Afonso Álvarez Cáccamo naceu en Vigo, o 23 de outubro de 1952. Realizou estudos de filosofía e maxisterio e actualmente é profesor en Panxón-Nigrán. Colaborador habitual na imprensa escrita galega, escribíu máis de douscentos artigos en diversos xornais, principalmente no diario Faro de Vigo, mais tamén no semanario A Nosa Terra, en Cadernos-A Nosa Terra e en La Voz de Galicia, ademais de varios relatos para O Correo Galego, e diversas colaboracións en revistas culturais. Durante o ano 2012 escribe, en calidade de autor e coordinador, no blog de opinión Pensamentos de Olafsson Mokk (http://pensamentosdeolafsonmokk.blogspot.com.es/). Tamén realizou traballos como guionista de programas dirixidos ao público infantil, sendo coautor de corenta guións para a serie da Televisión Galega Tarde Taina, emitidos pola antedita canle, entre os anos 1990 e 1991.
Os seus inicios no mundo da escrita aparecen ligados a autoría de textos dirixidos, fundamentalmente, á infancia. Como narrador, é autor das novelas, Peito de vimbio (Xerais, 1988), As baleas de Eduardo Reinoso (Xerais, 1990), O Espírito de Broustenac (Xerais, 1996), O Bosque de Levas (Galaxia, 2002), ou os seus últimos títulos, A revolución dos globos (Galaxia, 2008), O destino de Clarescura Lens (Biblos-Clube de Lectura, 2012) e Os Gotten (Xerais, 2014). Por outro lado, é autor dos libros de relatos, O Eco de Ramallón (Ir Indo, 1992) Castromil e unha noites (Asociación de funcionarios para a normalización lingüística- empresa Castromil, 1992), Xente de mala morte (Galaxia, 1993), Catapulta (Xerais, 1996) e Contos mamíferos (Ed. do Cumio, 1998), a maiores de múltiples colaboracións en publicacións colectivas de relatos, como O derradeiro alcume (1990), O escritor despistado (1995), Marinella (2003), etc.
No campo da poesía, conta co poemario Na flor do vento (Espiral Maior, 1999), así como con diversos poemas soltos en coleccións colectivas.
Fillo do editor, investigador e escritor, Xosé María Álvarez Blázquez, traducíu ao galego as dúas novelas do seu pai, En el pueblo hay caras nuevas e Crecen las aguas (Na vila hai caras novas e Enchen as augas. Ir Indo, 1993 e 1995, respectivamente), ao tempo de dedicarlle ao seu proxenitor os seus ensaios Xosé María Álvarez Blázquez (Ir Indo, 1994) e X. M. Álvarez Blázquez 1915-1985: Unha fotobiografía (Xerais, 2008)
Recibíu numerosos premios, como o Xerais de novela, 1990 ou o García Barros en 1996, entre outros. Como curiosidade, cómpre salientar que este autor colabora, activa e asiduamente, en conferencias e encontros diversos (verbigratia, nos congresos de Galeuzka) e participou, así mesmo, en varias exposicións colectivas de pintura.