Unha boa parte da actividade literaria e cultural destes anos vén marcada polo labor dos homes vencellados ao proxecto Galaxia, fundado no 1950 por personaxes tan salientábeis na historia das nosas letras como Otero Pedrayo , Francisco Fernández del Riego , Domingo García-Sabell, Ramón Piñeiro , Xaime Isla, etc.
Ramón Otero Pedrayo
As actividades de Galaxia foron moito máis alá do terreo editorial. O proxecto reuniu a algúns vellos galeguistas —Otero, Cabanillas — coa que se chamou xeración da guerra, formada polos intelectuais Ramón Piñeiro, Fernández del Riego, García-Sabell, etc., tendendo entre uns e outros unha ponte dun valor cultural inestimábel. Mais estes homes exerceron tamén un labor de continuidade dirixido cara ás promocións máis novas, ás que non só lles transmitiron un legado cultural senón que lles ofertaron coleccións en que publicaren a súa incipiente creación literaria.
Dentro deste clima cultural, que levou a cabo un intenso labor literario e recuperou ademais unha tradición ensaística perdida, temos que situar a obra de Álvaro Cunqueiro. A súa primeira novela en galego, Merlín e familia ,que supuxo unha importante renovación no panorama narrativo das nosas letras, foi escrita, segundo ten confesado en máis dunha ocasión o autor, por suxerencia dos seus amigos do círculo de Galaxia.
A partir dos anos 50 prodúcese unha progresiva recuperación da prosa galega, logo do silencio dos anos inmediatamente posteriores á guerra. Dentro deste panorama, é posíbel identificar algunhas correntes significativas.
Un grupo de escritores cultivaron nestes anos unha literatura que podemos denominar "de circunstancias". Nas súas obras trataron o tema da guerra, a resistencia ou a represión, e introduciron con frecuencia elementos autobiográficos. Nesta liña debemos situar as obras Non agardei por ninguén , de Ramón Valenzuela , publicada en Bos Aires no ano 1957, ou a novela de Alonso Ríos O siñor Afranio —ou como me rispei das gadoupas da morte—. Esta tendencia coñecerá máis adiante froitos serodios, como O silencio redimido (Silvio Santiago, 1976) e Era tempo de apandar (Ramón Valenzuela, 1980).
Por outra parte, habemos delimitar un grupo integrado por escritores novos que, polo ano 1960, constitúen un movemento coñecido como
Nova
Narrativa Galega.
Xohana Torres.
Afastouse sempre Cunqueiro de calquera temática que abordara os problemas sociais e afirmou que o que lle interesaba era fabular para aquela xente que se deixaba enfeitizar por un conto. O seu posicionamento foi moitas veces obxecto de polémica, e valeulle, en ocasións, críticas negativas, especialmente referidas ás súas obras narrativas en castelán, aparecidas nuns anos en que se estaba a cultivar con entusiasmo o que se deu en chamar realismo social. Extraordinario lector e bo coñecedor das novidades que se estaban a producir na literatura do seu tempo, non se identificou, sen embargo, cos escritores da Nova Narrativa Galega ,manifestando nalgunha ocasión o seu distanciamento a respecto das técnicas innovadoras que viñan de incorporar.
Retrato de Álvaro Cunqueiro.
Cunqueiro forma parte dun grupo de narradores que se caracterizaron precisamente pola súa individualidade no panorama narrativo da posguerra. Na súa obra conviven elementos librescos, tomados moitos deles de diferentes mitoloxías, con outros especificamente galegos. A súa particular poética, na que bota man, de elementos marabillosos para inserilos nun discurso realista, mantívoo afastado doutras correntes que concibían o texto como un reflexo fiel da realidade. Entre estes narradores, fundamentais na recuperación da nosa narrativa, debemos destacar: Ánxel Fole, con quen Cunqueiro mantivo unha grande amizade. Fole cultivou unha narrativa na que intenta recuperar as voces do conto popular de tradición oral e recreou unha Galiza rural, mítica e misteriosa; Eudardo Blanco-Amor, quen soubo plasmar na súa literatura os problemas sociais e o conflito que estaba a vivir a sociedade galega do seu tempo; e Neira Vilas , que nos legou un importante número de obras narrativas onde deixou constancia da vida rural e da emigración.