Mariño Carou, María

Mariño Carou, María
1907 - 1967
Mariño Carou, María

María Mariño Carou naceu en Noia o 8 de xuño de 1907. De familia humilde, -era a segunda de cinco irmáns-, deixou moi nova a escola para exercer como costureira. As prementes necesidades económicas en que vive a súa familia obrígana a se trasladar ao Pazo de Goiáns, en Escarabote (Boiro), onde morou un tempo cunha súa tía que traballaba como costureira. É precisamente esta circunstancia a que lle permite entrar en contacto coa literatura escrita, na magnífica biblioteca de que o pazo dispón, accedendo a lecturas con que enriquecerá a súa formación e sensibilidade.
A autora noiesa vive parte da guerra civil española en Algorta (Biscaia), e posterioremte escribirá, produto das lembranzas desta traxedia, o relato inédito “Los años pobres. Memoria de guerra y posguerra“. Finalizada a guerra civil contrae matrimonio con Roberto Posse Carballido, destinado ao País Basco pola súa profesión de mestre. Alí tiveron un fillo, que faleceu ao mes e medio de nacer. Esta morte, á que se uniu a da súa mai, provocaría en María Mariño unha fonda depresión nerviosa. De regreso á Galiza e tras un tempo en Arzúa, instaláronse no Courel, primeiro en Romeor e posteriormente en Parada.
En 1953 coñeceu a Uxío Novoneyra, quen se convertiría nun forte estímulo para María Mariño comezar a escribir e a través do que superaría o illamento en que vivía, entrando en contacto con outros escritores como Manuel María, Domingo García Sabell, Victoria Armesto, Sixto Seco, Augusto Assía ou Ramón Piñeiro. No entanto, a súa relación con persoas vinculadas ao ámbito cultural galego son escasas e en grande parte promovidas por Novoneyra. En 1963, a editorial Celta de Lugo publica Palabra no Tempo, con prólogo de Ramón Otero Pedrayo, e só vinte e sete anos despois coñeceremos Verba que comenza (1990), con poemas escritos nos últimos meses de vida. Á métrica tradicional do primeiro poemario sucederase o versolibrismo en Palabra no Tempo, cunha constante ao longo de toda a súa traxectoria: intimismo radical e liguaxe rupturista.
María Mariño morre o 19 de maio de 1967 como consecuencia da leucemia que padecía, converténdose nunha figura literaria de enorme orixinalidade na historia das nosas letras.

 

AUDIOS
Aquí che deixo, meu peito canso, aquí.

Meu peito canso - Manoele - De Felisa a María Mariño

Manoele
Tiven medo de vogar

Vogar - Uxía - Danza das areas

Uxía