A Etapa Contemporánea II
O vangardismo: Manuel Antonio e Álvaro Cunqueiro
Manuel Antonio

Podemos considerar o caso de Manuel Antonio como un feito illado e único dentro da literatura galega. A súa figura érguese en contra dos modelos adoptados polos seus contemporáneos en diferentes campos. A nivel político representa a radicalidade total do nacionalismo galego que se plasmaría na creación da República Galega fronte ao nacionalismo moderado dos homes da Época Nós; a nivel lingüístico destaca a súa defensa a ultranza do monolingüismo, feito que levou á práctica, en oposición ao bilingüismo case xeral dos autores do seu tempo e a nivel literario representa a completa modernización da literatura galega ancorada, a maioría das veces, en modelos decimonónicos.

Retrato de Manuel Antonio logo de ser ferido na romaría de Cabo de Cruz.

Para chegar a coñecer a súa personalidade, a súa ideoloxía, a súa formación e a súa propia evolución é fundamental o seu epistolario que, desgraciadamente, non se deu á luz antes de 1979. Ata o ano 1972 Manuel Antonio só era coñecido por ser autor dun libro, De catro a catro ,e por varios poemas espallados en diferentes publicacións; mais nese ano publicase a poesía total do rianxeiro: Con anacos do meu interior , Foulas , Sempre a mais despois , De catro a catro , Viladomar e diversos poemas soltos. Tanto este volume como a súa correspondencia foron editados por Domingo García Sabell, que ten no seu poder material inédito do poeta que ata o momento non foi publicado.

A través da súa correspondencia podemos extraer tres características fundamentais da súa personalidade: rebelde, radical e individualista. Desde moi novo o seu carácter salientará polo fervor e paixón con que acomete a súa actitude vital. O ambiente no que se cría está cargado de relixiosidade, mais aos once anos anúncialle á súa nai a súa oposición ao desexo familiar de que seguise a carreira eclesiástica e inicia os seus estudios de bacharelato en Santiago de Compostela. Nestes anos de estudiante comeza a mostrar preocupacións de tipo político que irán evolucionando co paso do tempo. Nun principio é partidario do xaimismo (nome que recibe o carlismo entre 1909 e 1931, período no que Xaime III lidera o movemento) e mesmo chega a simpatizar cos imperios centrais ao comezo da I Guerra Mundial, probabelmente influenciado pola súa familia. O seu cambio de actitude aparece ao pouco tempo, despois de coñecer os ataques alemáns contra os barcos da Cruz Vermella. A partir deste momento, e durante toda a súa curta vida, a busca da liberdade e a paixón revolucionaria e patriótica van marcar o seu camiño vital. O espírito de Manuel Antonio é aventureiro, de loitador entregado con fervente paixón e radicalidade á defensa das súas crenzas. Xunto co seu curmán, Roxelio Pérez González, escribe ao cónsul de Francia:

Siendo entusiastas partidarios de la causa del Derecho y la Civilización y creyendo que el mejor modo de defender nuestras ideas, en las actuales circunstancias, consiste en empuñar las armas, decidimos formar parte como voluntarios de la Legión Extranjera del Ejército Francés (...) (Manoel-Antonio: 1979: 25)

A resposta recibida é negativa polo que Manuel Antonio decide, en solitario, entrar ilegalmente en Francia para cumprir o seu obxectivo. A súa iniciativa vese truncada ao ser inmediatamente detido pola Garda Civil e enviado a casa. Este fracaso non impediu que pensase noutro tipo de proxectos, como participar na Revolución Soviética ou unirse á guerrilla de Sandino en Nicaragua; aínda que nunca os levou á práctica.

Manuel Antonio, de neno xunto á súa nai.

O seu epistolario tamén nos ofrece información sobre a súa inmensamente ampla formación cultural, que amosa a súa permanente inquedanza por coñecer e estar ao día en materia literaria, característica común a outros contemporáneos seus. Nas súas cartas hai continuas referencias a publicacións, libros, autores, revistas, etc.; unhas veces para procurar información, outras, para compralos, pedilos prestados, subscribirse, etc.

O rianxeiro acolle con auténtica paixón a ideoloxía galeguista e pasará a formar parte das Hirmandades de Amigos da Fala Gallega. O compromiso coa lingua e a nación galega calarán profundamente en Manuel Antonio, a súa ardente entrega a esta causa presidirá, a partir destes momentos, o resto da súa vida. En 1922 acode á II Asemblea Nacionalista celebrada en Vigo. A diversidade de opinións leva a enfrontamentos no seo das Irmandades, provocando o progresivo afastamento de Manuel Antonio das teses oficialistas, pero nunca renunciará ao seu nacionalismo, como el mesmo di:

Eu considérome fóra da Irmandade, porque me resulta estreita de máis prá cantidade e intensidade de Nazoalismo que eu sinto. (Manoel-Antonio: 1979: 299)

De feito, toda a producción manuelantoniana está orientada á defensa destes ideais.

IMAXES