Ámbitos da literatura de xénero como a novela negra viviron unha forte popularidade e apoio editorial desde a época da Transición que se mantivo no tempo e entrou no novo século. Por algunha razón, outros como a ciencia ficción entraron no camiño da normalización de forma máis lenta. Salvando achegas puntuais como as de Lois Diéguez , Nacho Taibo ou Xosé Fernández Ferreiro , non é até que Soños eléctricos (1992) gaña o premio Blanco Amor que comeza a aparecer a posibilidade dunha ficción científica orientada ao público adulto. Aínda así, a perspectiva editorial acostuma vincular o xénero á literatura infantil e xuvenil, e con frecuencia aparece relacionado con esa etiqueta.
Desta forma, durante a década dos noventa,
Ramón Caride
constitúese nunha das principais referencias do xénero. Tras Soños eléctricos (1992) o autor continúa até os nosos días ofrecendo distintas obras, tanto orientadas a crianzas (as novelas protagonizadas por Said e Sheila, por exemplo), como dirixidas ao público xeral. Dentro da súa produción neste sentido pode destacarse a novela
O sangue nos camiños
(2014), segundo o autor, a terceira parte dunha triloxía comezada con Soños eléctricos e continuada con
Sarou
(1997). Caride traballou tamén o xénero de forma parcial en moitos dos seus libros de relatos. Unha compilación daqueles dedicados á ciencia ficción foi editada en 2014 baixo o título Flash-Back.
Durante a década dos noventa e comezos deste século fixo unha fortuna especial o xénero da distopía, algo ao que non deixaba de responder o propio Soños eléctricos (1992) de Ramón Caride. A creación de universos abafantes, socialmente opresivos e nos que as novas tecnoloxías, de habelas, supuñan unha ferramenta de control por parte do poder representa unha veta narrativa que non pode deixar de relacionarse coa situación política da Galiza. Tamén destaca, neste sentido, a perspectiva escéptica ante o progreso e a mellora tecnolóxica, un elemento oposto (tamén na fundacional Soños eléctricos) a unha idea de autenticidade relacionada co medio natural e a cultura aborixe.
Nesta liña, abundan as visións dunha Galiza futura ou alternativa baixo outras perspectivas políticas, algo que podemos atopar xa en obras como Informe bestiario (1991) de Nacho Taibo e que ten nesta época unha das súas obras máis emblemáticas en O cervo na torre (1994) de Darío Xohán Cabana , sobre un futuro estado galego-portugués nunha época post-apocalíptica. Outras obras como Arqueofaxia (1995) de Manuel Lorenzo González abordan a reacción de loita organizada contra un futuro de destrución. Unha perspectiva que, con mencións explícitas ao noso país, aparece tamén en Se buscabas un deus (2006) de Xabier Quiroga , desta volta cunha historia que relaciona o futuro distópico coa memoria da Guerra Civil que aparecía en Atuado na braña (2002). Galiza está representada aquí como un territorio de experimentación especial nun contexto no que se prepara un goberno totalitario a nivel global. O futuro catastrófico do noso país aparece tamén en obras como Un escuro rumor tras o silencio (2005) de Isidro Novo e Costa Norte/ZFK (2008) de Xurxo Borrazás , cun escenario de crise ambiental, ou na novela Obediencia (2010) de Antón Lopo , sobre unha república galega dominada por un poder totalitario. Máis viradas a unha perspectiva irónica lindeira co humor atopamos propostas como Galiza Mutante, Poder Nuclear! (2013) de Tomás González Ahola.
Tamén sobre sociedades futuras cunha dimensión represiva, neste caso orientada á vida persoal ou sentimental, tratan obras como Hipogrifo (1994) de Antón Risco ou Bailarina (1999) de Manuel Seixas . Un punto de vista ao que se achega unha novela como O profesor de vegliota (2008) de Manuel Veiga, onde aparece un medio tecnolóxico capaz de converter coactivamente as persoas en monolingües, tramando unha reflexión sobre o futuro da lingua. O tema da uniformización cultural e lingüística tamén aparecera no futuro que Agustín Fernández Paz imaxinou para novela xuvenil O centro do labirinto (2007). Situadas nun futuro moi alterado polas innovacións tecnolóxicas, atopamos propostas como Aletheia Moritat (2017) de Santiago Bergantinhos ou, nun universo herdeiro das influencias de Aldous Huxley, e no que a escrita convencional foi prohibida, Atl (2012) de Manuel Lourenzo González. En termos post-apocalípticos tamén aparecen propostas como Despois do cataclismo (2015) de María Alonso.
Achegadas ao xénero distópico, aínda que cun ton menos focalizado no papel da tecnoloxía, podemos atopar novelas como Orixe (2004) de Sechu Sende ou, cun ton de fábula, 15724 (2012), de Xesús Constenla, ficcións políticas onde as sociedades autoritarias se apoian en elementos como a manipulación informativa. Tamén supón unha variación unha novela como Da máquina (2014) de Alberto Lema, que sitúa nunha intelixencia artificial a conciencia social, reivindicando o mundo real como distopía.
Xunto con esta vaga de distopías, podemos atopar achegas diferentes, por exemplo, A sombra cazadora (1994) de Suso de Toro, Spam (2006), de Francisco Castro, ou Peixe Babel (2016) de Carlos Quiroga, onde a perspectiva desasosegante relacionada coa tecnoloxía está situada no presente ou nun futuro non moi distante do mundo actual. Nunha liña máis experimental atopamos O caderno de bitácora. Aventuras espaciais (2004), de María Reimóndez , unha proposta para levar ao territorio da navegación espacial a narración dunha historia persoal e sentimental.
Nunha perspectiva máis relacionada coa ciencia ficción internacional, e se cadra influída en exceso por autores como Greg Egan, temos as obras de Eduardo Santiago, capaces de propoñer un universo novo que escapa aos parámetros xerais da ciencia ficción galega. Eduardo Santiago é autor de obras como 2044 (2011), A teoría do tempo imaxinario (2013) ou O gran reino (2014), clasificadas en ocasións dentro da literatura infantil e xuvenil.
Contos estraños, Urco Editora
Tamén allea a estas coordenadas xerais está a obra de Cris Pavón, especialmente Limiar de conciencia (2017), que concede protagonismo a unha intelixencia artificial para encetar unha reflexión sobre a creación e as formas literarias. Da mesma forma, a tecnoloxía, en claves positivas, moi diferentes ao común tratamento de reserva e escepticismo, está presente no libro de relatos Á busca da orixe perdida das especies (2015) e mesmo na novela de vampiros Sangue 12 (2014).
O campo da ciencia ficción en lingua galega ten un importante apoio na creación de Urco editora no ano 2007, ao tratarse dun dos xéneros cara aos que se dirixe a actividade da nova empresa. Urco, xunto con proxectos veciños como Contos estraños, vai influír traducindo clásicos do xénero á nosa lingua e ofrecendo un espazo para o debut de novas voces e novas perspectivas neste ámbito.