FRANCISCO DOMÍNGUEZ ROMERO naceu en Ferrol, na Galicia atlántica, en 1939. Alí pasou os seus primeiros anos. Despois, moi novo aínda, foi para Murcia, onde transcorreu parte da súa infancia e a adolescencia, sen afastarse xamais das raíces. Cursou estudos de náutica en Cádiz e A Coruña; e tamén de maxisterio en Murcia. De volta en Galicia, residiu algúns anos en Xinzo, e máis tarde en Corcubión, adicado ao ensino. E despois, xa de xeito intermitente, entre Murcia e a terra natal. No Ourense dos anos sesenta, mantén unha estreita relación, e, sobor de todo, unha fonda amizade cos escritores Carlos Casares e Antón Tovar. E xunto a eles participa xa como poeta nalgúns actos culturais e recitais de poesía. No ano 1965 toma parte, en Barcelona, xunto a Celso Emilio Ferreiro, Xosé Luis Méndez Ferrín e Carlos Casares, nun inesquecibel ciclo de conferencias, lecturas e recitais poéticos. Como poeta é autor da seguinte obra lírica, con poemas en castelán e galego: Señales del camino, 1971 (que recolle a súa obra incipiente). Herrumbre de los sueños, 1983. Poemas, en antoloxía, 1989, (que recolle o máis significativo e característico ou como máis conseguido da súa obra de poeta ata ese intre. (Tamén hai poemas seus nos números 22 e 27 da Revista "Dorna"). Unha boa parte da súa obra anda espallada en xornáis e revistas.
Nos poemas galegos da última fase, aínda que o contido e tamén o obxecto é análogo, o traballo poético sonda novos espacios. Dada a maior contención expresiva e o carácter máis depurado dos versos.
Unha lingua máis sobria e serena, quizais máis decantada, á obsesiva procura de unha tonalidade e unha cor persoal.
Algúns dos máis directos e sentidos poemas. Reformulacións de moitos dos motivos desenvoltos na poesía da fase anterior: a dor común, o rigor ético, o desalento pola insidiosa e subtil manipulación da consciencia e da vida social... E, nun cadro máis amplo, recorrentes imaxes para os temas da terra, para as mínimas cousas que non teñen voz.
Subliñar finalmente a realidade máis viva que percorre os meus versos... Temas recorrentes, reiterados, que concitan o meu mundo afectivo... O sentido da vida, a pasaxe do tempo, o amoroso latexo da paisaxe da Limia, o meu inesquecibel paraíso da infancia... O infinito desexo de sosego e silencio...