Despois de 1916 na Galiza concrétase con grande forza o agrarismo. Son os anos en que a mobilización agrarista permite aos labregos galegos o principio da derrota definitiva de fidalgos e toda caste de rendistas. O obxectivo da axitación é a eliminación do foro e o logro da propiedade plena polos labregos, tamén a oposición aos impostos inxustos (trabucos e consumos) e o anticaciquismo. Se ben as arelas de carácter mercantil e técnico non son menos importantes para explicar a organización dos labregos en sociedades
Os anos en que se formula a doutrina nacionalista e se estenden as Irmandades están protagonizados por este pulo do agrarismo organizado, poderoso e mesmo vitorioso, capaz de reunir na Confederación Rexional de Agricultores Galegos, que lidera Basilio Alvarez, a un conxunto de federacións agrarias e comarcais que agrupan uns 60.000 asociados. A tentativa de crear un Partido Agrario é un proxecto moi reclamado que non logra callar cando chega a Ditadura por mor da heteroxeneidade ideolóxica que agocha. Os labregos organizados e activos son a masa a que se dirixe preferentemente o galeguismo, e non só por consideralos depositarios das esencias da nación, tamén —principalmente— polo seu potencial político, ao constituíren o máis poderoso e activo movemento de masas de Galiza.