Como concepto histórico, podemos localizar a posmodernidade como un produto da caída das grandes ideoloxías, con puntos álxidos entre o final da II Guerra Mundial e a caída do Muro de Berlín en 1989, momento no que o capitalismo globalizado se converte na doutrina dominante a nivel mundial. É un período caracterizado polo desencanto e a desconfianza ante calquera elemento presentado como verdade, algo que leva a reformular cuestións como a historia, a sociedade ou a propia identidade persoal, moitas veces a través da ironía. Tamén é o momento de impugnación dos discursos centrais para dar protagonismo a aqueles que habitan nas marxes, algo que na literatura funciona tamén como unha posta en cuestión do propio discurso literario tal e como se entendía até aquel momento.
Como parte dun proceso histórico complexo, a posmodernidade ten unha longa e diversa influencia nas artes. No caso da literatura galega, son moitos os trazos que podemos destacar, en especial a partir da década dos oitenta. Non podemos esquecer que, o feito de acceder por primeira vez a unha certa institucionalización da literatura tras a represión franquista, dá tamén vía libre para impugnar elementos cohesionadores que até ese momento eran intocábeis. Nese sentido, as referencias de Suso de Toro á momia de Castelao en Polaroid ou a forma na que Margarita Ledo presenta a Otero Pedrayo en Trasalba ou Violeta e o militar morto resultarían incomprensíbeis no contexto anterior, onde a literatura galega era entendida en liñas xerais, como un proxecto común solidario enfrontado á ditadura. Esta posibilidade de cuestionar as vacas sagradas da literatura nacional ten un encontro feliz cun momento histórico de impugnación xeral ás figuras de autoridade.
E son precisamente estes dous autores, Suso de Toro e Margarita Ledo, os que primeiro destacan con proxectos literarios moi relacionados coa posmodernidade durante as décadas dos oitenta e os noventa. Suso de Toro recolle en Polaroid (1986), Tic Tac (1993) ou Círculo: da materia dos soños (1998) un formato de narración fragmentaria, achegada en ocasións ao escatolóxico, con figuras protagonistas que rexeitan o papel do heroe clásico e coa tentativa de recoller distintas expresións comunicativas como material narrativo. Margarita Ledo, pola súa parte, desenvolve un proxecto no que pretende abordar os espazos de sombra da Historia, como o libro de relatos Mama-fé (1983) ou as novelas Trasalba ou Violeta e o militar morto (1985) e Porta blindada (1990). Nesta últimas teñen un gran protagonismo personaxes e momentos históricos clave do galeguismo (Otero Pedrayo ou Antón Moreda) na súa dimensión menos pública e fixada, e a través de tramas con estruturas fragmentadas e non convencionais. Os proxectos pioneiros destes dous autores tiveron unha sorte dispar e están caracterizados polo seu carácter puntual, tanto a obra de Ledo (sen continuidade desde comezos dos noventa), como a de Suso de Toro, combinada con outras narrativas que responden a modelos diferentes, parecen produto dunha vontade de experimentación concreta.
Nos anos noventa aparecen tamén outra serie de figuras na narrativa galega que van facer gala dunha certa filiación cun tipo de discurso que poida entroncar coas características posmodernas. Nese sentido, a máis relevante pode ser Xurxo Borrazás , autor que desenvolve tamén as claves dunha eventual narrativa posmoderna a través da súa produción ensaística, tanto a través de artigos como de ensaios (Arte e parte. Dos patriarcas á arte suicida, 2007). Obras como Cabeza de chorlito (1991) ou Pensamentos impuros (2002) destacan como exemplo de narrativas fragmentarias, en realidade relatos e outras formas narrativas máis ou menos fiadas nunha estrutura común. Porén, destacan como proxectos claros desta liña innovadora as novelas Eu é (1996) ou Ser ou non (2004), a primeira baseada no percorrido dos personaxes por distintos niveis ficcionais, en ocasións relacionados con obras clásicas, e a segunda situada nun espazo fantasmal onde se mesturan as instancias da realidade coas da imaxinación. O autor ten destacado tamén con outras obras menos encadrábeis nestas coordenadas, pero tamén relacionadas con perspectivas marxinais como a premiada Criminal (1994) ou a distopía Costa Norte/ZFK (2008).
Tamén resulta relevante neste contexto o traballo de Xelís de Toro , decididamente experimental e capaz de cuestionar as estremas da narración convencional incluíndo elementos fotográficos, dramáticos ou sonoros. Da súa obra é relevante Non hai misericordia (1990), unha obra de relatos enlazados nunha macroestrutura común, a iconoclasta Terminal (1994) ou Riofero (2009), que toma elementos da novela de aventuras para situalos baixo un ambiente opresivo.
Outras das figuras destacábeis nesta cartografía de influencias é o traballo de Xavier Queipo . Partindo de temas aparentemente desconectados da corrente como a descuberta do mundo que está no fondo de obras como Ártico e outros mares (1990), O paso do Noroeste (1996) ou Extramunde (2011), Queipo aborda o tema dos límites do coñecemento na sociedade occidental e a súa relación co Outro. Esta perspectiva é unha das teimas que aflora en Malaria sentimental (1999), Os ciclos do bambú (2004) ou Os kowa (2016). Autor dunha obra poliédrica, outro dos temas relevantes en Queipo é o papel das relacións humanas no mundo contemporáneo globalizado, cuestión que asoma en novelas como Papaventos (2001) ou Dragona (2007). Na obra do autor existen tamén achegas á esa fragmentariedade que nega a constitución dun discurso forte, así como o recurso a elementos como a auto-referencialidade e a atenuación das fronteiras entre a realidade e a ficción.
Un dos representantes máis novos desta tendencia sería Xabier López López . Nunha produción entrecruzada coa narrativa realista clásica, en ocasións próxima á literatura de xénero, a influencia dunha perspectiva experimental relacionada coa posmodernidade pode verse nalgunhas das súas primeiras obras como Doutor Deus (1999) ou O mono no espello (2002). Porén, pode que a máis representativa sexa Cadeas (2013), unha obra con referencias a outra novela do autor, Os libros prestados (2010) e na que a distancia entre o autor e narrador protagonista se esvaece, constituíndo unha trama estruturada de forma sincopada e fragmentaria a través de textos de distinto formato narrativo.
A complexidade da influencia da posmodernidade e a forma na que cala no momento histórico e cultural entre ambos milenios fai complexo deixar de destacar algunhas obras e autores que recollen, aínda que sexa parcialmente, unha influencia deste tipo. Sería o caso dalgunhas achegas da proposta erudita de Xosé Carlos Caneiro , especialmente Un xogo de apócrifos (1997), particularmente celebrada pola crítica galega e concibida como un conxunto de relatos fiados por unha estrutura común, que contén unha reflexión sobre o fenómeno da autoría literaria. A figura dun heroe anti-convencional tratado con perspectiva irónica aparece tamén na multi-premiada Ébora (2000), aínda que baixo unha estrutura formal máis convencional.
Trazos semellantes poden atoparse tamén na obra de autores como Manuel Veiga , cun tratamento de temas en aparencia convencionais, como a memoria da Transición ( Os xornalistas utópicos , 2013) ou o esmorecemento da identidade rural ( Todo ser humano é un río , 2016), tratados baixo estratexias que lembran a descentralización narrativa e estrutural destas correntes, así como o seu xogo entre a ficción e a identidade do autor.
Da mesma forma, tamén se ten relacionado o pouso da posmodernidade coa forma de enfrontar, a través do meta-ficcional, as cuestións de autoría dentro da obra de Teresa Moure . Isto acontecería en obras como Ostrácia (2015), que relaciona o momento histórico da Revolución Soviética con prácticas sexuais como o BDSM ou Um elefante no armario (2017) cun personaxe que publicará o seu propio poemario “traducido” por Teresa Moure (Não tenho culpa de viver, de Ana Brouwer, 2017). Esta última novela tamén incorpora a ficcionalización de episodios reais, poñendo en cuestión a relación entre literatura e realidade, nunha reflexión sobre a arte que tamén está presente en A intervención (2010). Por outra parte, a obra de Teresa Moure supón, en moita da súa produción, unha impugnación do discurso masculino dominante para dar voz ás mulleres e outros colectivos acalados, un aspecto polo que camiña, desde as súas primeiras obras, cara a unha actitude iconoclasta cada vez máis relacionada coa experimentación técnica.
Por último, existen unha serie de trazos, como a relación coa cultura popular de masas, as reflexións sobre o papel da arte como representación e o cuestionamento das identidades convencionais que poden atoparse en autores como Alberte Momán , Manuel Darriba , Samuel Solleiro , Santiago Lopo ou Iolanda Zúñiga .
Tamén acostuma relacionarse con este tipo de narrativas o relativo rexurdir do relato curto tras un período de intensa promoción da novela longa. A relevancia de obras como Que me queres amor? (1995) de Manuel Rivas , conxunto de relatos heteroxéneo, de base realista e cunha certa presenza de elementos da cultura popular de masas, tense relacionado tamén con este momento histórico.
Movementos menores. Evidencialismo e Bravú.
Non separábeis da narrativa posmoderna existen dous movementos minoritarios que poden relacionarse cunha certa versión galega da posmodernidade, ou que, cando menos, comparten certos elementos clave con ela. Sería o caso do Evidencialismo, primeiro relacionado con Copenhage (1993), obra teatral de Andrés Vila e Xosé Cid Cabido e que este último acabará por aplicar finalmente á súa propia narrativa. Definido como a arte de facer evidente aquilo que se esconde nas cousas, e que tería en narracións como Panificadora (1994) ou Grupo abeliano (1999) algúns dos seus exemplos. Caracterizadas pola consciencia dun mundo que perdeu as vellas regras, o autor apóiase nestas obras no realismo para ofrecer un percorrido irónico e simbólico polo caos que deixa a fase final do capitalismo. Sen entrar directamente nesta liña, tamén é relevante Blúmsdei (2006), que se aproxima á escritura automática e á corrente de pensamento de raigame joyceana.
Nun sentido igualmente minoritario, nace a mediados dos noventa a etiqueta de “Literatura bravú”, en realidade parte dun conglomerado cultural maior no que a música ten un protagonismo fundamental. O movemento bravú xorde do énfase nunha cultura contemporánea propia para un contexto enfrontado á uniformización cultural que propugna a globalización. Trataríase dunha cultura que recolle apenas parcialmente a identidade rural e mariñeira da Galiza idealizada baixo o franquismo. O seu nome faría referencia aos animais sen castrar, reivindicando así unha certa autenticidade cultural ligada á realidade rururbana galega e a súa relación con elementos contemporáneos. Considérase a Xurxo Souto e Santiago Jaureguízar parte desta etiqueta, aínda que as súas características como narradores non sexan particularmente coherentes. Santiago Jaureguízar destaca por unha narrativa chea de referencias á cultura de masas, provocadora desde títulos como Fridom Spik (1996) ou Breve crónica universal da clase obreira (2001) na que tamén abunda o tratamento irónico das idolatrías políticas e culturais, pasadas ou contemporáneas. Disto último é un bo exemplo tamén Casa Skylab (2003), novela marcada por un ambiente opresivo. Pola súa parte, Xurxo Souto comeza unha carreira como narrador moi vinculada ao seu papel como voz dos Diplomáticos de Monte-Alto e nun contexto que reivindica esa idea de autenticidade cultural disidente común ao seu proxecto musical. Pode percibirse así en obras como A tralla e a arroutada (1995) ou Fumareu (1997), cun proxecto que irá seguindo cara a temáticas que recollen parte da cultura laboral galega, como pode ser Contos do mar de Irlanda (2014), baseada en relatos de mariñeiros. Elementos comúns con esta reivindicación da cultura popular contemporánea, moi relacionada co mundo do traballo e coa cultura popular de masas, poden atoparse tamén na narrativa de autores como Fran Alonso, Camilo Franco, Manuel Seixas ou Manuel Rivas.