«No Ditame que se inclúe sobre o Informe do Marqués de Croix acerca do modo de evitar a pasaxe de galegos a Portugal procuro, en resumo, concluír:
![]()
Conde de Campomanes.
- Que é inútil, e aínda prexudicial, publicar unha lei sobre esta materia pola imposibilidade actual de a cumprir e, aínda que se propón polo Capitán Xeneral a confiscación dos bens, é cousa inútil, porque os que saen a Portugal non os teñen.
- Que contribúen á expatriación o mal trato que receben en Castela, onde lles taxan o xornal, e mesmo as quintas a que nos están obrigados.
- Que o remedio está en dar actividades á Galiza, fundando hospicios nas capitais, estabelecendo a fiadura do algodón, fomentando a pescaría da sardiña, esixindo un consulado de comercio na Coruña e concedendo á Galiza, como ten pedido, o libre comercio a Indias, en cuxo caso, en tempo de guerras, pola abundancia de excelentes portos, abondarán os corsarios galegos para interromperen o comercio de Lisboa a Brasil [...].
Galiza está moi poboada e ten, na verdade, sobra de habitantes, porque carece de artes, de comercio e de navegación en que se exercitar.
Estabelézanse estes tres eixos e ao ponto ficará remediado o mal».
Este texto —que traducimos do español orixinal— pertence ao Informe de Campomanes sobre la emigración gallega y las formas de combatirla (Madrid, 1764) e transloce varios feitos da maior importancia para o período histórico-literario que nos cómpre examinar. Cando voz nada sospeitosa de "galeguismo", como a do Conde de Campomanes, ministro ilustrado dos reinados de Carlos III e Carlos IV, asinala, en pura linguaxe política, os remedios que ao seu xuízo demanda a emigración de galegos a Portugal, está a informar sobre cuestións axiais da historia moderna da Galiza, determinantes da súa economía e da súa sociedade, e que traspasarán, agravándose, o limiar do século XIX, de cuxa primeira metade daremos sumariamente os trazos históricos principais.
Con efecto, esta información remétenos a feitos como os seguintes:
Emigrantes na cuberta dun barco.
Este é o pano de fondo xeral en que convén inscreber fenómenos até agora pouco coñecidos ou ignorados na historia galega deste período e que, desde logo, contraría a interesada idea da pasividade ou da resignación da sociedade galega. Como demostra C. Velasco, o exame de fontes xudiciais, gobernativas e xornalísticas (por se a literatura non for testemuño suficiente) verifica, sen sombra de dúbida, a existencia dunha intensa e extensa conflitividade social no agro galego, nun período comprendido entre 1808 e 1820, mais que prolongará a súa réplica a todo o século: o motivo inicial do movemento de insubmisión labrego será o rexeitamento, ao amparo dos decretos das Cortes, do pagamento das rendas forais, coa suspensión subseguinte do pagamento e o inicio do proceso xudicial correspondente entre aforados e foristas. Para o historiador citado, «todo parece indicar que estamos ante a continuación de un longo proceso de luita [...], iniciada polos campesinos varios séculos atrás con a finalidade de conquistaren a longo prazo a plena propriedade da terra». Mesmo que os procesos xudiciais se dilatasen no tempo, é claro que os campesinos non levaban as de gañar, nunha retesía en que a lentitude na resolución era, tantas veces, a arma principal para gañar tempo (á espera de formas máis consistentes de auto-organización e defensa, que non se habían producir até o comezo do século XX, co movemento agrarista en pé), e coa existencia dun aparato de xustiza que brillaba pola súa parcialidade e polo uso da forza, se tal era preciso, para reducir os rebeldes ao pagamento. A maior abondamento, téñase en conta que grandes casas señoriais galegas, como os condados de Ribadavia e de Monterrei, tiñan pasado a familias estranxeiras (Marqués de Camarasa e Duque de Alba, respectivamente), o que aumentaba as condicións de distancia e de descoñecemento agravantes do apremio, que un propietario galego, a pé de obra, podía amolecer para non tensionar a situación de conflitividade social, eventualmente desbocada.
En ligazón co apontado anteriormente sobre a emigración, tamén habería que ligar causalmente a ela o fenómeno que agora consideramos, como forma "pacífica" —milleiros de persoas por ano con destino ás ex-colonias españolas de Ultramar— da "resolución" de graves conflitos sociais no interior do país, a emigración, máis unha vez causa e efecto simultaneamente do descentramento e da desvertebración do país e da falta de pulso e de enerxía autónomas.
De por parte, encontrámonos cun país que non superou a decapitación social e política inflixida desde o comezo da Idade Moderna, aspecto fulcral para comprendermos moitos dos avatares da historia galega do XIX: dito simplemente, non hai clase dirixente organizada como tal e "competitiva" na pugna de intereses do Estado español, a diferencia doutras nacións que viven tamén o seu particular proceso de (re)emerxencia na mesma centuria, como a catalana ou a vasca. Así, entre nós, é patente a febleza das clases aburguesadas locais cun papel de intermediarias a respecto de axentes exteriores ou ben compradoras de rendas forais.
A clase social, no segmento dominante, máis característica do Antigo Réxime, a fidalguía, vai coñecer o seu particular "via crucis", con perda paulatina de patrimonio e rendas ou ben emprego das mesmas en gastos de mantemento e suntuarios (pazos, mobilia...). Vai ser a clase social máis problemática e abalante na súa definicion, dacabalo entre a fidelidade á terra e a súa apoloxía (Rosalía de Castro, Eduardo Pondal van ser dous exemplos no cume literario do XIX) e o reaccionarismo vinculado ao intento de permanencia do Antigo Réxime (organización e financiamento de partidas carlistas, boicote da política antiforal, control electoral...). Nunha tal situación, a acaparación dos postos vinculados á burocracia do Estado (en convivio coa dedicación á Igrexa Católica, tradicional), a través das súas axencias —exército, ensino, administración...— vai ser a saída socioprofesional máis frecuente para os seus membros. É neste entramado, nesta estratexia de sobrevivencia ou, máis exactamente, de acomodación, en que cómpre situar a figura do cacique, a figura máis "típica" e, ao tempo, máis funcional dunha sociedade sen clase dirixente e precisada de intermediario-ponte entre a burocracia distante, estraña e opresiva, das institucións do Estado e a base social galega. Produto típico galego, si, mais a imaxe e semellanza — adaptado como a luva á man— das necesidades e intereses do Estado e dos poderes económicos na Galiza: o seu capataz e a súa consecuencia, que explica o cacicato en xeral como bifurcado, tanto no ramo conservador como no liberal.
Outro dos segmentos sociais rendistas que presentará modificacións neste período vai ser o do clero. Por sobre a súa grande xerarquización (bispos, cóengos, abades, priores, baixo clero...), experimenta tamén o seu particular proceso de proletarización, se así puidese chamarse, xa que, após as medidas desamortizadoras, coñecerá o ingreso masivo de elementos populares, rurais, que, en expresiva frase de X. R. Barreiro, foxen do legón a través do seminario. Ensino e control ideolóxico-moral van ser as súas grandes áreas de influencia, salvando, nas sucesivas guerras carlistas, o seu papel de organizador directo de partidas e de guerrilla. Lémbrese, en todo o caso, que esta fenomenoloxía "nova" do XIX se sobrepón a un rol institucional, que vén de moito antes, definido polo seu activismo españolizador, en sintonía co poder civil, como xa denunciaban os ilustrados galegos do século XVIII.
Mozo galego. Principios do século XIX.
Desde esta película histórica, estamos en condicións de sobrancear, sumariamente, feitos singulares que acontecerán na Galiza deste período, 1808-1863, seguindo esquemas trazados por historiadores como F. Carballo ou X. R. Barreiro. O comezo de século vén marcado polo tránsito do Antigo Réxime e da súa forma de Estado, a Monarquía absoluta, ao Estado liberal. Tránsito lento e cheo de sobresaltos e tensións non resolvidas, xa que, como indica L. Ovelleiro, «os intereses de ambos eran tan antagónicos que non había posibilidade dun sistema político de consenso». Cando na década dos corenta se consolida o novo réxime, Galiza fica máis firmemente vinculada a unha estrutura político-administrativa unitaria, centralista e centralizadora, con desaparecemento de signos, mesmo simbólicos no administrativo, da súa existencia como reino ou provincia. É precisamente nesta grave crise, que ameazaba directamente o corazón identificatorio da Galiza, cando a resposta nacional se nos produce, en forma dos primeiros xermolos conscientes de galeguismo. Adiantamos acontecementos que cronoloxicamente están distantes aínda do comezo do século para subliñar a necesidade de conceber o percurso histórico galego autonomamente, centrado no propio país: epicentro do movemento, logo, e non réplica ou eco simple de eventos e dinámicas distantes á Galiza, por moito que, obviamente, o comportamento e evolución do Estado español —e doutros axentes superiores— estean na xénese e na causalidade de moitos fenómenos e procesos que atinxiron directamente á Galiza.
Datas e fitos que temos en conta son os seguintes:
( 1808 ): Invasión das tropas francesas, en menos dun mes, e organización dun movemento proteico de resistencia, dirixido por clero e fidalguía, receosos da perda dos seus privilexios, e integrado, na súa base popular, por campesinos organizados en partidas e coa táctica da guerrilla favorecida polo coñecemento do terreo e a cumplicidade social. A batalla de Elviña, na Coruña (que Rosalía lembra no seu poema-homenaxe a Sir John Moore) ou a de Ponte San Paio, en Pontevedra, primeira derrota que sofre o exército imperial francés; nomes como o abade de Couto ou o vigués Cachamuíña son testemuños do confronto que evidenciou, máis unha vez, a "soidade" galega para a súa defensa ou, en positivo, a forzosa auto-organización que a invasión determinou e que ten na constitución da Xunta Suprema da Galiza o seu fito institucional máis relevante.
( 1815 ): Pronunciamento de Porlier na Coruña, onde preside unha Xunta Revolucionaria, tentativa liberal sufocada polos absolutistas e rematada co enforcamento de Porlier no castelo de San Antón, na capital citada.
( 1822 ): Primeiro intento, no trienio liberal (1820-1823), de desmembración da Galiza como unidade, por meio dun decreto que a divide en catro provincias (A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo), base da división posterior, que anula o concepto de Galiza como reino ou "provincia" e as súas divisións comarcais coas sete capitais antigas: Mondoñedo, Lugo, Ourense, Pontevedra, Tui, Betanzos e Santiago. Nova supresión dos señorios xurisdicionais e dos morgados; diminución do décimo; supresión das alfándegas interiores.
( 1833 ): Após a ominosa década (1823-1833), marcada polo retorno do absolutismo, o ano 1833 vai significar para a Galiza a súa desaparición formal como reino ou unidade, en virtude do decreto de división tetrapartita (a actual) ordenada polo ministro D. Javier de Burgos, que supón perda territorial para o país e, desde logo, unha repartición xeográfico-administrativa do máis rancio corte colonial, con desprezo evidente das divisións "naturais" implantadas na Galiza desde a colonización romana. O inicio da primeira guerra carlista, como demostrou X. R. Barreiro, supón na Galiza non o apoio do campesinado aos seus señores, rebeldes ao Estado liberal, senón a revolta de parte da fidalguía e do clero, financiados desde instancias relixiosas e con dirección da sublevación desde Portugal.
( 1838 ): Publicación da Historia de Galicia de José Verea y Aguiar, primeira do país na Idade Contemporánea, á que seguirán, no século, as de Vicetto e de Murguía, e que se verá completada, na bibliografía do autor, por múltiplos traballos relativos á mellora da agricultura no país, ao seu progreso e benestar material, ás cargas impositivas xustas, etc.. Obra pioneira, expresiva da simbiose entre espírito ilustrado e preocupación polo progreso e dignificación da Galiza, inaugura a filiación da nación galega ao mundo céltico, como diferencial dentro de España.
( 1846 ): Levantamento liberal-provincialista, encabezado polo comandante Miguel Solís en Lugo o 15 de Abril deste ano e truncado o 26 do mesmo mes, co remate definitivo na vila de Carral, onde os seus cabezas, en número de doce, foron fusilados, sendo coñecidos como os "Mártires de Carral" na historiografía galega do mesmo século XIX e honrada a súa memoria cun monumento erixido naquela vila que os viu morrer.
Varios factores de relevo para a historia da Galiza conferen a este levantamento un carácter singular. En primeiro lugar, como demostrou X. R. Barreiro, a alta participación de elementos civís, e non só militares, como nos pronunciamentos clásicos (245 estudiantes, por exemplo, o que representaba case o 20% do total de levantados); o seu carácter progresista, en segundo lugar, mais vinculado xeneticamente á reivindicación provincialista ou galeguista, abandeirada, a través da Xunta Suprema da Galiza, por Antolín Faraldo, secretario da mesma, e por Pío Rodríguez Terrazo, seu presidente; o forte carácter simbólico e xerminal que cobrou —malia a súa efémera duración— para o resto do século XIX, e aínda para a posterior historia do país, nos grupos intelectuais e patrióticos preocupados pola súa sorte e polo seu futuro. Os símbolos, con efecto, non se constrúen sobre a nada ou sobre fantasías ou invencións míticas. O sangue vertido dos fusilados en Carral e o exilio forzoso a Portugal dos Faraldo, Romero Ortiz, Rúa Figueroa, Añón... non foron sucesos banais ou "confusos" no devir histórico do país. Tampouco o son as súas proclamas, cunha clara mención da defensa da Galiza e dos seus dereitos, como acreditan estas palabras, que traducimos do parte oficial do día 15 de Abril: «O pobo conquistará nesta revolución o que lle teñen arrebatado os cómicos dos pronunciamentos: pan e dereitos. Galiza, que arrastra até aquí unha existencia oprobiosa, convertida nunha verdadeira colonia da Corte, vaise erguer da súa humillación e abatemento [...]. Para o conseguir, esforzarase decote en fomentar intereses materiais, criar costumes públicos, abrir as fontes naturais da súa riqueza, a agricultura e o comercio [...]. Despertando o poderoso sentimento de provincialismo e encamiñando a un só fin todos os talentos e todos os esforzos, chegará a conquistar Galiza a influencia de que é merecente».
Placa conmemorativa no monumento aos Mártires de Carral.
Coidamos, por tanto, que non se debe minimizar ou minusvalorar o componente galeguista, que un Faraldo de a penas vinte anos, anunciaba xa nas páxinas de El Recreo Compostelano (11 de Outubro de1842) cando desexaba: «A grande unidade galega, non sacerdotal senón cristiá, non teocrática senón nacional [...], fará que recuperemos o cetro dos mares e que o noso nome sexa un título de orgullo, de cabalerosidade, de nacionalidade e de cultura». É o mesmo Faraldo que falaría reiteradamente de "excentralización", como medida de desenvolvemento público e privado, ou que define a Galiza como «colonia da Corte» —tal e como se viu antes—, denotación que, xa no XX, recollerá Antón Vilar Ponte no artigo "Galicia peor tratada que una colonia de negros" (1921), nos albores do Segundo Renacemento galego, e volverá usar nas Cortes españolas en 1933, con alusión (tamén recordo de Faraldo) a Irlanda, como lembra B. Cores Trasmonte. É, desde logo, o Faraldo claro defensor da Galiza como unha unidade e continuado detractor, por tanto, da súa escisión en catro provincias, ou o que Murguía retrata como decidido impulsor do movemento provincialista. Unha outra cousa foron as propias debilidades do levantamento e, fundamentalmente, do seu contexto: desentendemento entre xefes militares, falta de clase social que o respaldase e o dilatase, exigüidade de efectivos, falta xeneralizada de institucionalización propiamente galega.... conduciron ao su fracaso puntual, que non en termos históricos ou simbólicos. Ora ben, se se tiver en conta o sintético cadro económico-social que deseñamos en páxinas anteriores, admira, en todo o caso, comprobarmos como dun corpo social tan enfraquecido e por tantos flancos oprimido como o galego xurdise —con todas as contradicións ou adherencias ideolóxicas que se quixeren considerar— semellante forza ideatoria e vindicativa: sen clase social dirixente 'nacional'; cun campesinado-clases populares en loita pola sobrevivencia e a "escolla" entre a subsistencia ameazada no país e a emigración; unha fidalguía en trance de fundición; cun clero maioritariamente tradicionalista, prebendista e ideoloxizador español; cunha burguesía comercial dependente; cunha actuación dos poderes públicos —españois— desprezadora do país, cando non abertamente agresiva contra del..., ¿podía, obxectivamente, emerxer historicamente máis do que, dificultosa e esforzadamente, emerxeu no solar galego dos nosos devanceiros da primeira metade do século XIX? O respecto ás mínimas convencións da proporcionalidade e do coñecemento do contexto social non autorizan, coidamos, a resposta afirmativa a tal pregunta, máxime cano axiña imos ver un ronsel de feitos significativos xenética e simbolicamente conectados ao que mereceu extensión abonda nesta exposición cronolóxica.
( 1853 ): Publicación de A Gaita Gallega ,de Xoán Manuel Pintos, fito pioneiro do Primeiro Renacemento.
( 1856 ): O 2 de Marzo deste ano reúnense, na carballeira de Conxo, nas proximidades de Santiago de Compostela, estudantes, demócratas e progresistas, e obreiros, estes servidos por aqueles nun xantar onde se revelaron como poetas Aurelio Aguirre e mais Eduardo Pondal (22 e 21 anos, respectivamente), nunha sorte de ágape-consagración dos ideais da liberdade, do progreso da fraternidade, como recordaba Carré Aldao en 1900. Unha testemuña de excepción, Manuel Murguía, relataría así, no seu Los Precursores (1886), a que cualifica como festa inesquecíbel, con evidentes saudades do clima de esperanza e de optimismo que para a causa da Galiza e para a causa da democracia e do progreso respiraban daquela os seus protagonistas: «Realizouse entón o milagre de que naquela cidade morta, e á voz de dous rapaces, se levantase o proletariado, eterno Lázaro, que, rompendo as lousas do sepulcro e tirando a súa branca mortalla, respiraba ao fin con todo o pulmón o aire de liberdade que pasaba cheo de arrecendo baixo as pólas que os cubrían e sobre das correntes do río que lles enviaban as súas frescas emanacións». Abunda Murguía na filiación simultaneamente literaria e política do movemento a que vincula, nos seus empezos, este evento que, por proclamas conectadas co cristianismo evanxélico e abertamente anti-ortodoxia oficial («Cristo es hijo del pueblo», poetizaba Aurelio Aguirre), ademais de pola propia natureza "subversiva" do acto, mereceu o procesamento de ambos os estudantes, Aguirre e Pondal, salvados da ameaza de deportación ás illas Marianas pola oposición a tal rigor punitivo do fiscal de Santiago de Compostela: a "escolta" de soldados que, segundo relata Murguía, cubría as avenidas do bosque e mais do convento de Conxo semella certificar a pouca permisividade que para tais "alegrías" revolucionarias estaban dispostas a conceder as autoridades públicas do goberno español na "remota" Galiza.. Rosalía de Castro (moza de dezanove anos recentemente cumpridos daquela) asiste ao banquete e moi pouco despois (en Abril de 1856) marcha a Madrid, partida que Francisco Rodríguez vincula sintomaticamente á súa presencia no mesmo e á máis que probábel represión social que levantaría tal comportamento en rapariga tan "ousada" e desprexuizada como para participar neste tipo de actos...
O poeta Aurelio Aguirre.
( 1861 ): Celebración na Coruña dos I Xogos Florais, seguidos, o mesmo ano, dos celebrados en Pontevedra. Prémiase, nos primeiros, a poesía «A Galicia» de Francisco Añón, deféndese o uso literario do galego e sublíñase a necesidade de lembrar a historia do país a través de figuras senlleiras (María Pita, Macías...). Merece especial atención a que a convocatoria dedica á participación feminina (Rosalía, Emilia Calé, Virginia Felicia Auber... eran colaboradoras, naquela altura, de publicacións periódicas). Nos segundos, que xulgou como secretario do tribunal D. Juan Compañel (o que sería primeiro editor de Rosalía), prevíase un premio directamente vinculado á proposta de remedios para os males causados pola extrema subdivisión da propiedade na Galiza.
Publicación de El Álbum de la Caridad ,na Coruña, primeira colectánea de poesía galega do século XIX.
( 1863 ): Publicación de Cantares Gallegos ,de Rosalía de Castro, primeiro monumento da literatura galega contemporánea: o Primeiro Renacemento da Literatura Galega está en pé.