Etapa Medieval
Prosa literaria medieval
Introdución: o obxecto de estudio

Antes de nada é preciso establecermos con claridade o obxecto de estudio a que as páxinas siguintes se van dedicar. E este non é outro que a prosa literaria galega medieval, mais entendendo por prosa galega tanto a primitiva prosa galego-portuguesa como a máis especificamente considerada prosa galega.

Cáliz do Cebreiro. Debuxo de Castelao.

Partindo da crenza apriorística na esencial unidade da lingua galego-portuguesa durante toda a Idade Media, a pesar das diferencias que van surxindo fundamentalmente durante a segunda metade do século XIV e XV, debemos considerar que, desde un ponto de vista exclusivamente lingüístico, prosa galego-portuguesa medieval é toda aquela que se produce neste romance hispano occidental durante todo o período do Medievo.

Agora ben, se ademais do factor lingüístico temos en conta outros factores como o político, de especial relevancia no caso da produción prosística, pois esta nace directamente vinculada a decisións e intereses das cortes reais, sendo en moitos casos elaborada por cronistas oficiais —caso da historiografía— e, por tanto, subsidiada por monarcas e nobres, entón é necesario distinguir unha prosa galego-portuguesa nun primeiro momento e posteriormente unha prosa galega e outra portuguesa, tendo en conta, ademais, a estreita relación entre prosa —sobre todo histórica— e proceso de construción da conciencia nacional.

A conversión de Portugal en reino independente no século XII e a definitiva dependencia de Galiza do reino de Castela tamén nese mesmo século van iniciar un proceso de afastamento entre os dous territorios situados aquén e alén Miño, que vai conducir a Portugal á progresiva conformación da súa conciencia nacional, que ten o ponto culminante na batalla de Aljubarrota de 1385, e a Galiza á perda da súa propia personalidade cultural e política e á total submisión a Castela a partir tamén da segunda metade do século XIV, como consecuencia da guerra sucesoria pola coroa de Castela entre Pedro I e Henrique de Trastámara .

A ausencia dunha corte política en Galiza no momento de aparición da prosa no século XIII e o feito de que a aínda poderosa Igrexa compostelá manteña a súa produción prosística en latín explica a maior escaseza de prosa producida no noso territorio e tamén o seu carácter tardío. Pola contra, Portugal e Castela, con corte propia e monarcas que impulsan o uso do romance na prosa, van alcanzar un maior desenvolvemento neste campo.

Mais, pola temática cabaleiresca de fondo europeo, claramente inserida no espirito trobadoresco común reflectido a través da lírica, ou pola temática histórica de ámbito hispánico, ao que se pode engadir unha maior identificación lingüística, resulta lóxico falarmos dunha primeira etapa, común para os dous países, de prosa galego-portuguesa, que comprende os séculos XIII e boa parte do XIV. E considerando que desde Aljubarrota, co acceso ao trono portugués da dinastía de Avís e as mudanzas socio-políticas e culturais producidas, Portugal vai seguir unha vía de clara afirmación nacional reflectida na prosa, parece tamén adecuado distinguir, a partir de fins do XIV/principios do XV, cando as preferencias lingüísticas a un e outro lado do Miño se fan tamén máis diverxentes, unha prosa galega e outra prosa portuguesa.

Estudiaremos, pois, aquí tanto a prosa literaria galego-portuguesa da primeira época como a prosa galega da segunda. Da mesma forma que os portugueses non exclúen do seu patrimonio literario medieval as cantigas dos extraordinarios poetas nados en Galiza nos séculos XIII e XIV, tampouco parece lóxico que os galegos renunciemos a considerar como tamén nosos uns textos prosísticos polo simple feito de que teñan sido elaborados, copiados ou traducidos ao galego-portugués da outra banda do Miño.

Convén, por outra parte, precisar que, dentro da prosa literaria medieval, consideramos como parte do noso patrimonio as versións paneuropeas que na época circulan con profusión, tal e como acontece nas diferentes literaturas románicas, onde o uso da prosa comeza regularmente con traducións ou versións de textos bíblicos ou clásicos ás novas linguas. Ademais, debe ser tido en conta o diferente concepto que da orixinalidade existe na Idade Media, que fai que un texto non sufra menoscabo da mesma por se tratar dunha refundición, adaptación ou tradución doutros textos anteriores, como tamén sucede coa lírica, segundo proban as cantigas "de seguir"; desta forma, as lendas artúricas, troianas ou xacobeas adaptadas ou traducidas ao galego-portugués doutras linguas, ben sexan romances ou o mesmo latín, pasan a formar parte da nosa prosa literaria medieval, constituíndo o corpus fundamental e case único da mesma.

Por último, e tratándose do estudio da prosa literaria, hai que sinalar a dificultade de a separar da prosa en xeral e, sobre todo, da prosa histórica e haxiográfica, con frecuencia tamén dotada de valores literarios e en ocasións mesturada con outros tipos de prosa. Mais, para deixar fóra deste estudio os textos historiográficos, que van ser tratados noutro lugar xuntamente coa prosa documental, reduciremos como criterio xeral o concepto de prosa literaria á prosa narrativa de ficción, aínda sabedores de que o discurso científico da historiografía medieval está moi lonxe do actual e non ten reparos en introducir elementos fantásticos, novelescos, lendarios ou imaxinativos con valor de dato histórico, aproximándose ao que entendemos como prosa de creación. Desta forma, ademais das obras dos ciclos clásico e artúrico, incluímos o estudio doutros textos que, tendo tamén carácter histórico polo menos nalgunha das súas partes, conteñen así mesmo prosa narrativa de ficción, como acontece con algunhas partes dos Libros de Liñaxes ou cos Miragres de Santiago e a Corónica de Santa María de Iria.

IMAXES