Iglesias, Mero

Iglesias Dobarrio, Baldomero Francisco
Vilalba, 1951
Iglesias, Mero

Estudo en Lugo e fago Maxisterio para, logo, impartir docencia sempre no rural (Rábade, Vilariño dos Vilares, Antas de Ulla, San Martiño de Monte de Meda en Guntín (de Lugo)  e finalmente en Olas (Mesía, A Coruña) para logo rematar no CPI de Xanceda, en Mesía tamén. Foi esta, a miña profesión, da que vivín e no meu vagar vital gustei tamén de escribir, cantar e musicar versos, compoñer cantigas e participar en actividades, eventos e monografías musicais de autores galegos. Fun membro fundador de Fuxan os Ventos e tamén do grupo A Quenlla, con eles gravei máis dunha trintena de discos e Cds.
Levo moitos anos recollendo Cultura Tradicional e facendo un arquivo sonoro do País, fundamentalmente no meu lugar de destino docente, en terras de Mesía e arredores. Desas recollas feitas desde dentro, no pouso do tempo e vivindo o medio no que recollo para así  saber interpretar aquilo que recollo. Traballo e arquivo que xa foi doado ao Museo do Pobo Galego, dando así pulos para o nacemento dun Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade, APOI, arquivo sonoro desa Cultura recollida –neste caso– por min e, nalgúns casos, axudado polo meu alumnado ao longo de corenta e pico de anos. Dese traballo vén a concesión do Pedrón de Ouro no ano 2009 e o de Facer País, en Láncara. Moitas desas pezas, das compilacións feitas, tamén foron gravadas e devolveron o patrimonio musical e oral común  ao público en xeral, verdadeiros donos deses tesouros.
Desenvolvín, ademais das obras gravadas en soporte sonoro, outros rexistros para vídeos e discográficas de eventos, colaboracións teatrais (con Galicia Canta ao Neno, ou con Volta e Dálle: Pan e Menciñeiros, feiras medievais e tradicionais exercendo como cantor de coplas de cego), visuais e musicais (sobre a Memoria Histórica, sobre o Nacionalismo, a Poesía de Posguerra,  Silenciados/as, Fuxidos e Escapados, Señores/as da Palabra, etc.) de aí tamén o Premio Galiza Mártir, da Fundación Alexandre Bóveda no ano 2012 ou o de “Os Mártires da Liberdade” en Carral, no ano 2015. Fixen libro participado sobre os Romances de Cego (1 e 2) e sobre os Cantos de Nadal. Agora tamén sobre aspectos da relixiosidade tradicional galega e sobre as miñas recollas de Cantos de Cego e Romances. Fixemos desde A Quenlla materiais didácticos para a aprendizaxe da música,  o Puff en galego e posteriormente Xogando coa Música (1 e 2).
Para o meu parecer fago relatos da xeografía humana e escribo versos, tamén, sobre todo, para consumo propio, activando a Memoria recente do pasado, aquela que non se contou e aínda está por descubrir para honra e orgullo de sermos. Recibín premios por algúns dos traballos escritos, aqueles participados no meu entorno nativo como en Paradela, Viveiro, Vilalba e Begonte. Fun nomeado Mestre da Memoria pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, da que son socio, no ano 2016. Son tamén responsable de varios libros de estudos da música tradicional e os libros editados de poesía, o primeiro, “Na Lonxitude do Tempo” como consecuencia de “O premio de poesía Antonio Prados Ledesma”, en Viveiro, na súa 3ª edición e no ano 2002 e que despois publicou Espiral Maior. Tamén na Colección “Foulas do Rañego”, no 2005 saíu “Recendos de Luz e Sombra”, e no 2011 “No papel que mudo escoita” da Colección das Foulas do Rañego editado pola Irmandade Manuel María da Terra Cha. No ano 2017 o Instituto de Estudos Chairegos publica un libro meu de poemas “Doce ducias” na Biblioteca Chairega e, neste ano de 2018, sae en prosa para nenos “Luces de festa” e outro de versos “No perfil das verbas” editados por Xermolos e a Fundación Manuel María da Terra Chá. Os últimos son “No baleiro dunha soidade” para rapaces da ESO, ciclo no que din clases, para coñecer aspectos do Camiño de Santiago. No 2022, en Galaxia, sae o meu libro “Quixo o paxaro pousar na póla o seu chío”, coa miña visión dos 50 anos de Fuxan os Ventos. No grupo A Quenlla, finalmente, no ano 2021 recibimos o premio internacional APECSA polo traballo sobre un dos primeiros trobadores, S. XI, Martín de Padrozelos e en 2023 sacamos unha monografía sobre o autor Avelino Díaz, con 12 temas musicados del que fai o número vintetantos da súa relación de cedés gravados.  Agora, neste 2024, saquei tamén un libro de oracións galegas “Breviario popular”, de recollas de pregarias e oracións populares que saca o Museo do Pobo Galego.
Hoxe estou xubilado da docencia e sigo a cantar en A Quenlla e a escribir periodicamente en Irimia, en Novas do Eixo Atlántico, a Nova Peneira e na revista Xistral de poesía. Tamén ando na teima da tradición oral, pero especialmente habitando o orgullo da miña orixe chairega e da residencia en Mesía, onde máis habito os tempos.

[Mero Iglesias para a AS-PG. Febreiro 2024]