Xosé Chao Rego naceu en Vilalba o 23 de abril de 1932 e finou o 28 de novembro de 2015. .Entra no seminario de Mondoñedo aos dez anos; aos quince vai estudiar Filosofía en Salamanca, onde se licencia. O seu próximo destino será Roma, de onde regresará para Mondoñedo, con 24 anos, xa licenciado tamén en Teoloxía. Neste tempo faise cargo durante tres cursos da dirección do Seminario Maior.
Exerceu de párroco durante 17 anos na parroquia de Santa Mariña do Vilar, en Ferrol, en anos clave do tardo-franquismo. En 1976 retírase á casa natal de Vilalba, coa idea de se dedicar ao estudio e á publicación cultural e relixiosa. Actualmente é unha das principais figuras peninsulares no ámbito do ensaio sobre temas antropolóxicos e teolóxicos.Foi promotor das revistas de renovación cristiá "Irimia" (onde escribe moitos dos anónimos "Cantares do Irimego") e "Encrucillada". Tamén mantivo durante un tempo, unha columna semanal no xornal "La Voz de Galicia".Recibiu o Premio de Ensaio da Crítica en 1983, foi finalista do Premio Nacional de Literatura polo seu ensaio Eu renazo galego e no ano 2002 dedicóuselle o Día das Letras Chairegas e foi nomeado socio de honra da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), distinguido coa letra E.
Como autor, cultivou exclusivamente o ensaio, cunha extensa obra, fundamentalmente de temática teolóxica e de antropoloxía social. A maiores das súas colaboracións para obras ou volumes de carácter colectivo, a súa primeira publicación data do ano 1972, co título As relacións Eirexa-Mundo en Galicia e a derradeira, publicada en 2013, leva por título, A humana fraxilidade (Irimia, 2013). Polo medio, arredor unha trintena de publicacións ensaísticas, entre as que citaremos algunhas delas, tales como Historia do pobo de Xesús: en procura da boa nova, 8 volumes (Edicións do Castro, 1980-2000); Eu renazo galego (Edicións do Castro, 1983); Para comprendermos Galicia (Galaxia, 1987); ¿A onde vai a igrexa? (Irimia, 1994); ¿Por que nos sentimos culpables? (SEPT, 1995); Camiño verde: ecoloxismo e creación (Irimia, 1996); A condición homosexual (Galaxia, 1999); Prisciliano: profeta contra o poder (A Nosa Terra, 1999); Itinerario da conciencia galega (Laiovento, 2001); O sexo, a muller e o crego (Espiral Maior, 200); Prisciliano (Baía Edicións, 200); Biblia popular galega (Xerais, 200); A muller ¡que cale! Raíces do antifeminismo (3C3, 2004); ou Por aquí chégase a Galicia (3C3, 2012), entre outros títulos.