Na actualidade, son poucas as persoas que manteñen que a literatura dramática e o teatro como espectáculo son o mesmo fenómeno: a ollada logocéntrica xa non resulta operativa para o estudo das artes escénicas. Non obstante, tamén serán moi poucas as persoas que neguen a profunda relación que une ambas. Polo de agora, nas culturas occidentais, o texto segue a manter un protagonismo que fai moi difícil eludir o seu papel no estudo de ningún teatro nacional. Mesmo recoñecendo a relevancia de dramaturxias que prescinden por completo dun apoio literario, resulta preciso situar estas en relación coa escrita literaria que, de momento, segue a constituír a base da maior parte da produción escénica contemporánea.
Contemplar a evolución teatral galega nos anos que van dende 1985 até o presente podería facerse dende calquera dos dous puntos de vista, dende a escena ou dende a estrita creación literaria, mais o retrato quedaría incompleto. Trátase precisamente do período en que podemos comezar a falar dun sistema teatral galego propiamente dito e, en consecuencia, a interdependencia entre o literario e o escénico fíxose máis estreita que en calquera outro momento.
É preciso ter presente o inmenso esforzo e compromiso dos creadores de calquera dos ámbitos das artes escénicas para crear, primeiro, e manter, despois, o sistema teatral do que gozamos hoxe. Por feble e deficitario que sexa este sistema, resulta necesario ter presente o punto do que se partía para poder valorar con xustiza todo o que se construíu durante estes anos, case sempre con todo en contra.
Agás algunha excepción illada, tanto as persoas que escribían teatro como as profesionais que o levaban a escena –cada quen dende as súas conviccións– foron sempre moi conscientes de estar levantando un edificio novo, e foi esa consciencia a que fixo do traballo deses primeiros anos un labor colectivo que non pode estudarse por separado, xa que o que ocorría nun campo influía de xeito definitivo no campo adxacente.
Probablemente, os anos cruciais son os da segunda metade da década de 1980, un período en que a dereita procedente do franquismo –sen discurso cultural e cun manifesto interese por aparentar conviccións democráticas e autonomistas– tolera o asentamento dunhas bases que permiten a creación dunha certa infraestrutura básica para o desenvolvemento dunha cultura propia. A partir de aí, os esforzos deben concentrarse no mantemento deses fráxiles alicerces, sempre cuestionados, máis que no incremento e propagación daquela semente. A historia destes anos resúmese así nun relato de ilusións e frustracións que aínda non se pechou e que, probablemente, tarde en facelo.
Por outra banda, o resumo das tendencias, correntes e opcións que percorren a creación de case catro décadas nunca é sinxela, especialmente cando, coma neste caso, os cambios teñen lugar dende a ausencia dun canon ben establecido socialmente a partir do que definir novidades e heterodoxias. Por dicilo dalgún modo, o teatro galego tivo que aprender ao mesmo tempo a ser herético e ortodoxo, comercial e vangardista, atrevido e conservador. A construción do sistema debía atender a todo a un mesmo tempo: ás ansias de experimentación dos creadores e ás expectativas dun público que buscaba entretemento, aos que lle pedían audacia creativa e aos que lle esixían mesura para incrementar a billeteira.
No medio desas esixencias, o teatro galego foi medrando sempre a partir da dúbida: tan arriscado era facer un clásico coma un autor novo, tan incerto montar un espectáculo comercial como unha obra de vangarda. Así, o panorama creativo foi tecéndose a base de entrecruzar liñas de creación máis ou menos premeditadas, de experimentar con distintos rexistros, de buscar un público recorrendo a todas as estratexias que estivesen a man.
O resultado de todo este proceso é un continuo cruzamento de tendencias e intencións que pouco e pouco vai cristalizando en estilos propios e personalidades recoñecibles, non sen moitas dúbidas e abaneos que fan difícil a clasificación categórica duns e doutros creadores.
Iso si, se hai algunha característica común a todo o teatro feito neste tempo é, sen dúbida, un sentido crítico que –probablemente polas condicións en que se desenvolveu– nunca deixou de manifestarse mesmo nas obras aparentemente menos combativas. Un sentido crítico que en boa parte se manifestou a través do humor mais que tamén tivo expresións menos amables.
En todo caso, por riba do detalle en obras e autores, pretendemos que o relato dea conta dos movementos que conectaron a escrita dramática e o desenvolvemento do sistema teatral, non sen deixar de lamentar non ter espazo suficiente para analizar polo miúdo obras e autores de excepcional interese, xa que non parece esaxerado afirmar que é xusto nesta etapa cando o teatro galego é máis rico nunhas e noutros.