A Etapa Contemporánea II
A recuperación da narrativa en galego: Álvaro Cunqueiro
1956-1975: A Recuperación da conciencia política

Se os anos inmediatamente seguintes á guerra civil supuxeron un dramático cambio de rumbo para a sociedade e a cultura galegas, a partir dos anos 50 produciranse unha serie de fenómenos determinantes para a nosa historia. Podemos, polo tanto, afirmar que, desde ben andada a década dos cincuenta ata o final da ditadura, teñen lugar feitos que explican, en boa medida, a nosa situación actual.

Fonte en Amoeiro con simboloxía falanxista.

Por unha banda, debemos ter en conta as transformacións socioeconómicas que se produciron neste período, pois supuxeron un pulo cara á modernidade, descoñecido en etapas precedentes. Mais, por outra, debemos lembrar tamén que estas transformacións afectaron a campos tan distintos como as paisaxes rural e urbana, os costumes ou o perfil da nosa sociedade.

O decorrer histórico destes anos debe ser entendido dentro do clima autoritario e represivo dun réxime xa por aquela altura abondo estabilizado, e cun aparato suficientemente forte como para facer esmorecer as ilusións do seu derrocamento desde posicións contrarias. Aínda así, a partir dos anos 60 dá comezo unha etapa marcada pola organización de forzas políticas na clandestinidade que tomou partido nunha situación de conflito social crecente, de especial importancia en sectores como o proletariado e a poboación estudiantil. Foi tamén nestes anos cando o nacionalismo coñeceu unha nova formulación, que se afastaba definitivamente da gaiola culturalista para situarse en posicións marxistas, desde as que se reclamaba por vez primeira, dun xeito explícito, o dereito de autodeterminación para o pobo galego.

As transformacións na economía e na sociedade

As fortes transformacións socioeconómicas producidas nos anos de que estamos a falar supuxeron, como xa apuntamos máis arriba, cambios importantes no perfil da sociedade galega. Por unha banda, habemos ter en conta os movementos migratorios masivos que se produciron neste período e que tiveron como destino Europa e algunhas cidades españolas nas que xurdira un incipiente florecemento industrial. A emigración foi potenciada polo réxime franquista como fonte de divisas, a través do Instituto Español da Emigración . O éxodo rural trouxo como consecuencia a despoboación do que noutrora foran importantes núcleos e o abandono das tarefas agrícolas.

Por outra banda, a agricultura coñece nestes anos unha incipiente e serodia mecanización, que supuxo, en moitos casos, a transformación dos medios de explotación agrícolas e gandeiros. Incorporáronse novas técnicas, maquinaria, e pouco a pouco vaise introducindo o uso de fertilizantes inorgánicos. A isto temos que engadir a concentración parcelaria, que cambiou notabelmente a morfoloxía das nosas poboacións rurais.

Comeza tamén neste momento unha modesta industrialización. Creáronse algunhas industrias para a transformación do excedente da materia prima agraria, como granxas, plantas leiteiras ou industrias cárnicas. Estas supuxeron unha nova saída para a economía de subsistencia de moitas unidades familiares e para a agricultura de autoconsumo.

Tamén se instalou no territorio galego unha próspera industria naval, asentada nas cidades de Vigo e Ferrol, que reunía un continxente importante de clase traballadora, cun considerábel protagonismo social nestes anos. Foi precisamente nestas dúas cidades onde, como máis adiante explicaremos, xurdiron importantes mobilizacións obreiras cunha notábel repercusión en todos os ámbitos da sociedade.

Finais dos anos cincuenta. Venta de corozas nunha praza de Pontevedra.

Nalgúns puntos do noso solo asentou tamén unha industria foránea, que moitas veces se achou en mans de grandes monopolios como Citroën, Endesa, Inespal, Celulosas, etc. Algunhas destas grandes superficies industriais ocasionaron un notábel deterioro para o medio ambiente, debido aos seus altos índices de contaminación. Por outra banda, orixinaron o crecemento vertixinoso e moitas veces indiscriminado dalgúns núcleos de poboación.

O aumento dos núcleos urbanos foi, en xeral, un proceso rápido, favorecido pola demanda xurdida do florecemento industrial, polos investimentos dunha nova burguesía urbana e pola importante fonte de ingresos en divisas da poboación emigrante. O mercado inmobiliario cobrou un importante pulo nestes anos nos que se construíron os ensanches das principais cidades galegas. A especulación, a celeridade deste proceso e a falta duns criterios ríxidos de urbanización deixaron como testemuña unha paisaxe urbana caótica e aberrante en grandes extensións do noso solo, con consecuencias por veces irremediábeis.

Un fenómeno semellante produciuse nos espacios rurais. O desenvolvemento do sector hidroeléctrico trouxo como consecuencia a construción de encoros que modificaron a morfoloxía de grandes extensións. As súas consecuencias non só afectaron a paisaxe, senón tamén as actividades agrícolas e gandeiras, debido aos obrigados desprazamentos da poboación e ao cambio das condicións climáticas. A isto debemos engadir outros factores como a construción de estradas, a xa mencionada concentración parcelaria e a incorporación á arquitectura tradicional de novos modelos, propios doutros países europeos.

O resultado de todos estes procesos foi o cambio considerábel do sistema de vida da poboación galega. O amoreamento arredor dalgúns núcleos urbanos, a transformación —e abandono— da paisaxe rural, e o xurdimento dunha nova burguesía, cambiou en poucos anos o panorama socioeconómico galego. A modernización e o florecemento económico reverteu moitas veces de maneira negativa na nosa identidade. Unha boa parte da cultura tradicional (técnicas de traballo, costumes, folclore, a propia lingua) ficou moitas veces relegada aos espacios rurais e mesmo ao esquecemento. Neste contexto temos que entender o esforzo de escritores —como Álvaro Cunqueiro ou Á nxel Fole  por deixaren constancia na súa literatura dun mundo en perigo de extinción, por plasmaren unha sociedade en transformación, a medio camiño entre o rural e o urbano —tal é o caso de Blanco Amor —, ou o testemuño da conflitividade xurdida da nova situación — Méndez Ferrín —. Cómpre, ademais, termos en conta que estas transformacións na economía e na sociedade se produciron no contexto dun réxime autoritario que mantivo dunha maneira inmobilista as súas liñas políticas de actuación ata a súa fin no ano 1975.

Os conflitos sociais

Como apuntamos máis arriba, estes anos foron tamén testemuñas dunha crecente conflitividade, derivada non só das novas condicións socioeconómicas, senón tamén dunha progresiva tomada de conciencia e unha organización das forzas políticas contestatarias na clandestinidade.

O ditador recibindo en audiencia a Filgueira Valverde.

Contra a metade do século, feitos como a morte de Castelao , a disolución do Partido Galeguista e o asentamento do réxime ditatorial, dan lugar a un abandono da loita política de signo galeguista. No 1950, coa fundación por parte dun grupo de intelectuais da editorial Galaxia , o galeguismo coñeceu unha formulación que se afastaba da militancia política, centrándose nun proxecto de signo cultural.

Por aquela altura xa se producira un esmorecemento da resistencia armada ao franquismo iniciada nos anos precedentes. A morte do rebelde Xosé Castro Veiga, coñecido polo Piloto, producida en Belesar no transcurso dun enfrontamento, foi o último incidente subversivo desta índole.

Da década dos 60 arrincan algúns fenómenos que van supor unha nova resposta de certos sectores, descoñecida ata entón, ás limitacións impostas polo réxime autoritario. Por un lado, prodúcense mobilizacións protagonizadas pola clase obreira, campesiña e estudiantil, alentadas por algunhas forzas políticas na clandestinidade. Por outro, é nestes anos cando xorde unha reorganización das forzas políticas en torno a proxectos nacionalistas que medraban a partir dun ideal común.

Xa nos primeiros anos desta década teñen lugar mobilizacións illadas de determinados sectores na defensa dos seus intereses, brutalmente ameazados polo poder central. Referímonos a disturbios como as loitas campesiñas de Mazaricos, no ano 1962, por mor da desconformidade dunha parte dos labregos co plano de aparcelamento que se lles pretendía impoñer. Do mesmo signo foron os acontecementos producidos na localidade ourensá de Castrelo de Miño, no ano 1966, en resposta á decisión por parte da empresa Fenosa de construír un encoro, o que supuña un importante deterioro medioambiental para a bisbarra. Como xa dixemos, as forzas políticas que viñan de reorganizarse na clandestinidade prestaron o seu apoio a estas causas.

Os últimos anos da década dos 60 están tamén protagonizados polas folgas. A primeira delas tivo lugar na cidade de Ferrol, nos estaleiros de Bazán, no ano 1967. Os incidentes sucedéronse no ano 1970. De especial gravidade foron as mobilizacións producidas dous anos máis tarde nas cidades de Vigo e Ferrol.

As reivindicacións laborais dalgúns traballadores do sector naval ferrolán foron contestadas co despedimento de seis persoas e coa agresión dun membro do persoal de vixiancia da empresa. Tales feitos ocasionaron unha mobilización que consistiu nun paro e unha concentración diante do arsenal, reprimida polos efectivos policiais. Ao día seguinte, o 10 de marzo, organízanse novas actividades, cun peche e unha manifestación que tamén foi contestada pola policía. O brutal enfrontamento coa policía tivo un desenlace dramático, coa morte de dous traballadores e un gran número de feridos. Os feitos causaron un notábel impacto, non só na cidade de Ferrol senón tamén en toda Galiza. O réxime contestou cunha represión brutal e unha cadea de detencións en diferentes sectores da sociedade.

Tamén Vigo foi escenario de mobilizacións obreiras neste mesmo ano, 1972, con folgas de importancia e incidentes na factoría Citroën, que remataron cunha folga xeral e un despedimento masivo de traballadores.

O papel das organizacións políticas, e en especial do Partido Comunista, na loita obreira foi fundamental. Por outro lado, sectores da poboación comprometidos coa oposición ao réxime deron mostras da súa solidariedade cos máis desfavorecidos do conflito que se estaba a vivir.

Esta sucesión de incidentes que, dunha ou doutra maneira, contestaban o poder centralizador do réxime, culminaron cos movementos estudiantís no final da década.

A partir do ano 1968 a Universidade viviu importantes acontecementos en que tomaron partido as novas forzas políticas clandestinas. Estes feitos, dos que debemos destacar a organización dunha folga prolongada, supuxeron o arrinque dunha actitude contestataria ao réxime desde certos sectores da Universidade, centrada non só en cuestións que atinxían ao funcionamento interno da mesma, senón tamén nunha resposta á política do goberno. Na consolidación desta actitude, nos anos sucesivos, tiveron unha notábel influencia formacións políticas como o Partido Comunista, a Unión do Pobo Galego e Estudiantes Revolucionarios Galegos.

A este clima temos que engadir a actitude crítica co réxime dunha pequena parte do clero, que chegou a posicionamentos tan explícitos como a condena pública da represión policial contra a poboación estudiantil, nunha famosa homilía pronunciada no ano 1968. Pola súa banda, unha boa parte da intelectualidade amosouse disidente co réxime e participou ocasionalmente en actividades culturais de signo galeguista.

Os últimos anos da ditadura franquista están marcados polo xurdimento de organizacións sindicais nacionalistas e plataformas políticas que estaban a preparar o panorama político galego para unha nova situación. Esta producirase no ano 1975, coa morte do xeneral Franco e a fin da ditadura.

A evolución do nacionalismo

Foi entrada a década dos sesenta cando as novas xeracións incorporan outras formulacións políticas, intentando elaborar un pensamento nacionalista cunha clara orientación de esquerda. O galeguismo afástase definitivamente dunha proxección exclusivamente cultural. Con postulados do marxismo e do socialismo, esta nova ideoloxía agrupa unha serie de ideólogos que comparten unha mesma idea: a da liberación nacional.

Álvaro Cunqueiro fotografado nunha conversa telefónica.

No ano 1963 constitúese o Consello da Mocidade. Un ano máis tarde, un 25 de xullo, homes como Méndez Ferrín, Bautista Álvarez, Raimundo Patiño ou Celso Emilio Ferreiro fundan en Santiago a Unión do Pobo Galego . O seu ideario político baséase na identidade de Galiza como nación, reclamando dunha maneira explícita o dereito de autodeterminación. A súa política de liberación nacional desenvólvese nunha liña marxista-leninista.

No ano 1965 fúndase o Partido Socialista Galego . Entre os seus membros figuran Xosé Manuel Beiras , Caamaño, García Bodaño , etc. O obxectivo fundamental é a construción dunha sociedade socialista e galega. Durante algún tempo, o Partido Socialista Galego levará a cabo unha política próxima á Unión do Pobo Galego.

Estes anos son dunha importancia fundamental para a política galega, pois, a pesar das circunstancias adversas, produciuse unha recuperación da conciencia nacional que callou na formación de organizacións, así como na elaboración dun proxecto político desde os presupostos dun nacionalismo moderno.

IMAXES