A Etapa Contemporánea III
A narrativa entre dous séculos
Entre o mito e a historia. Neo-cunqueirismo e novela histórica


A literatura galega que aborda o tema da Historia continúa a atoparse, durante esta época, entre dúas influencias posíbeis: dun lado a continuidade da influencia de Cunqueiro, como un proxecto que recupera o realismo máxico, pero sobre todo que dá unha dimensión de suma relevancia aos mitos, fundamentalmente aqueles de orixe clásica, céltica ou baseados na mitoloxía popular galega. Do outro, a posibilidade de realizar unha novela histórica de base realista que funcione como mímese da que triunfa nos campos literarios veciños, pero tamén que cumpra a función de devolver ao pobo galego a enunciación do seu propio discurso histórico.

No primeiro grupo podemos localizar o ronsel dunha autora como Begoña Caamaño , cunha obra narrativa coherente que aborda a recuperación das figuras míticas femininas para devolverlles o papel e a voz, así como para feminizar a perspectiva das súas propias historias. O temperán pasamento da autora déixanos apenas as novelas  Circe ou o pracer azul (2009) ou Morgana en Esmelle (2012), esta última, de ambiente céltico-merliniano, formula un diálogo aberto con Cunqueiro a través da recuperación dalgúns dos seus personaxes.

Begoña Caamaño

María Lorenzo Miguéns e Manuel Lorenzo Baleirón son autores de Tonas de laranxa (2012), unha obra que tamén aborda a relación con Cunqueiro, aínda que fundamente a súa mecánica máis nun mundo de tramas fantásticas autónomas que en verdadeiros mitos históricos de base antropolóxica. Unha relación coa maxía que envolve o realismo, en parte desarraigada desa dimensión de referencia ás mitoloxías culturais, que tamén aparece en propostas como A vida sinxela de Marcelo Firmamento (2017) de Vanessa Santiago.

Obras puntuais como O frío azul (2008) de Ramón Caride explicitan unha trama de aspecto histórico na que a maxia, a bruxería e o sobrenatural acaban por ter un protagonismo de transformación dun mundo que se presenta, principalmente, como realista. Unha liña da que non se afastaría moito unha novela como Palabra de bruxa (2018), de Andrea Barreira Freije. Porén, o papel da maxia en moitas destas narracións obedece a unha tendencia moi afastada xa do modelo cunqueiriano. A presenza do estraño ou do sobrenatural, desta volta con elementos que o achegan a unha posíbel interpretación realista do diferente ou do non categorizado, aparece nalgunhas das propostas que encadramos xa como novela histórica, como nos casos de Emma Pedreira ou Alfonso Álvarez Cáccamo .

Ao lado destas tendencias histórico-fantásticas, atopamos tamén a continuación dunha novela histórica que pretende iluminar determinados episodios da historia da Galiza co obxectivo eventual de apoiar a súa popularización, pero que non pode desvincularse da necesidade de que a Historia arrebatada á nación poida ser enunciada en termos diferentes dos que difunde a súa interpretación convencional. Nesta liña destacamos obras como Morte de rei (1996), de Darío Xohán Cabana , sorprendente pola adscrición do autor á fantasía en obras anteriores, e que trata de recrear os últimos anos da vida de Don García da Galiza. Tameń unha obra como Salvador de Occidente (2000) de Nacho Taibo dirixe a súa ollada ao medievo galego.

Nunha perspectiva similar, podemos localizar a recuperación de elementos diversos da historia galega, en clave realista e sen grandes experimentos narrativos. Nesta liña atopamos obras sobre o bandoleirismo, moitas veces recreadas como novelas de aventuras cun detallado trasfondo histórico, como Morning Star (1998) de Xosé Miranda ou Pepa a Loba (2006) de Carlos Reigosa . A pesar da súa relación cunha historia como A illa do tesouro, de Louis Robert Stevenson, tamén Costa do solpor (2013) de Xosé María Lema responde a parámetros dunha inspiración histórica ben documentada e de base realista. Podemos entender que parte do trasfondo da novela de Lema diríxese a restituír o papel da Galiza nos relatos históricos da cultura occidental, concretamente nas novelas de piratas.

Figuras que tratan de reconstruír a historia menos popularizada da cultura galega atópanse tamén en obras como Lourenço xograr (2015) de Manuel Portas, sobre a época do trobadorismo medieval galego, historias sobre o camiño xacobeo como A dama fulxente (2011) de Antonio Piñeiro ou A galera de Xelmírez (2015) de Xabier Paz , tamén aquelas centradas en figuras concretas como Azul Cobalto, historia posible do Marqués de Sargadelos (2001), Romasanta. Memorias incertas do home lobo (2004), ambas de Alfredo Conde , Fontán (2015) de Marcos Calveiro , A voz do vento (2016) sobre a historia de María Soliña, de Pemón Bouzas, ou Nova Nursia (2018) de Héctor Cajaraville , sobre a figura de Frei Rosendo Salvado.

Mestúranse nestas referencias a reivindicación de figuras escurecidas ou pouco recoñecidas pola historia, como o Marqués de Sargadelos ou Domingo Fontán, con aquelas outras que atinxen unha marxinalidade peculiar como Romasanta ou María Soliña. Tendencias que denotan a dupla dimensión que ten a relación da cultura galega coa súa propia historia: dunha parte a dun relato negado dos grandes feitos, de outra, a necesidade de dar conta dos episodios que viviron os ninguén, as persoas deixadas nas marxes. Cabería referise así a perspectivas que se centran ou recollen historias de herexía, transgresión e saberes ocultos como as que aparecen en O espírito de Broustena c (1997), de Alfonso Álvarez Cáccamo , Festina Lente (2008) de Marcos Calveiro ou na obra de Xabier Paz A galera de Xelmírez (2015).

Xabier Paz, foto Distrito Xermar

Unha tendencia a pescudar nas marxes da Historia que tamén pode relacionarse, baixo outro paradigma, coa que aparece nas obras de Xavier Alcalá adicadas á comunidade evanxélica, como Entre fronteiras (2004), ou as que o mesmo autor remite á épica esquecida das comunidades emigrantes ( Nos pagos de Huinca Loo , 1982; The Making Of, 2018, entre outras), un tema no que tamén van afondar autores como Víctor Freixanes ( A cidade dos césares , 1993). A esta natureza responden tamén as que palpitan en episodios aparentemente irrelevantes pero cunha gran carga de simboloxía política como o que narra Antonio Piñeiro en As fiandeiras (2011), ou a perspectiva de longo alento histórico que Ramón Caride dá sobre os incendios forestais en Terra queimada (2017). Tamén cabe destacar aquí unha obra como Magog (1997) de María Gándara, cuestionando a propia noción da Historia en clave posmoderna, ou Besta do seu sangue (2018) de Emma Pedreira , achega dun inusual ton poético á vida do “lobishome” Romasanta que se centra na súa condición de persoa intersexual.

Neste momento comeza tamén a abundar o fenómeno da ambientación histórica que non remite de forma exclusiva ao pasado do territorio galego, unha variante temática que, sen constituír unha novidade absoluta, si que ten unha fortuna especial no novo século. Temos así obras como Herba moura (2005) de Teresa Moure , que concede o protagonismo a figuras como René Descartes e Cristina de Suecia, relacionándoas cunha historia contemporánea na Galiza. Tamén achegas como Settecento (2010) de Marcos Calveiro, cunha trama que nos leva da vida de Antonio Vivaldi á Compostela da época, ou Aníbal e a pintora (2016) de Xabier Paz , que entrecruza a biografía da artista renacentista Artemisia Gentileschi cun relato que acontece nos nosos tempos. Tamén A arte de trobar (2017) de Santiago Lopo fala dunha realidade como o trobadorismo europeo que mantén unha ligazón cultural coa Galiza, pero sen concederlle un protagonismo relevante ao noso país. Unha mención diferente merecería Nordeste (2016) de Daniel Asorey , inédita achega que recrea unha Historia alternativa da Galiza e do futuro das súas colonias no Brasil, baseándose na historia real dos cangaceiros brasileiros.

Finalmente, máis próximas á novela de aventuras e cunha documentación histórica pouco consistente, aínda que con escenarios históricos sempre no seu trasfondo, podemos mencionar novelas como Concubinas (2002) de Inma López Silva , e Resistencia (2002) ou Sol de Inverno (2009) de Rosa Aneiros .