Álvarez Cáccamo, Xosé María

Álvarez Cáccamo, Xosé María
Vigo, 1950
Álvarez Cáccamo, Xosé María

Xosé María Álvarez Cáccamo naceu en Vigo o día 6 de xullo de 1950, no barrio de As Travesas. Estudou Filoloxía Románica na Universidade de Santiago de Compostela. Desde o ano 1973 exerce a docencia como profesor de Literatura nos centros de ensino públicos de Santiago, Ourense e Vigo, labor que abandonou en 2010, ao acollerse á xubilación voluntaria. Desde 1990 vive na aldea de Vilar (Vilaboa), fronte á illa de San Simón.

Ademais de poesía ten publicado libros de narrativa, como Microtopofanías  (Laiovento, 1992); A luz dos desnortados (Espiral Maior, 1996); Ninguén de ningures (Aguatinta, 13, 2005),  Un home impuntual (Galaxia, 2005) ou o máis recente As últimas galerías (Cronopios, 2015). Tamén  realizou algunha incursión no xénero teatral, con Monstro do meu labirinto (VV.AA. Sotelo Blanco, 1987); Casa dormida (Cadernos da Escola Dramática Galega, 1988); Soidades de amor que non chega (Casahamlet, nº 9, 2007) ou Farsa da banca macabra (VV.AA. Laiovento, 2012).

A súa dedicación aos estudos literarios céntrase na poesía galega da segunda metade do século XX, como se pode comprobar a través de ensaios e edicións críticas tales como Galego cero (Castrelos, 1979); Celso Emilio Ferreiro: Longa noite de pedra ( O Castro, 1985); Xosé María Álvarez Blázquez. Poesía galega completa ( Xerais, 1987) , ... así como outras obras, dedicadas a Avilés de Taramancos e outros ensaios máis actuais como Espazos do poema. Poética, lectura crítica e análise textual (Espiral Maior, 2009) ou Feijóo, o galego e nós (Laiovento, 2010), escolma xornalística, ... O autor, descubríu, ademais -segundo confesión propia- "o esixente placer da literatura para crianzas"; de aí que teña escrito un bo número de obras de narrativa e poesía infantil, desde 1996, ano en que publicou Pedro e as nubes (O Barco de Vapor) até O segredo do pan (Alfaguara-Obradoiro, 2005), pasando por outras como Ganapán das palabras (Kalandraka, 1998); Dinosaurio Belisario (Kalandraka, 2001); Lúa de pan (Ed. do Castro, 2002), etc.

Material para discursos e textos políticos forman parte do afán de intervención socio-política do autor. Negro sobre azul (Laiovento, 2003) e A voz quebrada. Da memoria histórica e o terror fascista (Instituto de Estudos Miñoranos, 2014) fan boa proba disto. Por outro lado, o autor publicou libros de memorias como Memoria de poeta ( Galaxia, 2006) e Tempo do pai (Galaxia, 2008), evocación biográfica, esta última, do seu proxenitor, o escritor, editor e intelectual galego, Xosé María Álvarez Blázquez.

Porén, é a poesía, o xénero literario máis cultivado polo noso autor e onde é máis prolífico. Desde 1983 que víu a luz Praia das furnas (Xerais)  até os recentes poemarios Tempo de cristal e sombras Cara inversa (Espiral Maior e Follas Novas, 2014, respectivamente), son case unha trintena de títulos que o autor ten presentado ao público en tres décadas, a maiores da súa participación e colaboración en múltiples obras colectivas. Entre a súa produción poética, citaremos, Calendario perpetuo (Espiral Maior, 1997) ou as premiadas Os documentos da sombra (Sotelo Blanco, 1986), Premio da Crítica de España, 1986; Luminoso lugar de abatimento (Premio Esquío, 1987); A escrita das aves de marzo (Tema, Lisboa, 1997. Premio da Crítica de Galicia, 1988); ou Vocabulario das orixes (Deputación Provincial da Coruña, 2000. Premio Miguel González Garcés, 1999).

Ademais da súa dedicación á escrita, propiamente dita, Xosé María Álvarez Cáccamo vén desenvolvendo múltiples actividades. Entre outras, o autor fixo parte do consello editorial das coleccións de Poesía "Mogor" (1976-1980) e "Pero Meogo" (1980) e dos consellos de redacción dos suplementos "Galicia Literaria" de Diario 16 de Galicia (1990-1992) e "Faro das Letras" de Faro de Vigo (1993-1996). Entre os anos 1984 e 2002 integrou a equipa directiva da Asociación de Escritores en Lingua Galega.(AELG) e coordenou as súas revistas, "Nó" e "Contemporánea". Foi membro do consello de redacción da revista "Grial" entre os anos 2003 e 2010. No ano 2015 foi agasallado co Premio, Escritor na súa Terra da AELG.

 


 

 
Obras