A Etapa Contemporánea III
A narrativa entre dous séculos
Novas tendencias na novela negra.

Nacida dentro da polémica que supuña a abordaxe dunha pretendida normalización do ámbito literario, coa incorporación de xéneros ausentes e a eventual construción dunha narrativa de consumo comercial, a novela negra, detectivesca ou policíaca mantivo a súa puxanza durante o final de século e aínda tamén durante os comezos do novo milenio. Como parte das características principais que vai tomando entre o final do século XX e comezo do seguinte, podemos mencionar a actualización do modelo clásico que, cos seus tópicos e estruturas, permanecía notablemente presente nas primeiras achegas ao xénero.


Desta forma, e seguindo unha tendencia iniciada por Bieito Iglesias con Miss Ourense (1994), a novela policial galega comeza a incorporar tramas e elementos culturais moi achegados á galeguidade, ao tempo que trata de afastarse de estereotipos comúns. Unha tentativa de actualización similar pode atoparse en certos relatos e narracións curtas de Ramón Caride , que tratan de vincular o xénero á realidade do rural galego e que se espallan en volumes como Os ollos da noite (1991), Crónicas de sucesos, (1991), Sarou (1997) ou Negros espellos (2001).

Ecos deste intento de procurar unha perspectiva diferente feitos desde a ironía pode atoparse en obras como Polas inmensas e alleas fortunas (1995), de Laura Caveiro, que parodia a masculinidade exacerbada do detective protagonista, rompendo moitos dos prexuízos asociados ao xénero.

Da mesma forma, cabe destacar o ciclo de novelas protagonizadas por Frank Soutelo, de Miguelanxo Fernández, un detective norteamericano con ascendencia galega configurado como unha mestura irónica dos tópicos clásicos con outros asociados á nosa cultura. Tras unha serie de novelas ambientadas nos Estados Unidos, cunha presenza moi notábel do mundo do cinema hollywoodiense, como en Un nicho para Marilyn (2002), o personaxe de Miguelanxo Fernández aborda tamén varias tramas na nosa terra, coa presenza de temas de actualidade, como en Lume de cobiza (2011) cos incendios forestais de fondo.

Unha mención especial merece tamén o personaxe de Sebastián Faraldo, creado por Xabier López López para as novelas A vida que nos mata (2003) ou Olympia Ring , 1934 (2014). Faraldo é un xornalista dos anos trinta afincado en Pontevedra e con simpatías galeguistas que acaba envolto en distintas tramas de raíz detectivesca. A orixinalidade de levar a cuestión a un momento histórico concreto, cunha afluencia de elementos culturais específicos e ben documentados, configura unha das achegas máis orixinais próximas ao xénero.

Porén, pode que ningunha figura tivese no xénero o éxito de crítica e público que acadou a obra de Diego Ameixeiras . O autor ourensán comeza a súa carreira coas novelas protagonizadas polo detective Horacio Dopico: Baixo mínimos (2004) e O cidadán do mes (2006), e continúa cunha perspectiva próxima ao realismo sucio que non se desvincula do mundo do crime e que lembra algunhas das interpretacións críticas que colocan a novela negra como o xénero de denuncia social do século XXI. Isto é algo notábel especialmente en obras como Dime algo sucio (2009), Historias de Oregón (2011), Matarte lentamente (2013) ou Conduce rápido (2014). Da mesma forma, Ameixeiras aborda elementos propios da nosa cultura, como demostra a parodia do momento político contemporáneo que é Asasinato no Consello Nacional (2010). Tamén é interesante, pola homenaxe á novela negra e aos escritores de xéneros populares que recolle, unha obra como A noite enriba (2015).

Outro dos autores cun gran éxito de público é Domingo Villar. Protagonizadas polo detective vigués Leo Caldas son Ollos de auga (2006) e A praia dos afogados (2009), ambas ambientadas en escenarios das Rías Baixas e con tramas que afondan na sociedade galega contemporánea.

Cun éxito de público notábel, aínda que máis próximas á novela de aventuras, son as achegas de Pedro Feijoo , novelas que acostuman contar con elementos de crime e intriga que as relacionan tamén co xénero, especialmente en casos como Os fillos do mar (2012) ou Os fillos do lume (2017). A memoria da choiva (2013) achégase tamén á tendencia de introducir, en clave irónica, crimes relacionados con elementos centrais da cultura galega como pode ser o legado de Rosalía de Castro.

Iniciando a súa traxectoria como narrador tras gañar o premio Xerais en 2016, Manuel Esteban é o autor do ciclo do inspector Manso, formado por A ira dos mansos (2016) e O meu nome é ninguén (2018), dúas obras que levan as tramas a territorios pouco transitados nos que as agresións contra os colectivos máis febles da sociedade teñen gran relevancia.

Nestes anos aparecen tamén unha serie de obras moi vinculadas á actualidade galega, particularmente as referidas ao narcotráfico, que foron abordadas por autores como Carlos González Reigosa ( A guerra do tabaco , 1996; Narcos , 2001) ou por Manuel Rivas en obras como Todo é silencio (2010) ou Vivir sen permiso e outras historias de Oeste (2018), así como polo propio Diego Ameixeiras. O tema viviría un momento álxido de popularidade a partir do éxito do ensaio de investigación xornalística Fariña (2015) de Nacho Carretero.

Abel Tomé

A modernización da novela de detectives no contexto occidental tamén se deixa notar nas novas propostas, como en A noite do corvo (2018) de Abel Tomé , moi influída pola novela negra nórdica e o seu éxito nos primeiros anos do século.

O tema policial deixa tamén, nestes anos, un importante legado de obras híbridas, ou que tratan de mudar a perspectiva para achegala a narrativas innovadoras do punto de vista técnico, afastándose un pouco da vontade de procurar un público masivo. Son exemplos disto obras como Seis cordas e un corazón (1989) de Xelís de Toro ou Os nomes do traidor (2008) de Xurxo Sierra Veloso. Innovadoras e atípicas do punto de vista temático, son destacábeis tamén as novelas de Antonio Tizón (A antesala luminosa, 2015; Un home estraño, 2018) que empregan a estrutura do xénero negro para falar de temas non relacionados directamente con el, ou a serie de novelas do detective Leopoldo Pardo de Jorge Emilio Bóveda, próximas á clave humorística. Focalizada no xornalismo e as súas relacións co poder tamén é destacábel Hai que matalos a todos (2015) de Héctor Carré.

Na narrativa infantil e xuvenil produciuse tamén unha certa afluencia do tema, da que cabe mencionar a serie de libros do detective Suso Espada feitos por Francisco Fernández Naval .