Concha Blanco

Blanco Blanco, María Concepción
Lires (Cee), 1950
Concha Blanco

María Concepción Blanco Blanco naceu en Lires (concello de Cee) o 19 de xuño de 1950, lugar onde residíu e foi escolarizada, até os dez anos.Cursou o bacharelato no Instituto Concepción Arenal de Ferrol e posteriormente realizou a carreira de Maxisterio en Santiago de Compostela. Durante algúns anos, morou en diferentes lugares da provincia da Coruña, por mor das escolas ás que foi destinada: Nemiña (Muxía), O Ézaro (Dumbría), Brens (Cee), Dumbría e Cee, onde  impartíu aulas de Lingua Galega e Literatura ao alumnado do primeiro ciclo de ESO. Foi coordinadora e coautora de varios libros de texto, coas súas correspondentes guías didácticas de Primaria e Secundaria; organizadora de cursos de lingua galega e de proxectos de formación de profesorado, así como de xornadas na nosa lingua e obradoiros literarios, ademais de colaboradora en programas de radio relacionados co seu labor didáctico-profesional. Actualmente está xubilada.

É autora dunha extensa obra no ámbito da literatura infanto-xuvenil, onde conta con numerosos títulos que van, desde a súa primeira publicación, Contos prá escola (Edicións do Castro, 1981) até os últimos, A pantufla de Celia (Ed. Hércules, 2015) e O balcón do meu universo  (2015. Ed. Embora), pasando por obras de narrativa como Berta non soubo voar  (Ed. Pentalfa, 1995); Nano (Ed. Everest, 2008); Coa carauta posta (Toxosoutos, 2009); ou os contos Quero que veñan meus pais (Premio Lecturas Galix, 2002); ¡ A min que me importa! (accésit Premio Lazarillo, 1997) ou As noites de Xián (Xerais, 2014) entre outros títulos.

Concha Blanco foi, ademais, premiada dúas veces pola asociación cultural O Facho (en 1982 e 1983), tres veces finalista do Premio Merlín (1966, 1999 e 2003) e finalista do Premio Frei Martiño Sarmiento (2007), así como Premio Novela por entregas de La Voz de Galicia (2007)