Anxo Angueira naceu en Manselle, aldea de San Xián de Laíño, (Concello de Dodro), o 13 de xaneiro de 1961. Estudou bacharelato na vila de Padrón, onde coincidíu co escritor Bernardino Graña, en calidade de profesor seu de lingua española. Foi este último quen o iniciou nos seus primeiros coñecementos de Literatura Galega. Este indubidábel estímulo, xunto co propio interese do autor, levarono a escribir e presentarse a varios certames de poesía convocados polo propio centro de ensino público, así como a recibiren diversos premios ou galardóns por tal actividade poética iniciática. Posteriormente, inicia os seus estudos de Filoloxía Hispánica, coa especialidade en lingua galega, na Universidade de Santiago, ao tempo de combinalos cunha actividade laboral en Padrón, lugar onde reside, nesa altura. Actualmente é profesor de Filoloxía Galega na Facultade de de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo.
É autor de diversos artigos de investigación e ensaios en materia literaria centrados, fundamentalmente, nos autores do Rexurdimento (Rosalía de Castro, Curros), así como, en Fernández Morales, Sarmiento e Méndez Ferrín. Entre eles, Guía de Lectura de Con Pólvora e Magnolias de Xosé Luís Méndez Ferrín (Ed. do Cumio, 1992); De Rosalía a Dieste. 33 anos das letras (Xerais, 1995); Terra de Iria. Viaxe ó país de Rosalía de Castro (AELG- Xunta de Galicia, 2003); A espiral no espello: "Bretaña, Esmeraldina" e o sistema literario galego (Xerais, 2009); Que lle podo ofrecer a quen me intente? Monográfico Lois Pereiro (Xerais, 2011); Das copras de Sarmiento aos cantares de Rosalía de Castro. Cara a unha nova periodización do Rexurdimento. (Frank & Timme. Berlín, 2013).
Entre as súas publicacións no ámbito da creación literaria, cóntanse as seguintes obras: Os poemarios :Val de Ramirás (Sociedade de Cultura Valle-Inclán, 1989); O valo de Manselle (Xerais,1996); Libro da Vertixe (Deputación de Lugo, 1997) ou Fóra do Sagrado (Xerais, 2007). No campo da narrativa, é autor das novelas, Bágoas de facer illas (Xerais, 19997); Pensa nao (Xerais, 1999); Terra de Iria. Viaxe ó país de Rosalía de Castro (A Nosa Terra, 2002); A morte de A (Xerais, 2003) ou Iria (Xerais, 2012).
Edicións críticas como a de Poesía enteira de Heriberto Bens, (Xerais,1999); .Introducción e antoloxía de La poésie galicienne de 1936 à 1990, Sources, Namur (Bélxica), 1999 ou Rosalía de Castro: Cantares Gallegos. Estudo, edición, notas e comentarios de Anxo Angueira (Xerais, 2013), entre outras, dán fe da súa produción neste tipo de publicacións, a maiores da súas numerosas colaboracións en diversas obras colectivas ou incursións no ámbito da tradución como Caderno de Agosto (Fóra de Xogo, 1999), libro da autora portuguesa, Alice Vieira para o público infanto-xuvenil.
O autor recibíu diversos premios, como o Esquío, no 1988 polo poemario, anteriormente citado, Val de Ramirás ou o premio Xerais de novela por Pensa nao, en 1999.
Anxo Angueira participou na fundación e na elaboración do manifesto das Redes Escarlata; publicou reseñas e artigos en O Xornal (publicación da C.U.T.: Central Unitaria de Traballadores), así como na revista A Trabe de Ouro. Durante o ano 2008 participou no libro Rosalía 21. libro colectivo de ensaios, integrado nun proxecto multi-soporte que pretendeu ler e interpretar Rosalía de Castro (172 aniversario do seu nacemento) desde diversos e novos modelos estéticos e onde o espectáculo audio-visual cobraba un grande relevo.
Desde o ano 2012, o autor é presidente da Fundación Rosalía de Castro.