Caride Ogando, Ramón

Caride Ogando, Ramón
Cea (Ourense), 1957
Caride Ogando, Ramón

Ramón Caride Ogando  naceu en 1957 en Cea (Ourense). Licenciado en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela. Exerce a docencia no IES Ramón Cabanillas de Cambados, vila onde reside.

É autor dunha extensa obra narrativa, recoñecida pola crítica e os lectores, con novelas como a triloxía de sombras e de lume, integrada por Soños eléctricos (Xerais, 1992), galardoada co  Premio Blanco Amor, 1992 de novela e que foi unha das primeiras obras de fantasía científica escritas en galego; Sarou  (Xerais, 1997), centrada no submundo do narcotráfico (Premio Café Dublín, 1997) e  O Sangue dos camiños (Sotelo Blanco, 2003; reeditada por Xerais en 2014; Premio Risco de Literatura Fantástica, 2003). Tamén é autor de antoloxías como Negros Espellos (Xerais, 2001) ou Escáner (Xerais,2002). Como autor de relatos publicou tamén os volumes: Os ollos da noite (Ir Indo, 1990); Crónicas de sucesos (Ir Indo, 1991); Lumefrío (Xerais 1994); Fendas no tempo (Espiral Maior,1995); A incerteza dos paraísos (2000) e Boca da noite (Everest, 2003) ou Dedre (Xerais, 2004). En 2008 publicou a novela curta O frío azul (Sotelo Blanco) á que seguíu Flash-Black 13 (Urco, 2014). É coautor de varios libros colectivos de narrativa como Narradores de cine (1996), Novo do Trinque (1997), E dixo o corvo... (1997), Parnasur (1998), Palabras con fondo (2000), Historias para calquera lugar (2001), Longa língua (2002), ou Narradio (2003), entre outros.
Como poeta, os seus últimos libros son: Diacrónica (2002); As máscaras de Cronos. Poemas 1994-2005 (Xerais, 2006), recompilatorio de poemarios anteriores; Criptografías (Follas Novas, 2010) e A chuvia humana (Toxosoutos, 2012).
Animador de múltiples actividades culturais, foi o primeiro presidente (1994-97) da asociación cultural "A Santa Compaña" de Cambados e un dos promotores da revista homónima. Ten desenvolvido unha intensa actividade xornalística dende os anos oitenta, sendo columnista en distintos xornais (El Mundo, Faro de Vigo, O Correo Galego), creador de series xornalísticas: Blues da fronteira (La Voz de Galicia), O libro de area (Faro de Vigo), e colaborador en suplementos culturais (Galicia Literaria, Faro das Letras, ...). Poemas, relatos e colaboracións súas aparecen tamén en escolmas, antoloxías, revistas literarias e congresos dentro e fóra de Galiza.
Na súa producción infantil e xuvenil, marcada sempre pola problemática ecolóxica, aparecen títulos como: Micifú e os seus amigos (2000); Ruki, o rato robot (2003); e a peza teatral Historia dunha sobreira (2001); destacando a serie As aventuras de Said e Sheila, ilustrada por Miguelanxo Prado que recentemente apareceu completa con este título, no seu primeiro ciclo (Xerais, 2001). Sheila e Said representaron unha auténtica novidade dentro do sistema literario galego, obtendo unha grande acollida entre o público xuvenil. Desde Perigo vexetal (Xerais, 1995), até Ari e o minotauro (Tambre, 2015), van alá máis vinte e tres títulos, neste ámbito literario; entre outros, Ameaza na Antártida (Xerais, 1997); O futuro Roubado  (Xerais, 1999); A negrura do mar (Xerais, 2004); O Capitán Aspanitas e o misterio das Burgas (Xerais, 2013); O castelo do asombro (Tambre, 2013); Endogamia 0.2 (Xerais, 2013) ou  As viaxes de Ruki (Xerais, 2014). En 2010 publicou o ensaio O gume dos espellos (Ed. Toxosoutos). A súa obra ten recibido varios premios.

 
Obras
Dedre (2004)
Escáner (2002)
Parnasur (1998)