La Raza, subtitulado Semanario, foi un periódico editado en Pontevedra entre 1917 e 1920. Apareceu o 9 de decembro de 1917. Desde o número 53, de decembro de 1918, engadiu no subtítulo os lemas Sinceridad e Juventud. Inicialmente saía os domingos pero no último ano pasou a publicarse os días 1, 10 e 20 de cada mes.
Propiedade de Modesto Bará Álvarez, estaba dirixido por Ramón Salgado Pérez. Tiña un contido agrario e anticaciquil, destacando os seus ataques á política de Raimundo Riestra Calderón, e apenas lle dedicou espazo á creación literaria (publicou algúns poemas de Xoán Vidal Martínez e Antonio Estévez Cao).
O último exemplar que se conserva é do 15 de xuño de 1920.