Escritor realista, Caride fai nestes relatos a crónica de sucesos da nosa sociedade, facéndoa desde dentro, pola carne e polo sangue. Nestes quince relatos de Escáner hai unha visión de conxunto do ser humano. Nos catro primeiros relatos, FotoShock, Carta a Berta, Hendra e Viaxe de Volta, están tódas as tendencias da narrativa curta de Caride, desde o realismo, a denuncia, o compromiso e mesmo a hiperrealidade de FotoShock, un texto fondamente narrativo e fondamente reflexivo, que escarva tanto na alma humana como na situación do mundo; ata a ciencia-ficción de Hendra, unha ciencia ficción tanto ao xeito do cinema como biolóxica ou psicolóxica; pasando polo inusual final feliz de Viaxe de volta, esa case segunda oportunidade que só se lles concede aos felices como Ulises, e pola amarga crítica ao mundo literario, tan inzado de oportunistas e alpabardas, da Carta Berta. O quinto relato, Lume da memoria, é a contribución do autor a unha certa, e fecunda, literaria da memoria, da historia das xentes humildes pero arrichadas, que non se limita á guerra civil e as súas consecuencias. Camiño longo, é un drama interior, opresivo, onírico, fantástico, perfectamente acorde coas obras mestras do xénero. As formas gastadas dos soños é ese pesadelo repetitivo, mecánico, no que afloran odio, autoodio, xenofobia e a procura da identidade. Un relato no que Caride amosa canto partido se lle pode tirar a unha nota de sucesos e cantas capas ten esa cebola que chamamos realidade. O realismo suxo e deprimente roxe en pezas como Nocturno, e L.H, o relato que nos ofrece a ollada do asasino lunático. Interiores é unha pequena peza do fantástico, onde se reflexiona sobre as conexións entre realidade e ficción, entre a persoa e o escritor, entre o creador e o personaxe. No último relato, O camiño, un exemplo da literatura do marabilloso, que ben podería ser tomada por ciencia ficción sen selo.