A Etapa Contemporánea II
A recuperación da narrativa en galego: Álvaro Cunqueiro
A Vida e a Obra do Escritor

Naceu Álvaro Cunqueiro na vila luguesa de Mondoñedo, un 22 de decembro de 1911. Alí transcorreron os primeiros anos da súa vida; unha infancia que o escritor sempre lembrou feliz e rica na aprendizaxe. O certo é que, andando os anos, Mondoñedo ocupou un lugar moi especial na memoria e na literatura de Cunqueiro.

Imaxe da nenez de Álvaro Cunqueiro.

O escritor era fillo de don Joaquín Montenegro, boticario de profesión, instalado nos mesmos baixos do pazo episcopal. Soubo transmitir ao seu fillo un rico legado de coñecementos sobre botánica, zooloxía, farmacoloxía e natureza. A figura da nai, dona Pepita Mora Moirón, é recordada pola súa capacidade para a invención de contos con que engaiolaba os máis pequenos.

Destes anos, Cunqueiro lembra tamén os paseos pola catedral e polo pazo episcopal, as viaxes a Riotorto á casa dos avós, moitas lendas, lecturas e unha primeira experiencia literaria como creador. Trátase da escritura, tantas veces rememorada, dunha noveliña que contaba as bitas entre os navallos e os brancos, tomando como modelo as súas lecturas de Buffalo Bill, Dick Turpin e Fitz Roy. A curiosidade da noveliña, que confesou perdida, era o feito de que, sendo toda ela escrita en castelán, fixera falar aos navallos en galego.

Máis tarde Cunqueiro verase obrigado a trasladarse a Lugo para realizar os seus estudios de Bacharelato. Alí tivo a oportunidade de entrar en contacto con homes como Ánxel Fole, os irmáns Correa Calderón ou Luís Pimentel. Frecuentou con asiduidade a Biblioteca Provincial, revelándose por aquela altura como un lector empedernido, ou, como nalgunha vez se gustou chamar, un lector omnívoro.

Rematados os estudios de bacharelato trasladarase a Santiago para dar comezo á súa andaina na Universidade. Matricúlase na carreira de Filosofía e Letras, sección de Historia. Sen embargo, o seu desinterese pola actividade académica foi absoluto. Durante estes anos, o escritor participa intensamente na vida cultural compostelá, integrándose axiña nas tertulias que se viñan celebrando no Derby e no Español, e ás que acudían importantes figuras da cultura do momento (Carlos Maside, Ricardo Carballo Calero , Luís Seoane , Ánxel Fole, GarcíaSabell, etc.).

No ano 1932 sae á luz o seu primeiro libro de poemas, Mar ao norde ,escrito desde unha estética vangardista. Un ano máis tarde aparecen os libros Cantiga nova que se chama riveira e Poemas do si e non .

No momento en que dá comezo a guerra civil, Cunqueiro desenvolvera unha actividade fundamentalmente lírica, xénero en que xa conseguira un certo nome. Os primeiros anos do movemento son vividos polo escritor en Mondoñedo. A pesar do seu afastamento de calquera activismo político, no período anterior á guerra amosara a súa simpatía co Partido Galeguista, ademais de significarse nalgunha ocasión, como acontecera na súa participación nun mitin político celebrado en Ribadeo. Naqueles días cheos de incerteza, seguindo o consello dun amigo, acordou trasladarse á vila de Ortigueira, onde se integrou no consello de redacción do xornal Era azul , iniciando así un periplo que o levaría polas cidades de Vigo e Donostia, onde traballou en senllas publicacións, para rematar en Madrid, requerido por Manuel Halcón para colaborar no diario ABC.

Por estes anos, cando o novo réxime orixinara posicionamentos enfrontados dentro da intelectualidade, Cunqueiro deu mostras do seu compromiso coa nova situación política, xerando unha serie de textos de carácter panfletario que suscitaron valoracións contrarias por parte da crítica. Algúns destes textos, que foron considerados literatura de circunstancias ou de supervivencia, encadran perfectamente dentro do sistema ideolóxico do franquismo, ó recorrer aos tópicos creados pola linguaxe xornalística máis fiel a el, así como de moitos símbolos de raigame fascista.

Un desagradábel incidente co embaixador francés truncou a súa brillante carreira de xornalista. O escritor incumpriu o seu compromiso de escribir uns artigos sobre o Camiño de Santigo, logo de ter percibido por iso unha cantidade. A retirada do carné profesional, imposta como sanción, puxo freo ao que viña sendo desde algúns anos o seu medio de vida.

Este acontecemento motivou seu regreso á vila de Mondoñedo, onde instabou de novo a súa residencia por un período de dez anos. Durante este tempo o escritor disfrutou dos seus vellos amigos, do silencio e de moitas lecturas na soidade do val. Comezou daquela unha serie de colaboracións que foi enviando a distintos medios de comunicación, reiniciando deste xeito o vello e querido oficio de escribir. Un dos froitos logrados durante esta etapa, a novela Merlín e familia (1955), contribuíu considerábelmente á recuperación da narrativa galega.

Falar de Álvaro Cunqueiro supón referírmonos a un dos escritores máis polifacéticos da nosa historia. O cultivo da prosa e do verso semella estar inflexionado por un acontecemento clave como é a guerra civil. O xornalismo, non só o labor diario senón tamén o xornalismo literario, así como o ensaísmo sobre os máis variados temas, entre os que destacan a antropoloxía, a gastronomía, a literatura e a cultura en xeral, foron xéneros que non abandonou durante toda a súa vida. Unha parte da súa obra xornalística foi compilada e publicada en volumes como El envés , Laberinto y Cía. , El descanso del camellero , Fábulas y leyendas de la mar ,etc. Este labor, principiado xa durante a vida do escritor, non foi aínda hoxe rematado, polo que carecemos dunha catalogación exhaustiva da súa obra que nos permita achegarnos rigorosamente a unha das facetas máis significativas do seu oficio literario. Por outra banda, cómpre sinalarmos que algúns destes textos son extraordinariamente valiosos para comprendermos o mundo narrativo cunqueirano, así como para resolvermos cuestións textuais a respecto da súa obra. No seu oficio de xornalista, Cunqueiro asinou con frecuencia os seus textos baixo pseudónimos: Álvaro Labrada, Patricio Mor, Manuel María Seoane, Benito Moirón, Xusto Cabarcos, etc.

Na mocedade, Cunqueiro entregándolle a unha moza un ramo de flores.

Foi tamén o teatro un xénero polo que o autor mindoniense amosou sempre unha especial predilección. A escena e a representación son, como veremos máis adiante, dúas constantes na narrativa cunqueiriana.

Por outra banda, Cunqueiro deixou constancia do seu interese polo xénero nalgunhas obras que foron publicadas nun volume conxunto no ano 1974: Don Hamlet e tres pezas máis, que incluía os seguintes textos:

O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca . Trátase dunha obra publicada no ano 1959, na que o escritor presenta unha personalísima versión do mito shakespeariano. A novidade que Cunqueiro achega é o feito de considerar a Hamlet fillo do usurpador, co que as súas relacións coa nai se converten en edípicas. A obra aborda así o tema universal da culpa. A obra foi estreada na Coruña no mesmo ano da súa publicación. Na versión do ano 1974 o escritor engadiu unha escena ao texto orixinal.

A noite vai coma un río . Traxedia breve (un prólogo e dúas xornadas), protagonizada polo personaxe de dona Inés de Valverde. A obra fora publicada por vez primeira no número 10 da revista Grial , no ano 1965. Unha parte da mesma aparece incluída, na súa versión castelá, na obra Un hombre que se parecía a Orestes .

Palabras de víspera . Peza brevísima, que forma parte dun proxecto inicial máis longo, escrita no ano 1968, que o público non coñeceu ata a súa inclusión no volume de 1974. A obriña desenvolve un fío argumental tomado da historia medieval española.

Función de Romeo e Xulieta, famosos namorados , peciña incluída no libro As crónicas do sochantre (1956) da que falaremos máis adiante.

A estas obras debemos engadir aínda un texto teatral que hoxe en día coñecemos gracias á doazón de Francisco Fernández del Riego. Trátase da peza autógrafa Xan o bo conspirador ,escrita no ano 1933, e publicada no número 60 de Grial (1978).

A literatura dramática de Cunqueiro resultou incomprendida no panorama da época. A crítica non lle negou, sen embargo, a súa vocación universal, ao redundar na reflexión sobre o ser humano, actualizando mitos e instalándose a miúdo nunha dimensión atemporal.

Os últimos anos da vida do escritor trouxéronlle o recoñecemento dunha boa parte da intelectualidade galega. Así, no 1980 foi nomeado Doutor Honoris Causa pola Universidade de Santiago. Tamén neste ano recibiu o Pedrón de Ouro e unha sonada homenaxe en Vigo, con motivo da presentación do primeiro volume da súa obra en galego completa, que recollía toda a produción poética.

Cunqueiro caricaturizado por Vidarte.

Por esta altura, cando xa a enfermidade fora minguando sensibelmente as súas forzas, o escritor, participou aínda nun dos procesos que conforman a nosa historia máis recente, como foi o referendo sobre o Estatuto de Autonomía. Cunqueiro colaborou nunha campaña en favor da súa aprobación, pouco tempo antes de que a súa doenza o afastase definitivamente da vida.

O triste acontecemento produciuse o 28 de febreiro do 1981, no Hospital Xeral de Vigo. No cemiterio de Mondoñedo rendeulle unha vez máis homenaxe unha ampla representación da vida literaria galega. Pouco tempo antes, na homenaxe que lle fora dedicada en Vigo, Cunqueiro pronunciou unhas palabras que tiveron unha extraordinaria fortuna, ata o punto de se converteren nun tópico á hora de nos achegar á figura do escritor:

Se algún día despois de morto se quixese facer de min algunha louvanza, e eu estivese dando herbas á nosa terra, podería dicir na miña lápida que aquí xace alguén que coa súa obra fixo que Galicia durase mil primaveras máis.

Tal afirmación resulta, sen dúbida, dun grande valor para entendermos, na súa xusta medida, a verdadeira dimensión do compromiso que o escritor tivo co seu país.

A obra narrativa de Álvaro Cunqueiro

Hoxe en día a crítica coincide en sinalar que o escritor de Mondoñedo incorporou ao panorama da literatura galega de posguerra unha das voces narrativas máis orixinais. As seis obras que deixou escritas, adoitan ser clasificadas en dous bloques:

Con todo, tal clasificación presenta algúns problemas que sintetizamos a seguir. Por unha banda, a condición de "novelas" dalgúns textos cunqueirianos foi posta en dúbida en moitas ocasións, debido ao seu carácter fragmentario e á particular estrutura baseada fundamentalmente na adición de historias. Por outra, a cualificación de "retratos" ou de "semblanzas" minguou por veces o carácter narrativo destas obras, relegándoas a un xénero marxinal, próximo á descrición costumista. Así, a importancia concedida ás obras de narrativa curta foi sensibelmente menor, centrándose moitos dos estudios unicamente nas obras do primeiro grupo. Sobre este fenómeno volveremos ao tratarmos o tema da recepción da literatura cunqueiriana.

Se ben é certo que os tres libros de relatos constitúen un microcorpus particular dentro da obra do mindoniense, non debemos esquecer a imposibilidade de estudiarmos a Cunqueiro dunha maneira fragmentaria, pois unhas e outras obras participan por igual dunha concepción poética e dunhas estratexias narrativas comúns.

Antes de entrarmos nunha análise individualizada das obras, cremos de interese sinalar os trazos fundamentais que caracterizan a produción narrativa do escritor.

A temática

Un dos trazos máis característicos da narrativa de Cunqueiro é o sincretismo cultural que se produce no seu discurso. Así, mentres que os relatos curtos achegan o lector a unha realidade especificamente galega, nun intento de reapropiación dun mundo a piques de desaparecer, as obras de narrativa longa mesturan, desde o punto de vista temático, unha serie de elementos de procedencia ben heteroxénea, que expoñemos en síntese:

Álvaro Cunqueiro caricaturizado por Maside.

  • o mundo galego
  • a tradición clásica greco-latina
  • a tradición oriental
  • a materia da Bretaña
  • a cultura libresca en xeral

Cunqueiro confesouse credor nos mitos, para os que sempre reivindicou un estatus ontolóxico especial. En coherencia con isto, fixo convivir elementos tirados de tradicións ben diferentes, enriquecendo o texto e conferíndolle unha dimensión máis aberta.

Por outra banda, e segundo leva insistido moitas veces o propio escritor, a súa é unha narrativa que ten como preocupación fundamental o home: os seus soños, as súas teimas, os seus sentimentos ou a súa imaxinación. Reproducindo as súas propias palabras, contar a totalidade humana, que el, pola súa parte ten a obriga de alimentar con novas miradas.

Probabelmente sexa neste aspecto onde radique a verdadeira dimensión universal de Cunqueiro. Esta concepción da literatura explica tamén o seu afastamento da problemática social e de calquera caste de literatura de circunstancias.

IMAXES