Celso Emilio Ferreiro naceu en Celanova no ano 1912. Alí estudou cos Padres Escolapios, dos que recibiu unha formación cultural moi pouco común na época. Estivo relacionado desde moi novo co movemento nacionalista e a comezos dos anos 30 afiliouse ás Mocidades Galeguistas para iniciar unha actividade política e literaria que estaría sempre marcada polo compromiso co país.
Cando estalou a guerra Celso Emilio foi obrigado a se incorporar ao exército franquista. Estivo condenado a morte e, nas catro noites que pasou na cadea até a familia conseguir o indulto, escribiu o poema "Longa noite de pedra", núcleo central do libro do mesmo título.
Finalizado o conflito, cursou Maxisterio e Dereito en Compostela. Só concluíu a primeira das carreiras, mais nunca chegou a exercer como mestre. Casou con Moraima e a parella instalouse en Pontevedra. Nesta cidade fundou en 1948 a colección Benito Soto.
Establecido en Vigo desde 1949 como procurador, escribiu unha biografía de Curros Enríquez, consciente de que a recuperación da figura do poeta podía xogar un papel importante no despertar da consciencia colectiva do país nun momento tan delicado. En Vigo publicou O soño sulagado (1954), colaborou en varias revistas e dirixiu, para Galaxia, a colección de poesía "Salnés", onde saíu, en 1962, Longa noite de pedra. O impacto desta obra foi enorme, esgotouse en poucos días e correu multicopiada de man de man, marcando un fito na historia da nosa literatura. Aínda que non era o primeiro poemario da corrente socialrealista, Celso Emilio pasou a ser o símbolo deste movemento.
En 1966, respondendo a un convite da emigración, marchou a Caracas, onde axiña se enfrontou coa directiva da Irmandade Galega e o sector máis reaccionario da colectividade galega, contra o que redixiu Viaxe ao país dos Ananos (1968), polémico poemario co que inicia un rexistro satírico que continuará en Cantigas de escarnio e maldicir (1968), asinado baixo o pseudónimo Arístides Silveira, no romance de cego Paco Pixiñas (1970), en Os autentes (1973) e mais en Antipoemas (1972). Celso Emilio decántase pola actitude belixerante e o compromiso, pois entende que a poesía é un instrumento eficaz para transformar a realidade.
En 1973 instalouse en Madrid, onde desenvolveu unha intensa tarefa a prol da cultura e a literatura galegas, dedicándose por completo á actividade literaria e xornalística. Son desta época os poemarios Cimenterio privado (1973) e Onde o mundo se chama Celanova (1975). A morte sorpréndeo en Vigo no verán de 1979, nun momento en que Celso Emilio Ferreiro se convertera xa nun auténtico mito vivo para as novas xeracións.
Deitado frente ao mar... - Dios Ke Te Crew
Eu en ti - Cristina Pato + Mutenrhoi - Misturados
Eu en ti - A Quenlla - Máis alá da néboa
Irmáus - Fuxan os Ventos
Olla meu irmau - Luar Na Lubre - Saudade
Longa noite de pedra. Arredemo
María Soliña - Los Tamara - 14 éxitos de oro
María Soliña - Amancio Prada - Vida e Morte
María Soliña - Carlos Núñez con Teresa Salgueiro - Os amores libres
María Soliña - Benedicto - Pola Unión
María Soliña - Luar Na Lubre - Camiños da fin da Terra
María Soliña - María do Ceo - No bico un cantar
María Soliña - Xavier del Valle
Monólogo do vello traballador - Xerardo Moscoso - Galicia
Monólogo do vello traballador - Los Tamara - Miña Galicia verde
Monólogo do vello traballador - Xavier del Valle - Xavier
Moraima (xaneiro 1972)- Suso Vaamonde - Celso Emilio Ferreiro na voz de Suso Vaamonde
Moraima - Manuela e Miguel - Barco na alba