López Novo, Isidro Xoán Froilán

López Novo, Isidro Xoán Froilán
Lugo, 1951 - Lugo, 2018
López Novo, Isidro Xoán Froilán

De ascendencia mariñá, Isidro Novo é un lugués que agás pequenos parénteses sempre residiu na súa cidade de nacemento. O seu balbucir na escrita é no idioma castelán, pero cando toma conciencia da propia identidade, o galego convértese na súa única lingua voluntaria. Teaza de brétema, publicado na colección O Barco de Vapor no 94, sería o seu primeiro libro individual. Seguiríalle o wéstern Por unha presa de machacantes, a continuación Carne de Can, un feixe de oito relatos, e o libro de poemas Dende unha nada núa.
No 99 sae á rúa Antollos de Eimarmena, de narrativa curta, e logo de catro anos sen publicar, aparecerían, consecutivamente, as novelas: Súa de si, Rosa lenta e Un escuro rumor tralo silencio. No ano 2007 ve a luz un libro de poemas da súa autoría titulado Esteiro de noites falecidas e en 2009 sairía publicada a súa tradución ao galego da novela de Benito Vicetto Los Hidalgos de Monforte. As súas últimas obras publicadas son o libro de relatos Cabalos do demo e outros invertebrados (2010) e o de viaxes literarias O Courel de Novoneyra. Eidos de ollarollar (2010).
En tempos fixo radio (Gomorritas e novas criaturas) na pirata Radio Clavi, ademais de publicar dúas guías orientativas para libar viño artesanal na súa cidade (Guía do bebercio lugués 92 e 95). Ultimamente e co total apoio da AELG impulsou a sección de recuperación do idioma Palabras con memoria, visíbel na web da devandita asociación e no dixital Sermos Galiza. Dende hai anos publica artigos no xornal GALICIA HOXE.

Con varios autores participou no libro Homenaxe 1975-2015 Moncho Reboiras vive! e nas festas do Patrón do 2016 sae á rúa o libro Memorias do san Froilán en cuxa elaboración foi copartícipe con Antonio Reigosa e os asistentes ao Obradoiro de Narración Oral patrocinado polo Concello de Lugo. No ano 2017, logo doutro catrenio sen publicar individualmente, ven a luz o poemario CO2 e a novela O tabú na traslenda.