Máis de cincuenta persoas participan neste libro colectivo, Xela Arias, quedás en nós, que constitúe unha homenaxe con motivo do primeiro cabodano do pasamento da poeta e tradutora. O volume, promovido por Edicións Xerais de Galicia, a Asociación de escritores de Lingua Galega e a súa familia, está organizado en catro grandes apartados: No pouso dos afectos (reúne semblanzas, poemas e homenaxes literarias realizadas por amigos, familiares e compañeiros e compañeiras); No silencio das palabras (transcrición das palabras pronunciadas na cerimonia da súa despedida); Vencerse é cousa de se tratar (transcrición da homenaxe realizada en Vigo o 29 de maio de 2004, organizada pola AELG, ATG e AGE) e Un día tiven desexos e cumprinos (completa aproximación bio-bibliográfica). Estas colaboracións literarias enriquécense con outras de carácter gráfico (fotografías e ilustracións) que fan do libro unha completa achega para mellor comprender e admirar a traxectoria humana e literaria dunha das voces máis singulares da poesía galega última.