Etapa Medieval
Prosa literaria medieval
O contexto literario-cultural

A distribución de funcións entre o latín, lingua escrita, e o galego-portugués, lingua oral, que se viña producindo desde a aparición do romance, facíase cada vez máis difícil de manter, porque soamente un moi reducido número de persoas era capaz de entender xa a lingua do Lacio, progresivamente distanciada do romance pola propia evolución deste, ou de escribir un texto nela. Os mesmos escribáns tiñan graves dificultades para a correcta utilización do latín, polo que, cunha frecuencia crecente, vertían nos seus documentos palabras e estruturas lingüísticas do romance en lugar das correspondentes formas latinas; e as persoas que encarregaban os documentos ou eran destinatarios dos mesmos tiñan tamén cada vez maiores problemas para os entenderen.

Así pois, por ineludíbel necesidade de comprensión, o galego-portugués vaise converter tamén en lingua escrita, primeiro nos documentos privados e con posterioridade en documentos públicos. Tal uso do galego como instrumento útil e necesario na escrita de carácter documental vai coincidir co emprego literario do mesmo, iniciándose así unha nova etapa na vida do idioma, que comeza co século XIII, en cuxa primeira metade aparecen no noso idioma documentos de compra-venda, testamentos, doazóns, etc., mais tamén as primeiras cantigas da escola trobadoresca galego-portuguesa, algunhas das que chegaron a nós datadas mesmo no inicio do século.

A documentación de carácter privado é case totalmente en galego durante os séculos XIV e XV; os poucos documentos que aparecen en castelán nos séculos XIII e XIV proceden sen excepción da Chancelaría Real, sendo os orixinarios de Galiza redixidos en galego practicamente todos no século XIV. Aínda na segunda metade do XV, cando comeza a aparecer o castelán en documentos non emanados directamente da Chancelaría Real, a súa presenza é mínima con relación ao galego. Só a partir de 1480, cando os Reis Católicos obrigan os notarios a se examinaren na Corte de Toledo, se vai acelerar a introdución do castelán na documentación, aínda que o galego vai resistir uns cantos anos máis debido á fidelidade dos notarios máis vellos, e tamén dos falantes, ao idioma do país. Até ese momento o unilingüismo en galego, tanto por vía oral como escrita, era xeral en todos os ámbitos da sociedade.

Ademais da utilización do galego en todo tipo de documentación privada, este tamén foi empregado polos organismos civís libremente conformados polos cidadáns, principalmente concellos e gremios. Así mesmo, a Igrexa comeza a facer uso público do galego a inicios do XIV, xeneralizándoo durante a segunda metade do mesmo tanto en asuntos internos como na relación con outras institucións ou con particulares; a pesar da forte presencia do latín na vida da Igrexa, rexístrase o uso do galego en numerosas actas dos Sínodos celebrados durante os séculos XIV e XV, regulándose tamén en galego as cuestións e actos de culto.

Por outra parte, aínda que non hai coñecemento hoxe da existencia de ningún código xurídico íntegro en galego, o feito de que se conserven fragmentos traducidos ao noso idioma do latín ou do castelán, como as Partidas de Afonso X, o Forum Iudicum, as Flores de Dereito, ou o Foro Real, revela unha clara vontade por parte dos galegos de utilizaren o seu propio idioma como lingua normal das actividades xudiciais.

A este uso social do galego como lingua escrita corresponde tamén, con certo adianto e maior intensidade, o seu uso literario. O período literario do galego-portugués medieval podemos dividilo en dúas épocas, a trobadoresca e a postrobadoresca.

A época trobadoresca comprende desde a aparición dos primeiros textos escritos a principios do século XIII até 1350, cando se dá por finalizada a escola lírica galego-portuguesa —soe tomarse como data de referencia 1354, ano da morte de D. Pedro, Conde de Barcelos, considerado o último trobador da escola—. É a época de esplendor do galego-portugués medieval, pois nela desenvólvese esta escola lírica que dá lugar ás espléndidas cantigas de amor, de amigo e de escarnio e maldicer recollidas nos Cancioneiros, así como ás Cantigas de Santa María de Afonso X o Sabio.

Aínda que a penas conservamos textos en prosa narrativa de ficción desta época —os primeiros manuscritos de carácter historiográfico dátanse entre fins do XIII e principios do XIV, e os pertencentes aos ciclos narrativos entre a segunda metade do XIV e o XVI—, parece moi probábel que as primeiras versións galego-portuguesas das novelas artúricas fosen elaboradas na época trobadoresca, coincidindo co esplendor da lírica; as referencias que nesta achamos á Materia de Bretaña así o parecen confirmar, ademais do carácter arcaizante da lingua e dalgunhas referencias histórico-literarias. A este período corresponden tamén os Libros de Liñaxes, que enlazan coa materia artúrica e coa historia de Troia e Roma.

Se damos por finalizada a escola lírica galego-portuguesa en 1354, tamén a etapa da prosa galego-portuguesa a podemos dar por terminada cara a fins do XIV, incluíndo nela, como textos literarios, algunhas partes dos Libros de Liñaxes, as obras do ciclo novelesco da Demanda do Santo Graal (Xosé de Arimatea, Merlín e A Demanda do Santo Graal ), xunto co Libro de Tristán . As obras do ciclo clásico, a Crónica Troiana e a Historia Troiana , máis propiamente galegas por seren feitas aquí na segunda metade do XIV e por conteren trazos gráficos e lingüísticos que as diferencian doutros textos feitos en Portugal, os Miragres de Santiago , de fins do XIV ou principios do XV, e a Corónica de Santa María de Iria , de meados do XV, que conteñen tamén materia histórica, considerámolas xa como prosa galega diferenciada da portuguesa, que no século XV, con Fernão Lopes como figura central, adquire unhas características moi particulares, vinculada á construción da conciencia nacional de Portugal.

O galego escrito manifestouse en primeiro lugar a través da poesía lírica, mais xa por volta de 1214 están datados dous documentos de carácter notarial de grande importancia para o estudio da lingua, o Testamento de Afonso II e a Noticia de Torto , aparecidos alén Miño, aínda que até 1255 non se documenta unha significativa cantidade de textos en prosa romance. A lingua empregada nas cantigas medievais é máis escollida que a da prosa documental, presentando unha notábel perfección e un carácter substancialmente unitario a un lado e outro do Miño, chegando a se converter en lingua lírica de toda a Península, coa excepción de Cataluña, e sendo utilizada mesmo por reis de Castela e León.

A lírica galego-portuguesa é resultado dunha tradición poética propia con elementos importados de tradicións foráneas, especialmente da lírica occitana, polo seu prestixio en todo o Occidente cristián, que chegou a Galiza a través do Camiño de Santiago, da corte de Afonso III o Boloñés e dos asentamentos das Ordes de Cluny, favorecida tamén pola mobilidade dos trobadores e xograis de ambos os lados dos Pirineos. É unha poesía cortesá e, en consecuencia, minoritaria, desenvolvida mercé ao mecenato de monarcas e nobres.

Igual carácter e patrocinio ten a prosa de ficción galego-portuguesa, a pesar do seu menor cultivo e interese; e ambas, lírica e prosa narrativa, comparten tamén neste período un mesmo ámbito xeográfico-político, que é o ámbito hispánico, tanto polos autores como polos temas, polas cortes reais e señoriais ou polos elementos literarios. Estas cortes son Santiago, Toledo, Lisboa, Guimarães, Coimbra, mais os centros fundamentais onde se desenvolve o lirismo galego-portugués, para alén de pequenas cortes nobiliárquicas, son as cortes de Coimbra-Lisboa e Toledo, sendo as cortes castelás de Fernando III e Afonso X os lugares onde principalmente florece a nosa lírica no seu momento de maior esplendor. A prosa romance nace moi vinculada ao desenvolvemento da historiografía, mais na súa primeira época os autores, ben sexan galegos, portugueses ou casteláns, realizan o seu labor prosístico con miras hispánicas, procurando explicar a historia da Península sen se cuestionar a súa unidade; isto será así até 1385, data da batalla de Aljubarrota, que marca o comezo dunha historia nacional portuguesa con intereses de seu.

 

A época postrobadoresca comprende desde 1350 até finais do século XV, sendo esta unha época de decadencia literaria coa desaparición da esplendorosa escola lírica galego-portuguesa e a súa substitución pola menos brillante escola galego-castelá, que pretendía imitar o estilo daquela, mais cuns resultados pobres tanto desde o ponto de vista artístico como lingüístico, chegando a unha especie de hibridismo galego-castelán.

Neste período, último da Idade Media, prodúcense unha serie de feitos nos diferentes reinos peninsulares que van ter consecuencias de tipo cultural e literario. Por unha parte, Castela afianza o seu prestixio político e cultural dentro da Península, que se ha traducir nunha maior presencia da súa lingua e literatura e, en xeral, nun maior peso e influencia da súa cultura no ámbito ibérico. Por outra parte, Portugal consolídase como nación independente e, no medio dunha forte crise económica e social, orienta a súa política cara ás campañas ultramariñas e a cultura cara ao utilitarismo, dominada polo espírito mercantil; isto vai provocar na literatura un abandono do mundo da ficción para dar paso ao predominio da prosa doutrinal e didáctica. E Galiza, implicada nos continuos enfrentamentos entre Castela e Portugal e desangrada polas guerras irmandiñas, non vai poder consolidar unha burguesía mercantilista propia, despois de ter iniciado, coa derrota de Pedro I, un proceso de substitución da nobreza autóctona por outra foránea, que se consolidará no reinado dos Reis Católicos; en consecuencia, vanse ir introducindo progresivamente en Galiza os hábitos, a cultura e a lingua de Castela, esta última instrumentalizada xa como "compañeira do Imperio".

Se a isto engadimos a decadencia progresiva das peregrinacións a Santiago de Compostela, coa conseguinte perda de importancia e de irradiación cultural da corte episcopal, e a consolidación de Toledo como capital do lirismo hispano, achámonos cun panorama socio-cultural que inevitabelmente conduce á decadencia da lírica galego-portuguesa, favorecida así mesmo polo esgotamento das fórmulas poéticas medievais, pola desaparición dos mecenatos e pola perda de prestixio da poesía provenzal, substituída agora pola moda italianizante e o retorno ás fontes greco-latinas, e, en definitiva, conducirá tamén á xeral decadencia da literatura galega escrita, que ao terminar a Idade Media practicamente desaparece durante un longo período de trescentos anos.

Centrándonos na prosa literaria de ficción, esta, de natureza cabaleiresca e aventureira, conserva aínda algunhas propiedades dos textos orais, como as interpelacións frecuentes aos ouvintes, as exclamacións, o uso do diálogo ou o ritmo, a pesar de estar dirixida fundamentalmente a un público escollido. Mais esta literatura é a primeira que ten vocación de ser lida e por iso o libro pasa a ser un obxecto coidado, símbolo dun maior refinamento cultural só ao alcance dunhas poucas persoas ricas e ilustradas. Observase tamén na prosa narrativa de ficción unha maior depuración lingüística e unha maior preocupación estilística, que representan un paso adiante na modernización da prosa.

Seguindo os criterios anteriormente expostos e deixando, pois, de lado a prosa tabeliónica, algunhas obras didácticas, os ordenamentos xurídicos, os regulamentos gremiais, algúns textos historiográficos, haxiográficos e outros de menor importancia literaria non especificamente vinculados a Galiza pola súa orixe ou temática, estas son as obras que a continuación se tratarán individualizadamente, agrupadas da seguinte forma: Libros de Liñaxes, Ciclo do Graal ou Ciclo Artúrico ( Libro de Xosé de Arimatea , Libro de Merlín e A Demanda do Santo Graal , xunto co Libro de Tristán ), lendas de Troia ou Ciclo Clásico ( Crónica Troiana e Historia Troiana ) e prosa xacobea ( Miragres de Santiago e Corónica de Santa María de Iria ).

IMAXES