Álvarez Cáccamo, Celso

Álvarez Cáccamo, Celso
Vigo, 1958
Álvarez Cáccamo, Celso

Celso Álvarez Cáccamo naceu en Vigo, o 15 de decembro de 1958. Durante os anos 1975 a 1990 estudou e vivíu nas cidades de Santiago de Compostela, Barcelona, Buffalo (EUA) e Berkeley (EUA). Licenciado en Filoloxía Hispánica pola Universidade Central de Barcelona, é doutor na antedita materia, pola Universidade de Berkeley, lugar onde presentou a súa tese de doutoramento, baixo o título, The Institutionalization of Galician: Linguistic Practices, Power, and Ideology in Public Discourse. É, así mesmo, mestrado en lingua e literatura españolas pola State University of New York, en Buffalo. Actualmente, é Profesor de Lingüística na Universidade da Coruña (Udc).

Ten publicado numerosos textos académicos e artigos xornalísticos, fundamentalmente, en materia socio-lingüística, onde analiza e reflexiona, criticamente, sobre a situación social da lingua galega e onde amostra a súa clara adscrición ao reintegracionismo. "Cara unha caracterización da diglósia galega: história e presente dunha dominación lingüística” (1983. Grial. Revista Galega de Cultura 79, pp. 23-42.); “Fala, bilingüismo, poder social” (1987. Agália. Revista da Associaçom Galega da Língua 10, pp. 127-150); "Variaçom lingüística e o factor social na Galiza”.(1989 Hispanic Linguistics 2(2), pp. 253-298); “Language revival, code manipulation and social power in Galiza: Off-record uses of Spanish in formal communicative events” (1991. In Carol A. Klee, ed. Sociolinguistics of the Spanish-speaking world: Iberia, Latin America, United States. Tempe, AZ: Bilingual Press/Editorial Bilingüe, pp. 41-73); “Da biolingüística à ecolingüística: um câmbio de paradigma necessário”. (1994. A Trabe de Ouro. Publicación Galega de Pensamento Crítico 18, pp. 205-212); “Sobre sociolinguística, poder e ideologia: Uma resposta a duas bandas” (1995. Nós. Revista Internacional de Lusofonia 41-50 [=O mundo de língua portuguesa (Galiza-Portugal-Brasil-PALOP), Atas do III Congresso Internacional de Literaturas Lusófonas (Compostela, 21-23 Setembro 1995)], pp. 189-19); .“Da biolingüística à ecolingüística: um câmbio de paradigma necessário” (1997.COMMVNICARE. Revista de Comunicação 2, pp. 85-92. Reimpresso de Alvarez Cáccamo, 1994); “Contra a normalización: Reconhecimento cultural e redistribuição económica sob a dominação linguística” (2003. Agália 73-74, pp. 9-24) ou "Contra o capitalismo linguístico: perante a crise da língua na Galiza" (2011.Agália: Publicaçom internacional da Associaçom Galega da Lingua, ISSN 1130-3557, Nº. 104, 2011.Exemplar dedicado a: Língua, desigualdade e formas de hegemonia), páxs. 11-28)  constitúen boa proba do seu pensamento ensaístico.

En 1995 publica o poemario Os distantes (Ed. Espiral Maior) e participa nas obras colectivas, Escolma de familia. Cen anos de poesía (2000, Xerais) e Poemas ao pai (2008, Espiral Maior), poemario composto por trinta poemas escritos polos irmáns Álvarez Cáccamo (Xosé María, Afonso; o propio Celso e Elena, así como a irmá, Berta, autora das ilustracións do libro) en homenaxe ao editor, escritor e intelectual galego, Xosé María Álvarez Blázquez (pai de todos eles). 

Foi colaborador de xornais, como Vieiros,  e participa con frecuencia en Agália, publicación de periodicidade semestral da Associaçom Galega da Lingua. Asemade, é xestor da páxina da UdcVersão Original (http://www.udc.es/dep/lx/cac/vo/,  coleção de materiais escritos e audiovisuais em qualquer idioma sobre a questão línguística da Galiza, incluindo também alguns documentos sobre as culturas lusófonas em geral) e da revista de pensamento, crítica e criaçao, Çopyright (http://www.udc.es/dep/lx/cac/sopirrait/indice00.htm). É autor do blog Desde a Margem (http://celso.blogaliza.org/), desde onde publica regularmente artigos de variadas categorías de pensamento (arte, direitos lingüísticos, política, sociedade, violéncia, práticas da fala, ...)