Etapa Medieval
Prosa literaria medieval
Libros de Liñaxes

Son textos de elaboración "orixinal", realizados en territorio portugués; están compostos por catro libros que supoñen diferentes estados de escrita: Primeiro Livro Velho, Segundo Livro Velho, Nobiliario de Ajuda e Nobiliario do Conde Don Pedro; os tres primeiros son unha especie de sagas xenealóxicas e o último un intento de historia xeral (séculos XIII e XIV). Sendo textos de intención historiográfica, conteñen intercalacións de enorme interese literario.

Así, no Primeiro Livro Velho, que, ao igual que o segundo, se limita a catalogar xenealoxías, destaca unha versión da "Lenda de Gaia", estando datado en 1270. O Segundo Livro Velho debe ter sido redixido arredor de 1340 e non pasa dunha fría enumeración de persoas cos seus cruzamentos e descendencia. O terceiro libro de liñaxes, o Nobiliario de Ajuda, cuxo manuscrito está encadernado xunto co Cancioneiro de Ajuda ,consta de 15 títulos, que logo figurarán transcritos integramente no cuarto libro, e está datado entre 1360 e 1365; semella ser unha copia parcial da primitiva redacción da obra do Conde Don Pedro; contén, non obstante, a narración da batalla de Salado, interesante páxina de guerra escrita posibelmente por un clérigo que asistiu ao combate, que non figura no cuarto libro de liñaxes.

Este cuarto libro, o Nobiliario do Conde Don Pedro, é da clara autoría do fillo de Don Dinís, como se pon de manifesto no prólogo:

"Porén eu, conde don Pedro, filho do mui nobre rei don Dinís, houve de catar por gran trabalho, por muitas terras, escripturas que falavan dos linhagens. E, veendo as escripturas con grande estudo e en como falavan doutros grandes feitos, compuge este livro por gaanhar o seu amor e por meter amor e amizade antre os nobres fidalgos da Espanha".

Aínda que o debeu redactar entre 1340 e 1344, non nos chegou directamente da man do Conde, senón que o redactor último ten que ser outra persoa. Os obxectivos, xa declarados polo autor no prólogo, son de carácter utilitario: fomentar a amizade entre fidalgos, a unión contra os inimigos da fe e a veneración da memoria dos antepasados, evitar os casamentos consanguíneos, dar a coñecer os dereitos de herdanza, procurar o amparo de descendentes pobres de antigos heroes, etc. O seu valor histórico-social é grande, pois permítenos reconstruír a identidade de moitos trobadores e doutras personalidades dos séculos XII, XIII e XIV; a parte final do libro, do título 73 a 76, está consagrada a familias galegas. Ao contrario da aridez dos primeiros nobiliarios, encerra páxinas de linguaxe viva e de estilo fermoso, que lle dan un apreciábel valor literario, sobre todo nas lendas non propiamente históricas, como a "Lenda de Gaia", nova versión máis completa que a do primeiro libro, de orixe xermánica.

Do conxunto dos Libros de Liñaxes son dignos de destacar, pola súa beleza e interese para os lectores galegos, episodios como os que tratan das fillas do rei Lear, do nacemento do rei Artur, da dama do pé de cabra, do cabalo Pardalo, da orixe dos Velosos ou de dona Mariña, verdadeiras pequenas xoias da prosa medieval, en absoluto alleas á esfera cultural e sentimental galegas, a pesar de teren sido escritas ao outro lado do Miño. 

IMAXES