O Seminario de Estudos Galegos naceu despois da reunión que realizaron, na casa do Castro de Ortoño onde Rosalía pasara a súa infancia, uns mozos daquela estudiantes en Compostela. Así aconteceu segundo o testemuño de Xosé Filgueira Valverde:
"Tal día como o doce de outono de 1923, ben cediño, nove rapaces saíamos co abrente cara as terras da Amahía pra firmar na Casa do Castro de Ortoño, onde se criara a nosa Rosalía, a acta fundacional do Seminario: Fermín Bouza Brey, Wenceslao Requejo Bouet, Xosé Pena e Pena, Lois Tobío Fernández, Ramón Martínez López, Manoel Magariños Negreira, Francisco Romero de Lema, Alberte Vidán Freiría e máis eu".
Aínda que outras versións (a de Bouza-Brey, por exemplo) sinalan que a esa excursión só asistiran seis, o certo é que, días despois, o 23 dese mesmo mes, en casa de Armando Cotarelo Valledor , na altura catedrático de Literatura Española na Universidade compostelá, fixarase o regulamento da nova institución e asinarán a acta fundacional os nove estudiantes.
Manuel Magariños Negreira.
A institución surxe cunha finalidade clara: encher o baleiro que supuña a inexistencia dun centro que permitise facer da realidade galega obxecto global de investigación científica, en boa medida debido a que na Universidade só era posíbel cursar un número limitado de especialidades e a que os traballos desenvolvidos no seu ámbito non atendían ao entorno inmediato.
O Seminario comeza a celebrar as súas reunións na aula 1 da Universidade para despois teren lugar no local cedido pola 'Real Sociedad de Amigos del País' no Colexio de San Clemente e, finalmente, no Salón Artesonado de Fonseca, cedido pola Universidade xunto cunha á lateral do mesmo edificio. Nas sesións do Seminario realizábase a lectura dos traballos presentados polos seus socios, os lidos para ingresar na institución, o traballo anual obrigatorio e as comunicacións voluntarias. Os traballos revestían xeralmente as características da indagación erudita mais tamén podían ser obras literarias ou artísticas: o traballo de ingreso de Ramón Cabanillas —no curso 1925-26— foi Na noite estrelecida , Castelao presentou como traballo anual no curso 1924-25 unha primeira entrega de Cousas , a Bravura "Ara-Gael" foi o traballo de ingreso de Camilo Díaz Baliño no curso 1925-26 e A fiestra valdeira o de Rafael Dieste no curso 1926-27...
O primeiro Presidente do Seminario foi Armando Cotarelo Valledor, substituído por Salvador Cabeza de León após a súa marcha a Madrid en 1925. Á morte deste, en 1934, a presidencia pasaría a Luís Iglesias Iglesias e, por último, no ano 1936 sería nomeado presidente Ramón Otero Pedrayo .
O Seminario organizábase en seccións, cada unha co seu director que, en realidade, era máis ben un coordinador dos traballos desenvolvidos no seo de cada unha delas. Inicialmente, a investigación vai estar máis virada cara os ámbitos humanísticos, aínda que irá ampliando paulatinamente os seus campos de acción, o que conlevará a posta en funcionamento de novas seccións.
Se atendemos á información que nos fornece o "Catálogo de pubricacións 1923-1935" o Seminario constaba, nesa altura, de nove seccións: Prehistoria, Historia, Arqueoloxía e Historia da Arte, Filoloxía e Historia da Literatura, Arte e Literatura, Xeografía, Etnografía e Folclore, Ciencias Sociais, Xurídicas e Económicas e Ciencias Naturais. Habería que acrecentar aínda as seccións de Ciencias Aplicadas (criada en 1934), de Historia da Literatura (segregada da de Filoloxía en 1933) e de Pedagoxía.
A sección de Prehistoria foi, quizais, a que desenvolveu, comparativamente, un labor de maior importancia. Nela, sob a dirección de Florentino López Cuevillas, desempeñou un papel destacado Fermín Bouza-Brey. Ambos colaboraron estreitamente en numerosas ocasións, por exemplo, na elaboración da "Bibliografía da Prehistoria galega". Froito do traballo desta sección foi tamén o Corpus Petrogliphorom Gallaeciae ,compilado por Ramón Sobrino Buhigas, do que só chegaría a ver a luz o primeiro volume.
A sección de Etnografía, dirixida por Vicente Risco , foi outra das destacadas. Como no caso da sección de Prehistoria, incorporou a máis moderna metodoloxía aos seus traballos, dos que podemos citar a título de exemplo O Castro de Caldelas de Vicente Risco (1927) e Vila de Calvos de Randín (1930) de Florentino L. Cuevillas e Xaquín Lorenzo . Debemos salientar tamén o labor compilador levado a cabo por esta sección, tanto a través da posta en marcha dun arquivo folclórico e bibliográfico como, moi especialmente, da reunión de coleccións etnográficas que pasarían a integrar o museo do Seminario de Estudos Galegos.
A innovación na investigación e a actualización metodolóxica que ten lugar nestas dúas seccións foi parella á colaboración establecida con destacados investigadores estranxeiros neses ámbitos. Esta cooperación respondía ao desexo de estar á par dos últimos avances metodolóxicos para poder aplicalos á realidade galega e en beneficio do país, sen dependencias nin mediacións. Neste aspecto, merece un especial destaque a colaboración con investigadores portugueses. Nos traballos da sección de Etnografía participarán de maneira especial F. Castro Pires de Lima e J. R. dos Santos Junior; nos da de Prehistoria, M. Cardozo, A. A. Mendez Correa e R. de Serpa Pinto. O feito de que esta colaboración se produza de maneira especial nas seccións de Etnografía e Prehistoria é máis unha maneira de evidenciar a identidade orixinaria do noroeste peninsular (lembremos os Estudos sobre a edade do ferro no noroeste peninsuar realizados conxuntamente por Cuevillas e Serpa Pinto), patente aínda, a pesar das fronteiras políticas e dos séculos transcorridos, nas manifestacións da cultura popular ( Afinidades galaico-minhotas do cancioneiro popular de Castro Pires de Lima).
O Seminario tiña unha concepción interdisciplinar da investigación científica e partía da premisa de que esta se tiña que desenvolver aplicada á realidade galega. Como exemplo da súa metodoloxía de traballo, cómpre sinalar as Xeiras. As Xeiras eran o resultado do esforzo conxunto de varias seccións e tiñan como obxectivo estudiar con relativa exhaustividade a comarca escollida, para o cal se realizaba un importante traballo de campo. Fixéronse xeiras a Monforte, Carballiño e o Ribeiro, Deza ou Melide. Esta última, comezada no ano 1929, deu lugar á publicación conxunta, en 1933, dos traballos realizados (paleográficos, prehistóricos, folclóricos, etnográficos, económicos, artísticos) nun volume, Terra de Melide ,de máis de 700 páxinas, traballo exemplar que pode considerarse (e de feito así se considerou) como buque-insignia do labor do Seminario de Estudos Galegos.
Caricatua de Armando Cotarelo Valledor, realizada por Seoane.
O compromiso do S.E.G. con Galiza non ficou só na investigación científica, senón que esta institución se implicou activamente no artellamento dun proxecto político para o noso país. Así, a través da súa sección de Ciencias Sociais, Xurídicas e Económicas elaborará en 1931 un Anteproxecto de Estatuto de Galiza. O texto redixiuno unha ponencia da que facían parte Vicente Risco, Luís Tobío, Alexandre Bóveda, Ricardo Carvalho Calero e Valentín Paz Andrade e aprobouse na asemblea de municipios que tivo lugar en 1932. Esta sería a base do texto logo aprobado no plebiscito celebrado no ano 1936.
Coa intención de levar os resultados da investigación e do coñecemento científico á utilidade máis inmediata, algunhas seccións puxeron en marcha iniciativas prácticas, como a de Ciencias Naturais que abriu un consultorio gratuíto de pragas do campo.
Aínda que o Seminario de Estudos Galegos foi unha iniciativa de mozos universitarios contou, desde o primeiro momento, co apoio e a participación activa de membros das xeracións anteriores. De feito, tanto a primeira presidencia como a xefatura das distintas seccións foron desempeñadas por aqueles que, por idade e por recoñecemento intelectual, eran os seus mestres. Así, no ano da súa fundación, Armando Cotarelo Valledor, para alén de asumir a presidencia, dirixirá a sección de Filoloxía, e Castelao, Otero Pedrayo e Risco faranse cargo, respectivamente, das de Arte e Letras, Xeografía e Etnografía e Folclore. Neste sentido, pódese dicir que é un proxecto complementar da revista Nós e que ambas as empresas culturais van ser espacios de encontro de, inicialmente, dúas xeracións.
Se ollamos a relación dos autores dos primeiros traballos presentados no Seminario, confirmaremos como nesta institución confluíron, xa desde o inicio, un heteroxéneo grupo de homes: os nomes de Cotarelo, Filgueira Valverde, Martínez López, Magariños, Tobío , Xosé Mª de la Fuente Bermúdez, Manuel Banet Díaz Varela, Xosé Pena e Pena, Risco, Bouza, Cuevillas, Castelao, Manuel Lago González, Salvador Cabeza de León, Ánxel del Castillo, Losada Diéguez , Xavier Pardo, Otero Pedrayo, Xulio Balboa, Manuel Lugrís Freire , Xoaquín Xil Armada, Xoán Rof Carballo, Leandro Carré Alvarellos , Augusto Mª Casas, Urbano Losada, López Abente , Cabanillas, Noriega Varela , Taibo , Xoaquín Arias Sanxurxo, Eduardo Lence Santar, Salustiano Portela Pazos, Xoaquín Lourenzo, Ánxel Romero Cerdeiriña, Lois Ksado, Francisco Asorey e Camilo Díaz Baliño... son boa mostra disto. Tamén participaron nos traballos do Seminario mulleres como Sarah Lorenzana, Xosefa Vilarelle ou Luísa Cuesta que, a pesar de seren cuantitativamente minoría, contribuíron ao desenvolvemento da institución realizando un labor non sempre valorado e a miúdo esquecido.
Do punto de vista económico, os traballos do Seminario de Estudos Galegos podían levarse a cabo gracias a un financiamento múltiplo. En primeiro lugar, os gastos orixinados polos desprazamentos para realizar traballos de campo facíanse a conta dos propios participantes, de maneira que non só o seu traballo era desinteresado senón tamén frecuente orixe de gastos. As achegas fundamentais foron sempre as realizadas polos socios protectores que, en 1935, eran un total de 326 —deles unha grande parte, 88, en Santiago de Compostela— e por entidades protectoras que, nalgún caso, se constituíran especificamente para esta finalidade, como aconteceu con dúas institucións fundadas pola emigración americana, a 'Institución Cultural Galega Protectora do Seminario de Estudos Galegos' de Buenos Aires e a 'Asociación Protectora da Cultura Galega' de Montevideo. Ademais, os seus traballos tiveron o apoio de centros educativos (os Institutos de Pontevedra e Noia e a Escola Normal de Ourense, por exemplo) e de entidades e asociacións culturais —a Biblioteca Provincial de Pontevedra, o 'Centro Obrero de Cultura' de Ferrol ou o 'Liceo Casino' de Pontevedra— e mesmo o apoio institucional, a través das Deputacións provinciais e dalgúns concellos galegos ou, na época republicana, con subvencións por parte do 'Ministerio de Instrucción Pública y Bellas Artes'.
Para alén destes ingresos, o S.E.G. habilitou mecanismos especiais de financiamento para poder levar a cabo algunhas das súas publicacións, principalmente aquelas que, polos súas características —como unha abondosa documentación gráfica—, tiñan un maior custo económico. Foi o caso do Codex Calixitinus e do Corpus Petrogliphorum Gallaeciae. O procedemento utilizado para poder afrontar estas impresións foi o anticipo reintegrábel, que consistiu no lanzamento, en xuño de 1934, de 250 bonos de 50 pesetas, iniciativa que obtivo unha magnífica resposta en todo o país, agradecida pola institución nunha nota de prensa na que salienta como "As listas de firmantes dos boletíns de suscrición de aquel "adianto" arrostran ben as craras de que xeito en toda a nosa terra xentes arredadas nos máis opostos eidos da política, traballadores nas mais distintas tarefas, coinciden nun fervor patriótico contribuíndo a este ensaio de cooperación realizado polo noso Centro casi improvisadamente".
Outra faceta importante do labor do Seminario de Estudos Galegos foi a da divulgación e difusión dos seus traballos. Unha das súas iniciativas para este fin foi a realización, cada vez de maneira máis sistemática, de cursos e conferencias, que no verán de 1935 se converteron en dúas series, unha de cursos monográficos e outra dedicada especialmente aos profesores de ensino primario, celebradas en Pontevedra.
Nun plano diferente, estarían encontros como a 'Semana Galega do Porto'. O fin perseguido neste caso era estreitar o contacto entre os investigadores galegos e os portugueses e coñecer in situ os centros de estudio e os métodos de traballo que estaban a ser utilizados no país viciño, á par que dar a coñecer os traballos desenvolvidos no S.E.G. a través dunha serie de conferencias ditadas polos membros designados para ese cometido. Por tanto, o espirito que presidía este desprazamento era o da cooperación e do intercambio científico que, ademais, aspiraba a sentar as bases de futuras Semanas a realizar tanto en terra portuguesa como en terra galega.
Mais, sen dúbida, foron as publicacións as que deron maior proxección ao labor do Seminario de Estudos Galegos. Nun primeiro momento, dado que a institución non contaba cun órgano de publicación propio, os seus traballos dábanse a coñecer noutros medios, principalmente na revista Nós e no Boletín de la Real Academia Gallega. A partir de 1927, o Seminario contará cunha publicación propia, os Arquivos , de periodicidade anual, dos que chegaron a publicarse seis entregas. Ademais, co carimbo do S.E.G. saíron volumes de diferentes temas, case sempre tirados nas prensas do editor Ánxel Casal. Na década de trinta, púxose en marcha unha ambiciosa iniciativa editorial: a publicación dunha serie de dez manuais que aspiraban a ser "orientación bibliográfica do curioso, guía do traballador, información do mestre" e, ao tempo, recoller o estado actual dos coñecementos e das investigacións realizadas en cada unha das especialidades seleccionadas (Xeografía, Ciencias Naturais-Xea, Ciencias Naturais-Fauna e Flora, Gramática Galega, Etnografía e Folclore, Música, Historia, Historia da Arte, Historia da Literatura, Institucións). Da proxectada serie, só chegou a publicarse o volume de Historia ,preparado por Vicente Risco.
Caricatura de Vicente Risco. O Ghandi galeguista.
Todo este labor publicístico actuou como factor activo na expansión de ámbitos de uso da lingua, posto que, aínda que o Seminario de Estudos Galegos tiña como linguas oficiais o español e o galego, a maioría dos seus membros tiña un compromiso activo coa lingua galega, que se traduciu na súa utilización en grande parte dos traballos publicados co carimbo do Seminario, así como nos actos públicos (charlas, conferencias) relacionados con el. Por isto, desde a perspectiva actual, non hai dúbida da importancia que para o desenvolvemento do discurso científico tivo a existencia do Seminario de Estudos Galegos.
Do punto de vista da historia literaria é especialmente interesante o labor realizado na sección de Filoloxía, inicialmente dirixida por Cotarelo, logo por Abelardo Moralejo Lasso —tamén Catedrático de Filoloxía na Universidade compostelá— e, finalmente, por Paulino Pedret Casado. Na opinión dunha testemuña de excepción, Ricardo Carvalho Calero, "a investigación lingüística non chegóu nunca a concretarse en plasmacións efectivas", debido, en parte, a que eses dous catedráticos nunca tiveron tempo suficiente para formar discípulos no seo do Seminario e, sobre todo, á inexistencia dunha especialidade universitaria en Filoloxía que facía que ningún dos seus membros tivese unha preparación filolóxica específica e que as vocacións investigadoras se inclinasen cara outros ámbitos das Letras. O S.E.G. intentou superar estas carencias, preparando os membros que quixesen realizar traballos na área de Filoloxía a través da organización de cursos específicos, como o de introdución á Filoloxía Románica impartido en 1931.
Con todo, esta sección tentou dar resposta a algunha das necesidades máis evidentes no campo filolóxico, por exemplo, a unificación ortográfica. Surxen así "Algunhas normas pra a unificazón do idioma galego" como resultado dunha ponencia na que participaron Pedret Casado, Pereira Rial, González García-Paz, Filgueira Valverde e Lorenzo Fernández que, inicialmente, estaban concibidas para o uso interno da institución, de maneira que os traballos vinculados ao Seminario presentasen uns mínimos de coherencia ortográfica. A proposta publicouse tras o acordo da sesión celebrada o 15 de Outubro de 1933.
Ademais, foron homes vinculados ao Seminario de Estudos Galegos os que realizaron algunhas das aproximacións máis destacadas ao estudio da nosa tradición literaria, especialmente a medieval, cuestión que nos interesa especialmente no tema que nos ocupa. Cando Armando Cotarelo chega á cátedra compostelá, en 1906, introduce explicacións de literatura galega nas súas aulas e, dentro da súa dedicación investigadora, a lírica medieval galego-portuguesa vai ser merecente de especial atención, como mostran os traballos dedicados a Pai Gomez Charinho e aos irmáns Eans Marinho. Sen dúbida, o maxisterio de Cotarelo favoreceu o achegamento a este período da nosa historia literaria por parte dalgúns dos seus discípulos, tamén vinculados ao S.E.G. Tal é o caso de dous dos membros fundadores, Xosé Filgueira Valverde e Xulián Magariños, o primeiro autor dun estudio sobre "A paisaxe no Cancioeiro da Vaticana", lido como traballo de curso no 1925 e publicado en Nós dous anos despois, o segundo de "Afonso do Coton, humorista", pequeno ensaio publicado tamén na revista ourensá, en 1926.
Independentemente dos logros concretos no ámbito filolóxico, o Seminario de Estudos Galegos seguiu con atención a actualidade das investigacións filolóxicas e así, por exemplo, cando falece Carolina Michaélis, editora do Cancioneiro da Ajuda, vai renderlle homenaxe nunha velada necrolóxica. Tampouco podemos esquecer que nomes que logo alcanzarían significatión no ámbito filolóxico, como Ricardo Carvalho Calero, Xosé Filgueira Valverde ou Ramón Martínez López iniciaron a súa aprendizaxe como investigadores no ámbito do S.E.G.
En suma, o Seminario de Estudos Galegos conseguiu, en pouco máis dunha década, resultados importantísimos na investigación científica da realidade galega utilizando unha moderna metodoloxía e o seu traballo suscitou un apoio unánime no ámbito cultural galego. É certo que houbo tamén críticas ao seu labor, focalizadas na actuación de Luís Iglesias como presidente, algunhas acedas (incoherencia lingüística, academicismo, submisión á universidade, desestruturación interna, hipertrofia do Consello Directivo...) que chegaron a trascender ás páxinas da prensa. No momento da súa forzosa desaparición, a institución iniciaba unha nova etapa, sob a dirección de Ramón Otero Pedrayo que, probabelmente, suporía unha reorientación dos seus fins e obxectivos.
Florentino Cuevillas e Filgueira Valverde, membros do S:E.G., nunha xira etnográfica.
O Seminario de Estudos Galegos vai ser unha das primeiras institucións en padecer as consecuencias da sublevación fascista do 1936. Entre a indiferencia dalgúns dos que tiñan sido os seus membros destacados e os esforzos doutros por evitar que os seus bens fosen espoliados, o S.E.G. deixa de funcionar. Sobre as súas ruínas surxirá en 1944, sob o amparo do 'Consejo Superior de Investigaciones Científicas', unha nova institución, o Instituto de Estudios Gallegos 'Padre Sarmiento ', ao que irán incorporándose paulatinamente algúns dos que foran membros do Seminario —Fermín Bouza-Brey entre eles— que, aínda con reticencias, viron na nova institución unha posibilidade de desenvolver un traballo doutra maneira xa inviábel. No Instituto 'Padre Sarmiento' vai realizar Bouza un importante labor, especialmente na sección de Arqueoloxía, e contribuirá tamén de maneira destacada á consolidación do órgano publicístico da nova institución, os Cuadernos de Estudios Gallegos ,onde dará a coñecer as súas importantes investigacións biográficas sobre Rosalía de Castro.