Etapa Medieval
Prosa literaria medieval
Contexto histórico

O galego nace arredor do século IX d. C. como consecuencia da evolución do latín vulgar traído á Península Ibérica en torno ao ano 197 a. C. polos soldados romanos cando esta foi romanizada. Ese latín acabou por se impor sobre as diferentes falas preceltas, celtas e paraceltas da Gallaecia romana, tan variadas e iletradas que non puideron ofecrecer resistencia a unha lingua escrita e máis evolucionada, ficando como elementos de substrato e exercendo a súa influencia no léxico e na fonética dese latín sobre o que tamén van ir influíndo as linguas dos diferentes pobos que, posteriormente, ocuparán, dunha forma máis ou menos prolongada, ese mesmo territorio; trátase de pobos bárbaros, de orixe xermánica, como os suevos e visigodos, e en menor medida dos árabes.

Con todas estas influencias, o latín vulgar traído polos soldados romanos ao noroeste peninsular dará orixe a ese novo romance ao que se lle chamará galego por ter aparecido na Gallaecia, nome da provincia romana que designaba un territorio moito máis extenso do que é a Galiza actual, comprendendo todo o norte do que hoxe chamamos Portugal e a parte máis occidental de León e Asturias; polo sul chegaba ao río Douro e mesmo ao Mondego.

Até fins do século XI vai existir certa unidade política neste territorio do occidente peninsular, que, de o non impediren os reis de Castela Sancho II e Afonso VI, provocaría que Galiza e Portugal formasen moi probabelmente desde aquela altura unha unidade político-cultural, mais esta viuse quebrantada pola intervención castelá. Debido á existencia de problemas continuos cos árabes ao sul do Mondego e á oposición dos nobres galegos ao poder centralizador de Castela, Afonso VI, que non permitiu que seu irmán García I, rei dunha Galiza independente no período de 1065-1071, continuase sendo rei, enviou cara ao ano 1090 a súa filla dona Urraca e o seu marido don Raimundo de Borgoña, como condes de Galiza, para defenderen a fronteira contra os mouros e pacificaren o reino.

Ao non conseguir os resultados desexados, uns poucos anos despois, arredor de 1093, decide dividir o primitivo reino de Galiza coa creación do Condado de Portugal, que outorgou á outra filla, dona Tareixa, casada con don Henrique de Borgoña, e deixando unha Galiza reducida polo Sur ás actuais fronteiras a dona Urraca e don Raimundo. O novo condado pasa a ter a capital en Braga, establecéndose a fronteira política definitiva no río Miño, que vén romper unha unidade xeográfica e cultural posuidora dunha mesma lingua e que desde a época prerromana se asentaba ás dúas bandas do Miño. Cando dona Tareixa, xa viúva, busca o auxilio de nobres galegos e os nobres portucalenses ven así perigar a autonomía de Portugal, estes deciden apoiar a Afonso Henriques, fillo de dona Tareixa, quen vence e expulsa a súa nai en 1128, conseguindo, por unha parte, consolidar a autonomía de Portugal e, por outra, estender o seu territorio cara ao sul facendo avanzar a Reconquista. En 1139 tomou o título de rei e en 1143 Afonso VII de León recoñece a independencia do novo Estado portugués, confirmada por Roma en 1179.

Esa lingua romance común falada ás dúas bandas do río Miño, que nun primeiro momento se debe chamar con propiedade galego, por ter a súa orixe na Gallaecia, ao se dividir esta coa creación primeiro do condado e logo do reino de Portugal, pasará a chamarse tamén con toda propiedade galego-portugués, por pertencer a estes dous reinos peninsulares. Mais, mentres o reino de Portugal amplía os seus límites cara ao sul e consolida a súa plena soberanía, o reino de Galiza vai ficar cada vez máis sometido a Castela, feito que tamén terá repercusións de carácter lingüístico.

Agora ben, a división política de Galiza en dúas metades, iniciada a fins do século XI, non rompe a unidade lingüística, continuando a lingua a ser a mesma a ambos os lados do Miño. Mais, a partir da segunda metade do século XII, a política portuguesa trasládase definitivamente cara ao sul, establecéndose Lisboa como capital do reino; desta forma, o modelo lingüístico que se irá conformando na corte lisboeta non será o do norte, senón o do sul, máis influido polas falas mozárabes. como consecuencia dos descubrimentos, en que Portugal participou como grande potencia colonizadora, o galego-portugués vaise estender por diferentes continentes, converténdose nunha das principais linguas do mundo. As normas e orientacións lingüísticas que, desde o primeiro momento en que Lisboa se converte na capital do reino, emanan da mesma, acaban por chegar ao norte de Portugal, mais non traspasan o río Miño. Este modelo así conformado, convertido en lingua oficial do Estado, acabará por se denominar portugués, perdendo o seu nome o primeiro elemento de "galego", indicador da marca de orixe.

Mentres tanto, Galiza constitúe un reino sen rei e sen unha corte que potencie o idioma. Cando Compostela alcanza un grande esplendor, durante o século XII, a lingua escrita era aínda o latín, e cando no século XIII xorde unha brillante literatura en galego-portugués, Galiza depende xa do reino de Castela. O galego-portugués de Galiza na Baixa Idade Media vaise caracterizar polo polimorfismo, como consecuencia directa da carencia dunha entidade encargada de rexer ou regular o idioma, entidade que si houbo en Portugal e que o foi sometendo a unhas normas xerais unificadoras, conseguindo que esas alternancias polimórficas fosen menores; este será o factor máis importante da diferenciación entre galego e portugués. De todas as formas, parece razoábel afirmar, de acordo coa práctica totalidade de filólogos romanistas, que durante toda a época medieval existe unha clara unidade lingüística galego-portuguesa, a pesar de certas preferencias a un lado ou outro do Miño, que nunca nos deben impedir falarmos dunha única comunidade lingüística.

Mais é tamén no período en que as linguas románicas inician o seu camiñar como linguas escritas cando a dependencia de Galiza con relación a Castela vai posibilitar, nun primeiro momento, a introdución no noso territorio dun idioma alleo, o castelán, como idioma utilizado desde o poder da corte, e, posteriormente, a súa progresiva imposición como lingua escrita. O emprego instrumental das linguas vulgares, elevando o seu rango oficial, consolídase ao ser impulsado polas cortes reais. Serán os monarcas Fernando III en Castela e Afonso III en Portugal os que ordenen aos escribáns utilizaren o romance vulgar, dándolles así ao castelán e ao galego-portugués un grande impulso, que se viu incrementado a fins do XIII con Afonso X o Sabio no trono de Castela e con Don Dinís no de Portugal.

Na obrigada relación de Galiza cos monarcas utilízase primeiramente o latín, mais xa en 1250 o rei Fernando III se dirixe aos composteláns en castelán; en 1252 estes últimos aínda se dirixen ao rei en latín. Afonso X, que reina desde 1252 a 1284, consagra definitivamente o uso do castelán como lingua oficial da súa corte, utilizando en exclusiva esta lingua na súa relación con Santiago. Os reis sucesivos consolidan o castelán como lingua para todos os usos dos seus reinos, inclusive para as relacións coa Igrexa.

Na segunda metade do século XIV, como consecuencia da derrota de Pedro I, apoiado pola nobreza galega, frente ao seu irmán Henrique II de Trastámara, vai entrar en Galiza unha aristocracia castelá acompañada da súa correspondente corte, traendo tamén consigo un idioma alleo a Galiza, o castelán, que até entón só se fixera notar aquí neses contados escritos enviados desde a corte de Castela a partir do reinado de Fernando III e que agora o poder foráneo irá impondo. Ademais, esa derrota acarreou graves danos económicos e humanos no país: indemnización económica ao novo rei, morte ou desterro para os nobres galegos que apoiaron a Pedro I e reparto dos seus títulos e propiedades entre os vencedores, vellas liñaxes galegas substituídas por outras foráneas, aumento da presión económica sobre labregos e burgueses, etc. Todo isto desembocaría nas guerras irmandiñas iniciadas a meados do XV, de grandes custos materiais e humanos, e con graves repercusións para a vertebración social e política do país.

As negativas consecuencias para o futuro do galego, e por conseguinte para a literatura neste idioma, da penetración do castelán veranse incrementadas coa vitoria, a fins do século XV, de Isabel a Católica na loita polo trono de Castela, en contra tamén da causa apoiada pola nobreza galega, e o posterior reinado dos Reis Católicos, inspiradores do brutal castigo infrinxido a Galiza. Baixo o poder destes infortunados monarcas para a historia do noso país, vaise consumar a imposición definitiva do castelán, símbolo dunha verdadeira opresión nacional que o reino de Castela perpetra contra o reino de Galiza: os nobres galegos deberán derrubar os seus castelos e disolver os seus exércitos, sendo substituídos pola "Santa Hermandad", auténtica policía da coroa dirixida por Alonso de Aragón, foránea e economicamente moi gravosa para os galegos; Fernando de Acuña, gobernador e Xustiza Maior do Reino, é tamén de fóra, igual que o Alcalde Maior Garci López de Chinchilla, e Mudarra, capitán dos soldados mercenarios que deben facer cumprir as ordes dos anteriores; é castelán o novo sistema de pesas e medidas; as apelacións á nova Audiencia de Galiza, composta case en exclusiva por maxistrados non galegos, fanse depender de Valladolid; a partir de 1480 os escribáns públicos han de ser examinados polo "Real Consejo", mudando os seus formularios galegos polos casteláns; son prohibidas toda clase de ligas, confederacións, confrarías e mesmo reunións numerosas en bodas, enterros ou bautizos; incentívase a participación de nobres e viláns galegos na guerra de Granada, que lle custará ao noso país importantes cantidades de diñeiro e moitas vidas humanas; a nobreza galega máis poderosa é atraída á corte ou castigada duramente se se nega a abandonar o país; concédeselles bula papal aos bispos de Ávila, Segovia, Córdoba e León con dereito de visita sobre os mosteiros galegos, moitos dos cales son suprimidos, terminando os restantes por pasaren en pouco tempo a depender de mosteiros casteláns e mesmo chegando a limitar neles a presencia de frades galegos; etc. En fin, nestas condicións afronta Galiza o final da Idade Media e o paso do reinado dos Reis Católicos ao dos Austrias, privada ademais de voto nas cortes e ostentando a provincia de Zamora a súa representación, dereito que posteriormente Galiza terá que adquirir por unha elevada suma de diñeiro.

Tal opresión dos dereitos galegos, incluídos os lingüísticos, acabaría por levar o noso idioma e a nosa literatura a ese longo túnel dos Séculos Escuros, aínda que o pobo galego no seu conxunto continuara desenvolvendo a súa vida en galego, nunha situación de monolingüismo case absoluto, até comezos do século XVI, en que a colonización política a que o país estaba sometido por parte de Castela comeza a dar os primeiros froitos significativos tamén no que respecta ao idioma. A literatura galega, esgotadas as fórmulas trobadorescas na lírica e carente Galiza dun poder político propio que impulsase a utilización do idioma propio na prosa, vai desaparecer practicamente do ámbito escrito, reducida case en exclusiva ao cultivo oral.

IMAXES