Andrea Avelina María Teresa Gabriela Valladares Núñez naceu o 23 de Outubro do ano 1825 en Vilancosta, Concello da Estrada. Criouse no seo dunha das familias fidalgas máis importantes da Galiza. A profunda formación relixiosa que recibiu e a súa liñaxe exerceron unha importante influencia na obra da autora.
En 1879 deu á luz o seu primeiro poema en galego sob o título "A Ulla", publicado polo xornal El Eco de Galicia. A esta composición hai que engadir outras catro: "Diálogo entre un peregrino que se dirige a Compostela y un labriego", "A pobre orfiña", "Miña xoia" e "Ôs que emigran". A emigración, Galiza, a orfandade, a fe e a súa propia familia foron motivos constantes nas súas composicións.
Publicou na Exposición Compostelana e en El Eco de Galicia dous artigos en español intitulados, respectivamente, "El ochavo milagroso" e "Comunicación a la Sociedad de Amigos del País de Santiago"; unha terceira reseña "Exposición al Eminentísimo Cardenal Sr. García Cuesta, arzobispo de Compostela", ficaría inédita, ao igual que numerosos poemas redixidos nesa mesma lingua.
Avelina Valladares faleceu o día 17 de Marzo de 1902, na súa casa de Vilancosta.