unha perspectiva da cultura de masas menos clasista que a que aínda conservaban as xeracións precedentes e que non teme empregala para a produción literaria. Da man deste ambiente prodúcense tamén as recuperacións e re-dignificacións doutras producións galegas que foran marxinalizadas ou con pouco éxito no seu momento, así como a acollida de novas propostas de figuras autoriais consagradas que deciden abordar o xénero. Por último, hai que mencionar tamén a influencia global que universos como o de Tolkien (coa tradución d’O señor dos aneis ao galego entre 2001 e 2002, coincidindo co ciclo de filmes de Peter Jackson) ou J.K. Rowling produce nos comezos de século, definindo tamén unha actitude nova cara a este tipo de producións de ficción.
Desta forma, cabería mencionar grandes distintos ciclos novelísticos que contaron cun certo éxito de público, como revela a súa propia continuidade en varios volumes. Un dos máis coñecidos sería o ciclo de Dragal (catro volumes entre 2010 e 2015), de
Elena Gallego
, unha historia que mestura a fantasía dos mitos europeos (cos dragóns no centro) cunha trama de misterio. O conxunto de novelas de O mundo secreto de Basilius Hoffman, escritas por Fernando M. Cimadevila, apostan, pola súa parte, por un universo moi particular, con elementos steam-punk e desenvolvementos de fantasía, en ocasións con alusións a mitos coñecidos. Nun ton máis próximo á fantasía épica, é destacábel a triloxía As crónicas de Bran (2013-2015) de Xosé Duncan, un sub-xénero no tamén se insire a triloxía As crónicas de Landereina (2013-2016) de Sabela González, novelas baseadas nun universo clásico de fantasía medieval que contan, porén, coas súas propias propostas innovadoras.
Á renovación posíbel deste territorio clásico de ambientación medieval diríxense tamén as creacións de Andrea Barreira Freije, especialmente centrada na representación actualizada de personaxes femininas, como é o caso de Non hai luz sen escuridade (2015) ou, cun argumento máis realista, Palabra de bruxa (2018).
O proxecto Contos Estaños, favorece, como xa dixéramos, a aparición dun conxunto de voces vinculadas, entre outros sub-xéneros, ao pulp e ao terror, que foron inicándose en distintas antoloxías. Dentro das persoas con obra individual podemos citar a adscrición á fantasía popular norteamericana de Xosé Duncan en obras como Hostal Morte (2014) ou as historias de trasmundo de Jacobo Sánchez-Feijoo en Sombras famentas e outros contos para ler á noite (2011). O tema dos mortos en vida, zombies e outros elementos asociados á cultura pulp teñen tamén un éxito desbordante en obras como a triloxía Apocalipse Z de Manel Loureiro, publicada orixinalmente en castelán entre os anos 2007 e 2010.
Baixo un aspecto máis ambicioso, e relacionado coa sexualidade e a perspectiva de xénero, aínda poderíamos mencionar novamente ás vampiras adolescentes de Sangue 12 (2014) de Cris Pavón ou a historia de Romasanta de
Emma Pedreira
en
Besta do seu sangue
(2018), onde o sangue das historias clásicas aparece relacionado coa menstruación. Un xénero, o do terror asociado a criaturas sobrenaturais, que tamén fora tratado por autoras como
Paula Carballeira
en
O lobishome de Candeán
(2009).
Finalmente, tamén relacionado coa recuperación dun imaxinario da fantasía e do terror que se dá nas dúas primeiras décadas do século, podemos encadrar a novela
Querido H.P Lovecraft
(2016), de
Antonio Manuel Fraga
, cunha trama que toca a relación entre o autor de Providence e Robert E. Howard. Tamén como unha produción evidente desta nova xeración, parte da narrativa de
Ledicia Costas
adicada ao público infantil e xuvenil evidencia influencias como as do universo fílmico de Tim Burton, localizándoas en ambientes do trasmundo, como o que aparece en
Escarlatina, a cociñeira defunta
(2014), ou
Esmeraldina, a pequena defunta
(2016).
Querido H.P. Lovecraft, Antonio Manuel Fraga